Alento, Asociación de dano cerebral, no IES

 

 

Este xoves 15 de febreiro pola tarde os grupos de APSD e Integración social modular tivemos a sorte de conversar cunha representación de profesionais e participantes de Alento (Asociación de dano cerebral adquirido, ubicada en Navia).

Achegáronse até o IES para amosarnos como é o día a día tanto no seu centro de día terapéutico como no servizo residencial. 

Atopámonos con persoas plenamente conscientes de que é o que se precisa para mellorar a calidade de vida e a autodeterminación das persoas e como é posible poñelo en práctica grazas a moitos perfís profesionais (fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, psicoloxía, neuropsicoloxía, traballo social, TCAE…) que desafían as barreiras que nun momento ou outro da vida, en realidade, todas as persoas podemos atopar no camiño. 

Descubrimos que teñen a posibilidade de mergullarse en obradoiros artísticos, sesións de psicomotricidade, natación, escalada, experiencias en contacto coa contorna, obradoiros nos que coidar da natureza ou saídas máis alá da contorna de Vigo: a quen non lle apetece ir até Tui, por exemplo? Collen as furgos e… adiante!

E todo, co bo humor das persoas que saben gozar do momento e ir resolvendo dificultades cando xorden; se non houbese a posibilidade de previlas, pois aí teñen, ao carón da man, os apoios precisos para seguir a avanzar no camiño, xuntas.

Teñen tamén a mirada posta no futuro, con ideas que xa están a xermolar, como unha andaina a finais de abril da que vos contaremos máis adiante cal vai ser o percorrido. Imos?

Desde aquí queremos deixar constancia do que nos transmitistes! Vida! 

Grazas por achegarvos ata o IES e ampliar a nosa mirada!