Graduación da promoción de Bacharelato 2021-2023

Onte, 9 de xuño, despedimos o alumnado de 2° de Bacharelato da promoción 2021-2023 nun acto de graduación cheo de momentos divertidos e entrañables. Despois destes últimos anos compartidos, ateigados de experiencias e aprendizaxes de todo tipo (e coa irrupción dunha pandemia polo medio), tócanos dicirvos adeus malia que nos custe, pero unha parte de vós quedará sempre nos nosos corazóns porque a memoria é o patrimonio máis valioso e irredutible que temos, e o recordo que vós deixades é imborrable. Así que só podemos desexarvos moita sorte a todas e todos nesta nova etapa das vosas vidas que estades a piques de comezar, esperando que a pegada que depositamos en vós desde o IES de Chapela sexa como un vento favorable que vos axude a voar máis alto e máis lonxe na longa travesía que vos agarda por diante, alí ata onde os vosos soños poidan enxergar.