Nota informativa COVID-19

Prezadas familias e alumnado,

 

volta ás aulas logo das vacacións de Nadal, nunha situación de alta transmisión do virus que provoca a COVID-19, está a supoñer certa desorde na información e instrucións por parte das administracións educativas e sanitarias. É certo que o escenario é cambiante e supón unha adaptación constante ao contexto, mais seguimos sen contar con pautas precisas transmitidas en tempo e forma nun momento no que o noso centro está a ter unha alta incidencia da pandemia entre o alumnado.

A aposta pola presencialidade é decidida, e o peche dos centros amósase como unha medida de último recurso. Os centros sitúanse neste contexto como contornas seguras das que se traballará por garantir a súa apertura continuada.

As medidas de protección son as coñecidas: ventilación, uso correcto de máscaras, hixiene de mans, distancia interpersoal... Mais no novo contexto redobrando esforzos e atención no seu cumprimento.

En canto a xestión de casos confirmados ou posibles, é fundamental non acudir ao centro educativo se:

- Hai calquera síntoma compatible coa COVID, se teña diagnosticado ou non.

- Hai diagnóstico de COVID.

- Existe indicación de corentena.

O alumnado que presente síntomas compatibles coa COVID-19, non deberá acudir ao  centro ata que teña o resultado dunha proba diagnóstica.

Casos confirmados

Os casos confirmados non deben acudir ao centro, e deben permanecer en illamento ata transcorridos 3 días do fin do cadro clínico e un mínimo de 7 días desde o inicio dos síntomas ou desde o diagnóstico en casos asintomáticos. Tras o período de illamento e ata 10 días posteriores ao inicio dos síntomas ou á data de diagnóstico en asintomáticos, as persoas positivas deberán extremar as precaucións e reducir no posible as interaccións sociais. É importante que a persoa positiva comunique á súa rede de contactos próxima a súa situación para que poidan tomar as medidas oportunas.

Contactos estreitos

Os contactos estreitos, sen síntomas, vacinados coa pauta completa, estarán exentos de corentena e poderán acudir ao centro. Aqueles contactos estreitos que soliciten agardar por unha proba diagnóstica ou que polas súas circunstancias persoais demanden adiar a súa presenza no instituto por un período de tempo prudencial, terán xustificada a súa falta de asistencia. Sabedores da dificultade de conseguir probas documentais para xustificar un positivo ou un contacto, o centro actuará con flexibilidade, mais pregamos que sempre que sexa posible se achegue xustificación.

 

Para calquera cuestión non dubiden en poñerse en contacto co centro a través do teléfono ou correo electrónico.

Agradecemos o comportamento e a resistencia activa do noso alumnado. Un saúdo.

 

A DIRECCIÓN / EQUIPO COVID