25-N - 2021: o IES de Chapela clama contra a Violencia de Xénero

Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, dende o IES Chapela levamos a cabo a iniciativa “25N – tirando no fío”, un acto coordinado polo Equipo de Igualdade do centro, “Brigada Violeta”. Este ano quixemos darlle visibilidade a diferentes manifestacións de violencias contra a muller no mundo: o feminicidio, a mutilación xenital feminina, o matrimonio infantil concertado, a trata de mulleres, as agresións sexuais e o control por parte dos mozos nas relacións adolescentes. Para isto, dende as diferentes zonas do patio, o alumnado da Brigada Violeta destapou unhas caixas previamente cubertas cunha tea. Cada unha destas caixas –que conteñen imaxes, textos e outros datos– está centrada nun destas violencia. A exposición pode verse no vestíbulo do centro durante toda a semana próxima. 

Ademais na xornada da tarde co alumnado de FP modular completouse cun acto de denuncia e reivindicación no que se cantou o tema  “Hymne des femmes do grupo Habelas Hainas, un recital poético dun poema de Sesé Mateo así como se reproduciu un poema colectivo realizado polo alumnado de APSD modular (H2).

     
Ademais, ao longo deste mes, en colaboración co Concello e outras entidades, estanse a realizar no centro diversos obradoiros e actividades para a sensibilización e prevención da violencia machista na mocidade.    
     

As actividades do noso centro foron obxecto de seguimento en medios de comunicación como RadioVigo, que entrevistou a nosa orientadora e profesora da materia Igualdade de Xénero, Tamara Bermúdez Garea.

 

  BRIGADA VIOLETA