Chegou o verán

Mañá martes será o último día lectivo deste atípico curso que comezou coa incerteza de saber se sería posible desenvolver a pé de aula. Atrás quedou aquel 23 de setembro do ano pasado no que as máis pequenas e pequenos do IES de Chapela traspasaban as portas do centro as nove da mañá. Desde aquela son moitos os momentos e as experiencias compartidas entre o alumnado de tan diferentes idades. Cento sesenta e sete días de clase nos que non foi preciso pechar o centro nin ningunha das súas aulas, e nos que no interior do instituto non se constatou ningún contaxio. O labor incansable de Celia, Sefi, Marina e Fátima; a planificación e elaboración de plans e protocolos deseñados por Isabel e Elena desde o equipo COVID e implementados polo profesorado e persoal non docente; a sorte; e sobre todo a madurez e responsabilidade do noso alumnado no cumprimento das medidas de hixiene e seguridade, fan que poidamos dicir, agora si, que contivemos a pandemia no curso 2020/21. Por riba dos resultados académicos mañá toda a nosa comunidade educativa celebra a aprendizaxe da nosa resistencia activa. Moitas grazas a todas e a todos e os nosos parabéns! Bo verán!

A dirección