Conferencia Sectorial de Educación - 15 de abril

Hoxe tivo lugar a Conferencia Sectorial de Educación na que o Ministerio de Educación presentou ás Comunidades Autónomas unha proposta de acordo para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 19/20 e o inicio do 20/21. Na xuntanza chegouse maioritariamente a unha serie de consensos e puntos de encontro que a partir de agora cada Comunidade Autónoma deberá de concretar, formalizar e transformar nas instrucións que procedan. En comparecencia esta tarde ante os medios de comunicación, a ministra de Educación, Isabel Celaá, avanzou algunhas das ideas clave da xuntanza: o curso continúa ata xuño sexa de xeito presencial ou non presencial; o terceiro trimestre empregarase para recuperación, repaso, reforzo, ou ampliación de aprendizaxes anteriores que resulten necesarias; recoméndanse actividades globalizadoras e interdisciplinares, e promoción do traballo colaborativo; no verán poderán deseñarse actividades de reforzo e deportivas nos centros; haberá unha flexibilización do currículo e da programación; a repetición de curso será excepcional; adaptaranse as FCT reducindo horas e mesmo substituíndo en casos a formación pola realización de proxectos... Comunicado na Web do Ministerio. Falta agora por parte da Consellería de Educación, a concreción de todas estas propostas en instrucións. No portal da Consellería publícase hoxe un breve comunicado no que se lamenta a indefinición do Ministerio de Educación á hora de establecer as condicións de promoción e titulación. Agardando as instrucións, que comunicaremos e aplicaremos como Centro no momento preciso, volvemos a apelar á responsabilidade e madurez da nosa comunidade educativa, e a solicitar calma. Desde aquí seguimos acompañando, informando e transmitindo aquelas novas que entendemos como confirmadas. Todos os prazos e medidas seguen a estar marcados pola pandemia.

 

A dirección