Actividades

V Xornada gastronómica francesa e de cociñas do mundo

O 17 de abril o Departamento de Francés, en colaboración coa Biblioteca do centro, celebrou a V Xornada gastronómica, con gran éxito de participación. O xurado, composto por representantes do alumnado, do profesorado e do persoal non docente, tivo moi difícil repartir os premios. Queremos agradecer a colaboración das familias e do alumnado participante.

Obradoiro: O BO USO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

O alumnado de 1º de ESO participará, a partir do 18 de abril, nun obradoiro sobre o bo uso das novas tecnoloxías. Será dirixido pola ONG Igaxes, en catro sesións que terán lugar nas horas de titoría de cada grupo.

Charla sobre os orzamentos participativos do Concello de Ames

O 16 de abril o alumnado de 1º de Bacharelato tivo a oportunidade de colaborar cunha treboada de ideas no proceso dos orzamentos participativos do Concello de Ames, da man dos técnicos do Concello e da concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero.

Maleta da igualdade

O Departamento de Lingua Galega realizou co alumnado de 4º de ESO D unha actividade de busca de información e reflexión. Para ela,  utilizaron o contido da "Maleta da igualdade" da Consellería de Cultura e da Secretaría Xeral de Igualdade que a biblioteca do centro ten en préstamo ata o próximo martes 17 de abril.

 

Maleta da igualdade II

Charla da escritora Alicia Borrás

Alicia Borrás, autora da novela xuvenil  Nata y chocolate,  tivo un encontro o venres 6 de abril co alumnado de 1º de ESO. A súa obra foi lida este curso na materia de Lingua Castelá  e suscitou moito interese.

Obradoiro: CÍRCULO DE HOMES

Entre o 11 e o 17 de abril os alumnos de 4º de ESO participarán no obradoiro "Círculo de homes" impartido por José Expósito, axente de igualdade de oportunidades.

Charla: O CAMBIO CLIMÁTICO

O profesor da USC José Antonio Rodríguez Añón ofreceu, o mércores 4 de abril, unha charla sobre o cambio climático ao alumnado de 3º ESO e de Xeografía de 2º Bach. Nela, desmontou moitas das falsas crenzas sobre este tema.

Xornada gastronómica francesa

O Departamento de francés do IES do Milladoiro organiza a súa V Xornada gastronómica e invita a participar a toda a comunidade educativa. Instrucións aquí

Saída a Dublín

O alumnado de 3º de ESO está gozando da súa estadía na capital irlandesa. Enviáronnos xa algunhas fotos:

 

Dublín 2018

Obradoiro de xornalismo

Grazas á colaboración do Colexio de Xornalistas de Galicia, o alumnado de 4º ESO A e 3º ESO B e C tivo a oportunidade de asistir a un obradoiro de xornalismo o venres 23 de marzo. Foi unha actividade organizada polo Departamento de Lingua Galega e a Biblioteca do centro.

Conferencia do Dr. Ángel Carracedo

O xoves 22 de marzo o alumnado de 4º de ESO e o alumnado de Bioloxía de 2º de Bacharelato tivo a oportunidade de escoitar o Dr. Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e xefe de grupo do CIBERER (Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras).  Transmitiunos o amor polo seu traballo e, sobre todo, deu unha lección vital explicando a súa traxectoria profesional con cercanía, simpatía e humildade.

Maleta da igualdade

Do 21 de marzo ao 17 de abril a Biblioteca contará en préstamo coa "Maleta da igualdade" da Consellería de Cultura e a Secretaría Xeral de Igualdade. Trátase dun conxunto de 42 obras de diversos xéneros que supoñen un recurso para traballar nas aulas temas como a corresponsabilidade, o empoderamento, os estereotipos, o feminismo, a violencia de xénero, a identidade, a historia das mulleres... Hoxe achegáronse a ela os primeiros grupos de 2º de ESO a través dun xogo de "Caza do tesouro".

21 de marzo: Día Mundial da Poesía

A Biblioteca do IES do Milladoiro celebra o Día Mundial da Poesía cunha exposición de HAIKUS elaborados polo alumnado de Lingua Castelá e Literatura.

Visita do Lycée Thépot

O martes 20 de marzo recibimos a un grupo de cincuenta e dous estudantes e catro profesores do Lycée Thépot de Quimper (Bretaña francesa), cos que o noso alumnado mantivo correspondencia ao longo deste curso. Foi unha xornada de convivencia na que houbo charlas sobre os respectivos sistemas educativos, deporte e mesmo baile. Remataron cunha ximcana pola cidade de Santiago acompañados polo alumnado de francés do noso centro.

Saída a Dublín

Un grupo de alumnas e alumnos de  3º ESO estará en Dublín do 20 ao 25 de marzo acompañado polas profesoras Sonia Magariños (relixión) e Magaly Menéndez (inglés). Desexámoslles boa viaxe!

Física recreativa: Clickonphysics

O venres 16 de marzo, o alumnado de Física de 1º e 2º de Bacharelato e 4º de ESO asistiu a unha charla de José Benito Vázquez Dorrío, da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, e realizou con el unha serie de actividades manipulativas. O conferenciante gabou o comportamento e a actitude do noso alumnado, que gozou moito coa actividade. Neste enlace podemos ver algunhas fotos.

Última sesión de rodaxe con AGARESO

O 12 de marzo finalizaron as actividades de rodaxe dun documental sobre a Rede do IES do Milladoiro levadas a cabo por AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) en colaboración coa ACPP. O noso equipo de gravación de 2º de ESO pasouno moi ben e aprendeu moito. Estamos desexando ver o resultado do seu esforzo!

Visita ao "Viveiro de Empresas"

O alumnado de 4º ESO D e de Economía e Empresa de 2º Bacharelato  acudiu o luns 12 de marzo ao "Viveiro de Empresas" da Cámara de Comercio de Santiago, no Polígono Costa Vella. Alí tiveron a oportunidade de coñecer o labor desta iniciativa para o apoio das novas empresas.

8 de marzo

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, inspirou diversas actividades realizadas por diferentes departamentos do centro.

 

8 de marzo

Asistencia ao Festival de Teatro Grecolatino en Lugo

O alumnado de latín, grego e cultura clásica do noso centro acudiu a Lugo o 5 de marzo para asistir a dúas representacións: a traxedia Edipo Rey, de Sófocles, e a comedia Cásina, de Plauto. Aínda que o tempo non acompañou, gozaron da xornada!

Prevención de condutas adictivas no ámbito escolar - 1º de Bacharelato

O IES do Milladoiro, en colaboración co Concello de Ames, vai desenvolver neste curso un programa de prevención de condutas adictivas en 1º de Bacharelato.

Convócase as familias do alumnado de 1º de Bacharelato a dúas reunións informativas no Salón de actos do IES do Milladoiro:

  • 1ª reunión, previa ao traballo co alumnado: martes, 13 de marzo, ás 18:30. 
  • 2ª reunión, posterior ao traballo co alumnado: martes, 2 de abril, ás 18:30.

Charla en francés

O lector do IES O Couto de Ourense, Marvin Lebars, visitou o noso centro para impartir unha charla ao alumnado de francés de 1º e de 2º de Bacharelato sobre os seguintes temas: A Bretaña.O sistema educativo francés.Os territorios de Ultramar.

 

Obradoiro de regueifas para 1º de ESO

O alumnado de 1º de ESO participa no proxecto ENREGUEIFATE que une os concellos de Ames, Carballo, Santiago e Teo.

Día de Rosalía no IES do Milladoiro

Saída ao rocódromo

O alumnado de 2º de ESO tivo a oportunidade de participar nunha actividade de escalada en rocódromo organizada polo departamento de Educación Física.

Rocódromo

Obradoiro sobre sexualidade e relacións coercitivas

A partir do xoves 22 de febreiro, o alumnado de 3º de ESO participará nas horas de titoría no obradorio "Sexualidade e relacións coercitivas" impartido por IGASEX3.

Saída a Dublín: REUNIÓN INFORMATIVA

Convocamos as familias do alumnado que participará na saída a Dublín a unha reunión informativa o día 27 de febreiro ás 18:15 no Salón de actos do IES do Milladoiro. Tamén recordamos que, aínda que non é obrigatorio, é conveniente que o alumnado conte coa Tarxeta Sanitaria Europea (TSE). Esta solicítase nos Centros de Atención e Información da Seguridade Social ou a través de internet.

Fotos da saída a Andorra

Saída a Andorra-1

Galería fotográfica:  parte II, parte III e parte IV.

Conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

O 11 de febreiro foi declarado pola ONU Día internacional da muller e da nena na ciencia. Para conmemoralo, o IES do Milladoiro acolleu o 19 de febreiro as científicas do Centro Oceanográfico de Vigo Olga Carretero e Elena Fagín, que falaron do papel das mulleres na ciencia nunha actividade organizada polo Departamento de Física e Química.

Construíndo o meu camiño

A iniciativa da Anpa do IES do Milladoiro, AnpaMilla, "Construíndo o meu camiño" acadou un grande éxito ao poñer en contacto o noso alumnado con profesionais de moi diferentes áreas. Agardamos continuar colaborando para darlle continuidade nos vindeiros cursos!

Na prensa: La Voz de Galicia (1), La Voz de Galicia (2), El Correo Gallego (1) , El Correo Gallego (2)

Construíndo o meu camiño

Distribuir contido