Entrevista a Xosé Manuel Martínez Oca

Xosé Manuel Martínez Oca no IES MGB da Estrada-1d.jpg

ENTREVISTA A DON XOSÉ MANUEL MARTÍNEZ OCA por Manuel De La Calle Cuevas, Eva Janeiro Couceiro, Rocío Mato Búa, Priscila Pérez Cajaraville e Marta Rodríguez Castro. Alumnado de 2º de Bacharelato do IES Manuel García Barros da Estrada (Pontevedra)

Que feito o motivou a comezar a escribir?

Non creo que se poida falar dun feito concreto. Ou polo menos no meu caso cústame moito traballo pensar nunha determinada motivación e nunha precisa data de comenzo. As cousas vanse desenvolvendo pouco e pouco, dunha maneira imperceptible case sempre, e cando un empeza a darse conta da inclinación que sente, xa ten o virus metido no corpo desde moito tempo antes.

Cal é a obra que máis lle custou escribir? E coa que máis se identifica?

En principio, mentres non salta o chispazo, calquera intento é difícil. Despois depende un pouco do tipo de xénero literario a abordar en cada caso. Se se trata dunha novela, para min todas foron difíciles. ¿A que máis se me resisteu de todas? Sempre a que estou escribindo no momento actual e durante todo o tempo en que me dedico a escribila.

Confesando vostede que utiliza ideas doutros autores, aceptaría que plaxiasen algún dos seus libros?

Sentiría unha gran satisfacción, porque me daría a entender que algo feito por min chegara a gustarlle tanto a outra persoa que se decidira a utilizalo pola súa parte.

Nalgunhas das súas novelas e relatos curtos, como O tempo en ningunha parte e Náufragos en terra os seus personaxes principais non teñen nome. Cal é o motivo?

Así, que recorde neste momento, tamén podería engadir "Diario de inverno" e non sei se algunha máis. En realidade e salvo en casos excepcionais, os nomes non teñen moita importancia, son algo elixido de maneira aleatoria e normalmente non explican nada sobre a personaxe de que se trate. En principio tanto dá que un se chame Pepe ou Manuel, por causa do nome a súa personalidade non se vai desenvolver dunha maneira ou de outra. Por eso, salvo en ocasións en que sexan necesarios para facer unha distinción entre unhas persoas e outras, prefiro deixar innominadas as miñas criaturas de ficción.

Con cal dos premios que lle outorgaron se sente máis satisfeito?

A estas alturas non lle concedo excesiva importancia á satisfacción acadada coa obtención dun premio. A súa concesión non me parece un medio fiable para medir a calidade da obra premiada. De calquera xeito, no seu día sentín unha satisfacción enorme cando me foi concedido o premio Modesto Figueirido de Relatos Breves e podo asegurar que as sucesivas nominacións recibidas nese concurso foron as "culpables" da miña persistencia na escrita.

Como escritor estradense, que premio lle gustaría recibir por enriba dos demais?

Máis ou menos a pregunta queda contestada coa resposta anterior. Como recoñecemento ó mérito da obra premiada non lle concedo valor a ningún, e en apoio desta opinión podería citar "Diario de inverno", tal vez a miña novela máis estimada pola crítica, da que falei antes. Envieina ó "Premio García Barros" no único ano, se non estou mal informado, en que foi declarado deserto. Sendo un pouco cínico, diría que o premio máis importante sería o de maior contía económica.

Tivo algunha influencia na súa obra Dos camiños dos arrieiros ós Pazos de Ulla: Terra de Montes e Tabeirós practicar noutros tempos atletismo?

Síntome un tanto sorprendido, pois a bote pronto non atopo relación entre unha cousa e a outra. Tal vez tería que reler o libro para entender por onde vai a cuestión, pero sinto unha preguiza enorme á hora de volver sobre as cousas xa publicadas e polo tanto non sei que responder.

Algunha vez desbotou algunha historia porque ao escribila era incapaz de relatala como vostede pretendía?

É algo que me sucede con frecuencia. Mesmo nalgunha ocasión debería ter sido máis drástico e deixar de lado algúns textos que, a pesar de todo, rematei por publicar.

Se tivese que modificar algún libro xa publicado, cal elixiría?

Creo que os modificaría todos. O que non sei é se dese xeito os melloraría ou os faría aínda peores.

Que o levou a escribir a novela Como paxaro caído do niño?

A lectura na prensa da información sobre un caso de violencia doméstica, nunha illa das Canarias, onde un home, despois de matar á súa muller, intentou suicidarse. Algo, por outra parte, desgraciadamente frecuente. E falando deste libro, antes dixen que todas as novelas me resultara costoso escribilas. Pois ben, neste caso produciuse unha excepción: redacteino dunha maneira rápida e fluída, case dun tirón e sen ningunha dúbida á hora de tirar para adiante coa redacción.

Son reais os lugares nos que se ambienta a obra A chamada escura dos caborcos?

Si, e algunhas das personaxes secundarias que aparecen nela tamén. En certa medida, claro está.

Que autor ou autora é o seu preferido en lingua galega? E en calquera outra lingua?

É difícil falar dun único autor, porque son tantos que darían para encher unha enciclopedia. En galego podería falar de Blanco Amor, de Méndez Ferrín, de Antón Risco, de Eduardo Moreiras, de Casares... E noutras linguas, de Camus, de Cortázar, Nabokov, de Max Frichs, Celine, Dostoiewsky... En fin, non sigo, porque podería estar un día enteiro a dar nomes

Cales son os temas que prefire tratar nos seus libros?

Non teño preferencia por ningún tema determinado. Cando unha idea se me mete na cabeza intento tirarlle do fío e se vai adiante, trátese do que se trate, ben. E se nón, non hai mellor solución que deixala de lado.

Algunha das súas obras é de carácter autobiográfico? Están influenciadas pola súa infancia n'A Estrada?

Partindo do presuposto de que a literatura é unha recreación da realidade, pero non a realidade, non podo falar de carácter autobiográfico en sentido estricto en ningún dos meus libros. Agora ben, non cabe dúbida que as experiencias vividas, e máis as da infancia, deixan unha pegada importante que dunha maneira ou doutra sempre acaba por reflexarse en maior ou menor medida na obra de todo autor. Agora ben, non debe esquecerse nunca que o escritor é por definición un mentireiro e polo tanto non tomar nunca demasiado ó pé da letra os feitos con maior aparencia verídica que poidan aparecer nos seus libros.

Gustaríalle que algunha das súas obras fose levada ao cinema? Cal?

É algo que non teño en consideración. Pero se o penso un pouco tal vez o que máis me gustaría ver filmado sería o conto "A negra".

Cal é o público para o que máis lle gusta escribir?

É algo no que nunca penso. En realidade, cando empezo unha obra, por regra xeral non teño unha idea clara de cómo vai seguir, nin sequera se serei capaz de rematala. Polo tanto moito menos poderei pensar en dirixila cara a un tipo de lector determinado.

Que imaxe se lle vén á mente cando está escribindo?

A do papel ou, agora, a pantalla en branco. Esa sensación tópica, pero real, de sentirme incapaz de escribir nada nesa páxina ou nesa pantalla. A de ter a mente tan en branco como a páxina ou a pantalla e non saber para onde tirar e sentir ganas de deixalo todo e ir dar un paseo ó sol.

Diría que o feito de ser sobriño de Manuel García Barros o obrigou dalgún xeito a escribir en galego?

Non é que me obrigase, é que creo que foi un dos condicionantes máis importantes á hora de me inclinar polo terreo da literatura. El foi quen me proporcionou as miñas primeiras lecturas en galego. A el foi a quen primeiro lle mostrei algunha cousa escrita por min. E a el débolle o ter cambiado o idioma de relación cun grupo de amigos ourensáns, cos que aínda agora sigo a manter unha grande amizade, grupo no que, por indicación súa, en lugar do castelán decidimos ter o galego como lengua de relación habitual a fins dos anos cincuenta do século pasado.

Cre que a figura do seu tío, Manuel García Barros, está suficientemente recoñecida?

Cando un é recoñecido, e apreciado, e querido, na súa propia terra, xa se debe sentir bastante satisfeito. E penso que García Barros, na Estrada, gracias en boa parte ó labor de entusiastas estudiosos e propagadores da súa obra, é recoñecido e querido. ¿Que máis se pode pedir?

Que opina da situación actual do galego e da súa literatura?

A situación semella pesimista, pero por riba de todo opino que as causas perdidas son as únicas polas que paga a pena loitar. E por eso, por mala que sexa a situación, non quero renunciar ó optimismo e esperar e colaborar na medida das miñas posibilidades para que a tendencia cambie de signo.

E para rematar, está a traballar nalgún novo proxecto actualmente?

Sempre se está a facer algo, aínda que hai unha superstición que convida a non falar do que un ten entre mans, porque pode acabar rematando en nada. De todos modos podo decir que teño un libro de contos prácticamente preparado para a publicación, aínda que de momento non lle encontréi editor.

 

* Podedes ver máis fotos do acto de inauguración do curso escolar 2010/2011 neste álbum de Flickr.