Esta semana participamos nun proxecto Erasmus+ como centro de acollida.

Recibimos no noso centro educativo unha grata visita dunhas compañeiras docentes italianas do Instituto OmniComprensivo, San Marcello Pistoiese (www.iocsanmarcello.edu.it).
Un centro educativo na belísima zona de montaña dos Apeninos con unha casuística moi particular, posto que está composto de 18 unidades dispersas na que se distribúen 800 alumnos/as desde os 6 ate os 18 anos. Os núcleos poboacionais máis grandes son Pistoia e Cutigliano.  
Esta visita está enmarcada dentro dun programa Erasmus+ KA101 de observación de boas práticas (Job Shadowing). O obxectivo deste grupo de docentes é coñecer a organización do sistema educativo en Galiza, metodoloxías e estratexias didácticas empregadas, proxectos educativos do noso centro…
Tivemos a oportunidade de mostrarlles os proxectos realizados polo noso alumnado do Club de Ciencias, do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, do colectivo EUTERPE, dos Equipos de Axuda...
A maiores partillamos experiencias didácticas e organizativas e asistiron a algunhas clases para realizar unha observación máis directa das metodoloxías empregadas.
Tamén visitamos conxuntamente con elas outros centros do noso Concello, como o CEP de Ventín e o IES de Ames, para observar as instalacións, as boas prácticas e incluso falar en italiano co alumnado.  
Seguindo coa oferta educativa do noso entorno, concertamos unha cita coa dirección da EOI de Santiago de Compostela e o Departamento de Italiano para poder realizar unha análise das ensinanzas de linguas e da metodoloxía a empregar. Aproveitando tamén a grande oferta museística de Santiago de Compostela visitaron o Museo do Pobo Galego, o CGAC e a Cidade da Cultura.
Agradecemos inmensamente este tipo de visitas didácticas nas que toda a comunidade aprendemos a través da internacionalización, para seguir camiñando xuntas/os e reforzar así a dimensión europea do ensino/aprendizaxe. Tecendo redes de construción de coñecemento,  promovendo os valores de inclusión e diversidade, tolerancia e participación democrática para entender a riqueza do noso patrimonio común e a súa diversidade.
Grazie mille pola visita: Angela, Daila, Gianna e Francesca.