Animación á lectura

Actividade de relaxación e preparación mental para o alumnado de primeiro ciclo


Na procura de fomentar a conexión entre a mente e a lectura, o Club de Lectura de primeiro ciclo do noso colexio organizou unha actividade única e enriquecedora dirixida ao alumnado de primeiro curso. A actividade está dedicada a preparar mentalmente aos lectores novos mediante a práctica de mindfulness e exercicios de ioga, creando un ambiente propicio para mergullarse no marabilloso mundo dos libros.

A actividade comezou cunha breve introdución sobre a importancia da relaxación e a concentración antes da lectura. Os estudantes foron guiados pola mestra María, experta en mindfulness e ioga, que os leva a través de exercicios destinados a calmar a mente e reducir o estrés, proporcionando un espazo tranquilo e receptivo para a posterior actividade lectora.

Durante a sesión de mindfulness, os nenos e nenas participaron en prácticas e exercicios de respiración consciente para centrar a súa atención no momento presente. Estas técnicas axudan a disipar calquera ansiedade e crear un ambiente propicio para a concentración, preparando así aos lectores novos para mergullarse nas historias que explorarán máis tarde.

A continuación, as sesións pasaron á práctica de ioga, onde introducimos os estiramentos suaves e posturas que fomentan a relaxación e a flexibilidade. A combinación destas prácticas físicas e mentais proporcionou ao alumnado as ferramentas necesarias para liberar a tensión e mellorar a súa preparación para a actividade lectora.

Tras a sesión de relaxación, os alumnos volveron aos seus asentos, onde se mergullaron na lectura de contos especialmente seleccionados para captar o seu interese e espertar a súa imaxinación. A tranquilidade e o enfoque acadados durante a actividade de relaxación reflectiuse na participación activa e o evidente goce do alumnado ao mergullarse nos seus libros.

O Club de Lectura está orgulloso de ter creado un espazo onde se celebra e fomenta a conexión entre a mente e a lectura. Esta actividade non só prepara ao alumnado de primeiro ciclo para a lectura dun xeito único e eficaz, senón que lles proporcionou valiosas ferramentas para afrontar futuras sesións de lectura cunha mente aberta e tranquila.

Este evento é só o comezo dunha serie de iniciativas destinadas a enriquecer a experiencia lectora do noso alumnado. O Club de lectura espera seguir explorando novas formas de fomentar o amor pola lectura e a atención plena entre o alumnado lector da nosa comunidade escolar.

Rita e os ladróns de tumbas

O Club de Lectura de 4º de EP do CEIP Manuel Sueiro realizou no mes de novembro un concurso de animación á Lectura inspirado no libro "Rita e os ladróns de tumbas" de Mikel Valverde.

Nunha innovadora iniciativa de animación á lectura entre o alumnado, o Club de Lectura do CEIP Manuel Sueiro convocou un apaixonante concurso de lectura baseado no libro "Rita e os ladróns de sepulturas", no que participou todo o alumnado de 4º de EP, co fin espertar a creatividade e a paixón polos libros.

O libro cativou aos nenos e ás nenas participantes do club de lectura, e agora buscan estender o seu entusiasmo a toda a comunidade escolar. A obra, escrita Mikel Valverde, transporta aos lectores a unha emocionante aventura chea de misterios, amizade e valentía.

Durante a realización do concurso, animouse aos lectores a expresar a súa comprensión e valoración do libro.
Para o desenvolvemento do concurso, realizamos catro equipos dentro da aula que traballaron de xeito cooperativo para ser quen de responder ás preguntas que o bombo da lotería lles ía adxudicando de forma aleatoria.

O concurso ofreceu ao equipo gañador interesantes premios, entre os que figuraba un exemplar do próximo libro a traballar no club dde lectura, para fomentar a participación e recoñecer o seu esforzo.

Estamos entusiasmados de ver como o alumnado interpretou e representou a historia de 'Rita e os ladróns de tumbas'. Queremos que este concurso non só fomente a lectura, senón que tamén estimule a creatividade e a expresión artística do noso alumnado.

Día das librarías

O 13 de novembro de 2023, o alumando de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro participaron na clausura da actividade organizada pola Agrupación de Libreiros de Ourense para celebrar o Día das Librarías en colaboración coa Concellería de Educación, Deputación Provincial e Xunta de Galicia.

Esta actividade consistiu na dramatización no CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro iniciando a actividade que continuou nas escaleiras das Galería Viacambre  e rematou coa visita a catro librarías ourensáns: Katedra, Eixo, Tanco e Maelka.

Entrega dos premios Club de lectura

A sede do Ministerio de Cultura e Deporte en Madrid acolleu o mércores 8 de novembro a gala de entrega dos Premios aos Clubs de Lectura Escolar 2022-2023, un recoñecemento do Ministerio de Educación e Formación Profesional aos centros educativos que, como no caso do noso centro, o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, promoven a lectura a través deste tipo de actividades.

O director, o secretario e a coordinadora dos clubs de lectura do centro, recolleron o galardón que nos acredita como o segundo mellor club de lectura nacional na nosa categoría, en representación de todos/as lectores e lectoras do noso cole, os auténticos protagonistas do noso club de lectura.

A entrega de premios correu a cargo da Directora Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial do Ministerio de Educación e Formación Profesional, dona Mónica Domínguez García. A encargada do discurso inaugural foi a poeta Raquel Lanseros, que afondou na importancia de fomentar a lectura e continuar con esa tarefa fermosa e chea de dificultades.

A poeta Raquel Lanseros honrounos coa sinatura dun dos seus libros, “Dicen que no hablan las plantas”, para a nosa biblioteca escolar. Ademais, fíxonos especial ilusión saber que as súas raíces familiares se atopan en Verín, aínda que ela é nada en Jerez de la Frontera.

Foi unha xornada chea de emocións e inquedanzas compartidas con centros de toda España que entenden, coma nós, que a lectura é berce de cidadáns críticos e entusiastas.

Parabéns a todas e todos os membros do noso club de lectura!

CONTINUADE A VIAXE QUE COMEZA SEMPRE NA PRIMEIRA PÁXINA DUN LIBRO E NON REMATA NUNCA NA ÚLTIMA, ... SEGUE CAMIÑO NA TÚA IMAXINACIÓN!

Celebración do Día das bibliotecas escolares

Nun emocionante acto que reuniu ao alumnado, profesorado e persoas afeccionadas á lectura, a Biblioteca do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro celebrou con éxito o pasado 25 de outubro o Día das Bibliotecas Escolares. Este día converteuse nun día inesquecible para fomentar a lectura e o amor polos libros entre os nenos e nenas do noso cole.

A nosa biblioteca transformouse nun auténtico paraíso literario para celebrar este día tan especial. Os alumnos e alumnas de 6º de Ed. Primaria vestiron os traxes dos seus personaxes literarios favoritos, desde Harry Potter ata os protagonistas dos contos clásicos, dando vida ás historias que lles gustan. O ambiente estaba cheo de maxia e aventura, e a ilusión polos libros estaba no aire.

As actividades comezaron a primeira hora da mañá cunha coa representación da obra titulada “Superleo e os personaxes máxicos” na que dunha forma lúdica e divertida ían inculcando nos nenos e nenas formación de usuarios.

Ademais, a biblioteca ofreceu unha ampla selección de novos libros que pasaron a encher as Mochilas viaxeiras que o alumnado de todo o centro levará por quendas para ler nas súas casas.

A xornada culminou cun concurso no que as persoas protagonistas da obra ían facendo preguntas ao público infantil sobre diversos aspectos do funcionamento da biblioteca.

A celebración do Día da Biblioteca Escolar no CEIPP Manuel Sueiro non só promoveu a importancia da lectura, senón que reforzou o vínculo entre a comunidade escolar e a biblioteca. Este evento deixou unha impresión duradeira no corazón e na mente dos alumnado, inspirándoos a continuar a súa viaxe literaria e explorar novos mundos a través dos libros.

A biblioteca do CEIPP Manuel Sueiro segue a desempeñar un papel fundamental na educación dos nenos e nenas, e eventos como este subliñan a súa aposta polo fomento da lectura e a aprendizaxe permanente.

Gala dos premios do Exército 2023

O xoves 29 de xuño, unha representación de alumnos/as de 4ºE.P. acompañados/as polo director do centro e a mestra responsable do proxecto, recibiron en Madrid o diploma e trofeo acreditativos do premio nacional correspondente a “Enseñanza Escolar, categoría A”, polo proxecto “MIRANDO SIN VER”.

A cerimonia foi presidida pola ministra de Defensa, Margarita Robles, acompañada polo Jefe de Estado Mayor del Ejército de Tierra (JEME), general de ejército Amador Enseñat y Berea, e numerosas autoridades militares, civís, académicas e xudiciais.

Foi un acto cheo de emoción e ledicia compartida cos premiados noutras categorías.

No discurso do noso alumnado lembramos o noso proxecto no que puxemos en valor a  colaboración e apoio do GMAM, con base en Jaca, ás persoas con discapacidade visual na escalada ao volcán Ojos del Salado en Chile. Lembramos tamén os outros dous proxectos anteriores nos que destacamos o traballo dos homes e mulleres do Ejército de Tierra na Antártida, coidando dese ecosistema tan fráxil e tamén da súa implicación no xacemento de Atapuerca.

E como complemento a tanta emoción, foron agasallados cunha xornada no parque de atraccións de Madrid. Dous días inesquecibles!

PARABÉNS PARA OS NOSOS/AS ALUMNOS/AS!!!

E GRAZAS POR TODO O AGARIMO RECIBIDO!!!

O noso proxecto estará exposto xunto cos outros/as premiados no Instituto de Historia y Cultura Militar en Madrid, durante o mes de xullo. Se vos atopades por alí, podedes visitalo.



 

O meu primeiro principiño

No último trimestre de curso acercamos ao alumnado de 1º e 2º de educación primaria ao que significa pertencer a un club de lectura.

Para elo, escollemos unha versión do Principiño adaptada para primeiros lectores. O libro titúlase “La historia del Principito” e está publicado pola editorial SM e nel aparecen ilustracións do libro orixinal.

Para acercar aos membros do club ao principiño, primeiro fixemos unha ambientación da obra e posteriormente explicamos a vida e obra do seu autor a través da seguinte presentación.

Durante os meses de abril e maio fomos realizando a lectura colectiva dos diferentes capítulos. Ao rematar cada capítulo recapitulabamos sobre o lido e iamos cubrindo a guía de lectura que elaboramos desde o equipo de biblioteca para facilitar a súa comprensión.

Unha vez rematada a lectura colectiva levaron o libro para as súas casas e compartir así a lectura final coas súas familias.

No mes de xuño realizamos un concurso de animación á lectura no que participou todo o alumnado de 1ºe 2º de educación primaria. Na galería de imaxes podedes observar o seu desenvolvemento. Fixemos 4 equipos de 5 compoñentes e o resultado final foi moi igualado xa que o coñecemento da trama do libro era moi completa.

Todas as personas participantes no club de lectura recibiron un pequeno agasallo cmo recoñecemento ao traballo realizado ao longo de todo o trimestre. Os equipos gañadores recibiron, a maiores, un diploma que pon e valor o seu coñecemento sobre o Principiño.

Por último, para rematar as sesións de lectura deste curso realizamos un kahoot! con preguntas sobre este libro onde a maioría do alumnado participou de forma individual.

Na última semana de curso realizamos un obradoiro STEM onde o alumnado se aproximou a creación de circuítos simples de electricidade. Algúns dos participantes optaron por realizar un circuíto de electricidade a partir dunha escena do libro.


RECURSOS EDUCATIVOS PARA TRABALLAR O LIBRO


Club de lectura de 3º de Ed. primaria

Este ano, o alumnado de 3º de Ed. Primaria iniciouse na realización dun Club de lectura no que participaron todos os nenos e nenas do curso.

Nas seguintes ligazóns iremos reflectindo o traballo e as actividades desenvolvidas ao longo do curso neste Club de lectura e aos concursos de animación á lectura que se realizan unha vez rematada a lectura do libro:

 

Distribuir contido