Dinamización Lingüística

Equipo de Dinamización Lingüística do centro

Equipo de Dinamización Lingüística do IES Politécnico de Vigo

 

 

 

O Equipo de Dinamización Lingüística do IES Politécnico de Vigo está formado por profesorado, alumnado e membros do persoal non docente.

 

         O Equipo considera que, dado o proceso de substitución lingüística a que está sendo sometida a lingua propia de Galicia, o que  cómpre, desde o noso traballo no ensino, é colaborar para asegurar a transmisión interxeracional e a sobrevivencia do idioma.

 

Aínda que o contexto é urbano e de uso maioritario do castelán, existe alumnado, profesorado, persoal non docente e pais e nais comprometidos co galego e que aspiran a que este sexa a lingua normal de uso no noso país. Mesmo hai persoas que, tendo un comportamento monolingüe en castelán, mostran unha grande receptividade no que atinxe ás iniciativas a prol da lingua. Coidamos que debemos dar os pasos necesarios para interesar todas as persoas que aínda non se achegaron ao galego e, tamén, afirmalo naquelas en que predominan comportamentos diglósicos.

 

Obxectivo xeral

 

Co fin de cumprir os obxectivos previstos no proxecto lingüístico do centro, o equipo de dinamización lingüística desenvolve ao longo do curso unha serie de actividades destinadas á promoción da lingua galega mediante a consciencialización lingüística da comunidade escolar, así como para potenciar a presenza da realidade galega de acordo co plano específico incluído no proxecto curricular do instituto.

 

Obxectivos específicos

 

  • Potenciar o uso da lingua galega como lingua vehicular dentro da comunidade educativa.
  • Asesorar  lingüística e bibliograficamente os integrantes do Centro e resolver calquera dúbida relacionada co idioma.
  • Propor e asesorar a organización de actividades que potencien as actitudes positivas de todos os sectores da comunidade educativa pola normalización lingüística e o uso do galego nas actividades cotiás do Centro. 
  • Manter a fidelidade lingüística do alumnado galegofalante.
  • Socializar o uso do galego entre o alumnado castelanfalante.
  • Cosciencializar a comunidade escolar da situación de discriminación social en que se encontra o noso idioma, especialmente no ambiente en que se sitúa o noso instituto, e do retroceso que os últimos anos se observa no uso do galego por parte do concello.
  • Traballar para facer do centro de ensino un espazo de socialización da lingua galega, de maneira que toda a comunidade escolar asuma que o uso do galego é o normal nel.

Vídeo Entroidada 2020

Concurso relatos orais de humor 2020

O EQUIPO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO IES POLITÉCNICO

CONVOCA

CONCURSO DE NARRACIÓN ORAL DE HUMOR

 

 

 

 

DE ACORDO CO SEGUINTE REGULAMENTO:

1.   Poderá participar todo o alumnado do IES POLITÉCNICO.

2.   Cada participante deberá contar un conto, historia ou monólogo de humor na festa do entroido que se celebrará o día 21 de febreiro.

3.   As historias narradas poderán ser obtidas da tradición oral galega ou da autoría do/da propia participante.

4.   A lingua utilizada será a galega.

5.   A participación poderá ser individual ou colectiva.

6.   Os/as contadores/as participantes poderán usar técnicas ou recursos visuais, sonoros, musicais ou cancións (tradicionais ou de creación propia) que sexan apropiadas para enriquecer a narración.

7.   As historias narradas non poderán incluír referencias discriminatorias para ningún grupo social, nin potenciar prexuízos, nin usar linguaxe sexista ou malsoante.

8.   Para participar, será necesario a PREINSCRICIÓN, indicando o nome, apelidos, curso e grupo na vicedirección ou à/ao profesor/a de lingua galega, e entregar un resumo da historia.

9.  A decisión do premio dependerá dun xurado formado por profesorado e alumnado. O xurado valorará, entre outros aspectos, a interpretación, a orixinalidade do conto, os recursos humorísticos e o efecto cómico. O xurado poderá estabelecer varias categorías no concurso, baseándose na idade ou nivel escolar dos participantes.

10. As/os gañadoras/es poderán recibir un vale para gastar en libros e música ou outro premio.

11. O prazo de admisión das inscricións comeza a 1 de febreiro e termina a 17 de febreiro de 2020.

12. A decisión do xurado será inapelábel.

 

A participación neste concurso implica a aceptación das regras.

 

 

Distribuir contido