Complementarias

Semana das Letras

A nosa semana das Letras comezou en realidade moito antes, cando algúns libros de galego comezaron a formar un ceo de Letras no vestíbulo de acceso á biblioteca; asemade, a face da Manuel María presidiu este mesmo espazo nunha escultura con libros que se fixo realidade grazas ao Dpto. de Plástica e ao seu alumnado. Logo, o luns 16 de maio, o que parecía algo bastante improbable materializouse nunha cadea humana que percorreu toda a vila unindo os dous centros de ensino secundario nun desexo común, a defensa da nosa Lingua e da nosa LIteratura, simbolizada nun intercambio de agasallo de dous libros para cada centro: cómic, investigación, música e poesía, e divulgación científica. O martes, propio Día das Letras galegas, o noso Club de Lectura foi quen lle deu vida á obra de Manuel María no Museo de Lalín.

As actividades non remataron aquí; o xoves 19 acudimos á Praza de Abastos para pór en valor os produtos galegos na nosa Lingua aportando 3 grandes cartaces deseñados polo alumnado para que permanezan alí todo o ano, e para escoitar a Miro Casabella, cantautor defensor da nosa Cultura.

Plan de Consumo de Froita no Laxeiro

 

O noso Instituto participa no Plan de Consumo de Froita promovido e subvencionado polo FOGGA (Fondo galego  de Garantía Agraria) e a Unión Europea.

Ao longo deste curso temos concedidos 4 períodos de reparto de froita durante os recreos para o noso alumnado.   O primeiro período de reparto comezou o 30 de novembro e desenvolveuse ao longo de 10 días.

 

Os seguintes períodos terán lugar a partir do:

    -   15 de Febreiro

     -    4 de Abril

    -   6 de Xuño

 

Comendo froita e facendo exercicio físico a nosa saúde agradecerao.

Un ano máis, contra a Violencia de Xénero

Neste 25 de novembro puxémoslle nome a todas as vítimas do ano 2015. Unha flor violeta e unha folla individualizada simbolizaron a dor dos 48 asasinatos que ata este momento estaban oficialmente contabilizados. O alumnado de 4º de ESO A e PDC rodeou este acto simbólico con poemas, e declaracións de intencións. De fronte, o silencio dun público respectuoso sabedor da importancia que a nosa homenaxe particular tiña.

O alumnado do Club de lectura puxo o seu gran de area interpretando unha performance nun acto que o Concello de Lalín organizou para toda a veciñanza, e no que participaron todos os Centros do Concello.

 

Na galería de imaxes tedes as fotos dese día, no que tamén, coa axuda do alumnado de 1º ESO A, plantamos primaveras en recordo a todas as vítimas.

Asemade, queremos dar os parabéns ás alumnas María, Nerea, Aitana e aos alumnos Jorge e Anxo por seren os gañadores do Concurso de Twitter que organizou o Concello de Lalín. Aquí podedes ver, no arquivo adxunto, os chíos que mereceron ser premiados.

Finalistas do IV Concurso de Tuits contra a violencia de xénero 2015

Aquí tendes un vídeo elaborado no propio centro:

Xornada de Convivencia na Devesa de Moa


     O pasado 1 de outubro, os 75 alumnos de 1º da ESO acompañados por sete dos seus profesores participaron nunha Xornada de Convivencia, que contempla o Plan de Convivencia do Centro co fin de facilitar o coñecemento e cohesión do alumnado, que provén de diferentes centros de Primaria e tamén establecer relacións de proximidade cos distintos profesores. Para este fin, deseñouse unha ruta de sendeirismo pola Devesa de Moa, onde ademais de compartir conversa e camiñata, deu pé para coñecer as excelencias naturais desta paraxe, da que cabe destacar a súa ampla biodiversidade botánica e zoolóxica. Igualmente serviu para coñecer os cursos dos ríos Deza e Zobra e valorar a importancia que a apicultura tivo no Candán, coa visita e explicación da función das alvarizas.

    A xornada foi un éxito de alegría e alumnos e profesores regresamos satisfeitos da experiencia. 

    Neste enlace pódense ver algunhas fotos da xornada.

 

Visita do Dr. Ángel Carracedo

O 2 do outubro tivemos a honra de ter entre nós ao Dr. Ángel Carracedo para desenvolver diversas actividades co noso alumnado. Entre música e presentacións adentrámonos no apaixoante mundo da investigación xenética mediante unha charla para o alumnado de 4º de ESO e Bacharelato.

Descubrimos a placa que inaugura o Laboratorio de Bioloxía co seu nome, e o alumnado de 2º BAC disfrutou nel dun café coloquio.

Na última hora da maña, o alumnado de 1º e 2º de ESO asistiu a unha charla sobre o mundo da lectura.

Nos seguintes enlaces pódense ver o programa de actividades, fotos e máis información publicada nos xornais da comarca: "El Faro de Vigo" e "La Voz de Galicia".

Programa de actividades do día 2 de outubro

Blog da Biblioteca ---> "Unha pegada indeleble" Resumo da visita

Mastigamos saúde...

O vindeiro luns 23 de febreiro continuaremos no Laxeiro co segundo periodo de reparto de froita durante os recreos para todo o alumnado do Centro; xa sabedes, a froita estará na entrada do pavillón A.

Trátase dun programa promocionado e subvencionado polo Fondo Galego de Garantía Agraria, (FOGGA), e desde o noso Centro queremos recordarvos a necesidade de manter unha vida sá que se consegue cunha boa alimentación acompañada de exercicio físico diario.

VISITA Á CATEDRAL DE SANTIAGO

 

 

 As alumnas de 2º de Bacharelato visitaron un ano máis a Catedral de Santiago. Acompañadas pola profesora de Arte viron, in situ, tanto a Catedral románica, as súas  bóvedas, a cripta e as diferentes fachadas, coma a de Praterías. As obras de limpeza e restauración do Pórtico da Gloria impedíronnos velo, así mesmo a restauración da Fachada do Obradoiro dificultou o pleno disfrute deste monumento, cumio do Románico, avance do Gótico, e esplendor do Barroco. Aínda así, a visita a Santiago  sempre vale a pena.

Parabéns aos gañadores do Concurso "Mestre Laxeiro"

 

No seguinte enlace pódense ver as obras premiadas no X Premio de Pintura escolar "Mestre Laxeiro" organizado polo Museo Municipal "Ramón Mª Aller" durante o mes de maio. Parabéns polo 1º Premio a Iria Varela e polos accesit de Alejandro Zas, Ana García Lois, Antonio Diéguez, Brais Vázquez, Lara Varela, Sandra García e Zaira Míguez.

Voltamos coa froita

A voltas coa froita

O vindeiro 19 de maio comezaremos cun novo periodo de reparto de froita durante os recreos.

Aquí podes ver imaxes dalgúns traballos feitos polo alumnado de 1º de ESO para promocionar e reflexionar sobre o consumo saudable.

Aproveita e ponlle cor á túa vida!. Pásate á froita!.

Obradoiro de Caligrafía

O pasado 7 de maio un grupo de alumnado e profesorado participou nun Obradorio de Caligrafía, organizado pola Biblioteca e impartido polo profesor Jesús Mª Juaristi, experto no mundo da Caligrafía e da "Letra sen ansiedade". Traballamos con distintos tipos de materiais, plumas e tintas de distintos grosores e cores e disfrutamos aprendendo máis sobre esta "Arte".

Aquí tedes unha pequena mostra das imaxes do Obradoiro.

Distribuir contido