Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

Lingua Galega

Desde o EDLG coa colaboración do Departamento de Artes Plásticas e da Biblioteca convocamos por quinto ano consecutivo o Concurso de postais de Nadal.

Gustaríanos que o alumnado do IES Parga Pondal demostrase as súas habilidades artísticas participando neste concurso. Podes consultar as bases aquí

bases concurso

 

Anímate e participa!

Os nosos parabéns á alumna Lola Collazo de 3º ESO A por ter acadado un premio accésit no XVI Concurso Literario Rita Suárez Amado (Nivel II de Relato curto), organizado polo IES Eusebio da Guarda da Coruña. 

Animamos a todo o alumnado que teña inquietudes literarias a participar nas próximas edicións.

Deixámosvos unha imaxe da entrega do premio á nosa alumna Lola, celebrada o venres, 18 de xuño no IES Eusebio da Guarda.

Máis información pulsando aquí

Hoxe,17 de maio, celébrase o “Día das Letras Galegas”, recordando que Rosalía de Castro publicou nesa data no ano 1863 a súa obra Cantares Gallegos.

Para celebrar esta conmemoración, no noso instituto quixemos  facer algo diferente implicando a alumnado de diferentes niveis e por suposto a diferentes departamentos.

Nunha serie de tres vídeos presentámosvos a distintos personaxes galegos todos eles relacionados coa nosa  cultura: cantantes, músicos, escritores, loitadoras, empresarios, pintoras, intelectuais, deportistas, actrices, heroínas…en definitiva ilustres personalidades… 

 

 

Os compañeiros  de diúrno e  nocturno caracterizáronse destes misteriosos personaxes e deron  unha serie de datos e pistas  sobre eles. É aí onde comeza o voso traballo, ser quen de adiviñar cada un deles.

Grazas a todo o alumnado participante así como a cada un dos membros da Comunidade Educativa que colaboraron neste traballo. Un recoñecemento especial a todos os profesores que cederon o seu tempo de clase para as gravacións.

 

 Este ano a Real Academia Galega adícalle o Día das Letras Galegas a Xela Arias (1962-2003), unha da voces destacadas da poesía galega contemporánea. 

 


 

 

Ademais de poeta, Xela Arias foi tradutora e profesora de Lingua Castelá e Literatura en diferentes institutos galegos.

É autora dos poemarios Denuncia do equilibrio (1986), Tigres como cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003).

 

Fixo traducións ao galego de obras como Drácula de Bram Stoker, As bruxas de Roald Dahl, Contos ao teléfono de Gianni Rodari, entre outros autores.


        Xela Arias foi unha autora con vocación feminista, transgresora e pioneira tanto na estética como na poética e cun alto grao de conciencia idiomática e estima pola lingua. “O idioma é o principal signo dunha cultura”, dicíao en 1988: “Quere iso dicir que un pobo que se alonxa do seu idioma alónxase da súa cultura. Quere iso dicir que a un pobo ó que alonxan do seu idioma, alónxano da súa cultura. Quere iso dicir que Galicia ten aínda hoxe os seus mitos, a súa tradición sen resolver porque ten aínda sen resolve-la aceptación do seu propio idioma”.

 

Exposición no centro


 
Se queredes coñecer máis da obra e da biografía de Xela Arias, podedes clicar nas seguintes ligazóns:

 

  

    Ademais podedes ver un videoclip da formación musical “A banda da loba” cunha versión musicada de “Intempériome”:

Esperamos que vos guste!!!

Velaí vai o vídeo-poema Tecín soia a miña tea de Rosalía de Castro interpretado pola nosa alumna Lucía Sánchez Seoane, de 2 de Bacharelato, finalista da IV edición dos Premios Casa Fundación Manuel María. Nesta edición foron 122 os traballos presentados, quedando Lucía, entre os 11 finalistas. Parabéns polo traballo realizado.

O venres, 23 de abril conmemórase o día internacional do libro. O 23 de abril é a data na que faleceron grandes literatos como William Shakespeare, Miguel de Cervantes ou Garcilaso de la Vega entre outros. Por iso esta data ten moita importancia para a literatura universal e foi elexida pola Conferencia Xeral da UNESCO para facer unha homenaxe mundial ao libro e tamén aos seus autores.

O obxectivo desta conmemoración é alentar aos máis novos a decubrir o pracer da lectura. É importante que o hábito de ler se adquira a idades temperás xa que aporta moitísimos beneficios como por exemplo: facilita a comunicación, aumenta a curiosidade e o coñecemento, desperta a imaxinación, activa a memoria, estimula a concentración….permitíndonos crecer como persoas.

 

Unha das actividades propostas dende o IES Isidro Parga Pondal  foi pegar vinilos co título de libros e os seus autores nos chanzos das escaleiras, dende a entrada ata o segundo andar. O obxectivo desta actividade é estimular a curiosidade do alumnado con diferentes lecturas, e seguramente ao ver os títulos dos libros que xa teñen lido, viranlles á memoria os agradables recordos dos relatos que máis lles impactaron.

 

 

Tamén contamos coa axuda inestimable do alumnado voluntario. Entre todos fixemos unhas recomendacións súper chulas dalgúns dos nosos libros favoritos como se foran pelis ou series de Netflix, mais claro, cambiamos o nome por BOOKFLIX.

Esperemos que vos gusten e que os mergulledes na lectura de calquera libro!

Hoxe, 7 abril , o noso centro realizou unha visita en liña ao corazón do Salón Teatro do Centro Dramático Galego organizada polo departamento de Lingua Galega e o EDLG. Os grupos que puideron asistir de forma online foron os de 2º ESO, 4º ESO e 1º bacharelato.

A actividade consistiu en coñecer en profundidade os segredos do Salón Teatro, conmemorando o seu Centenario. Os alumnos tiveron a oportunidade de realizar preguntas sobre o teatro en xeral que foron contestadas moi amablemente por Fran Núñez, o director do Centro Dramático Galego. No edificio ten a súa sede o Centro Dramático desde hai 22 anos.

A conexión tivo lugar ás 12:30 xunto con outros centros de Galicia. O noso agradecemento á Secretaría Xeral de Política Lingüística pola organización do acto.

Desde os departamentos organizadores, a nosa máis sincera gratitude ao Departamento de Informática pola súa constante colaboración.

Os nosos parabéns á alumna Zaira Rivadas Mourelle de 4º ESO D por ter acadado un premio accésit no XV Concurso Literario Rita Suárez Amado (Nivel II de Poesía), organizado polo IES Eusebio da Guarda da Coruña.  
Animamos a todo o alumnado que teña inquietudes literarias a participar na seguinte edición.
Deixámosvos un vídeo e unhas imaxes da entrega do premio á nosa alumna Zaira, celebrada o xoves, 25 de marzo no IES Eusebio da Guarda.

 

Premio Zaira Rivadas

O IES ISIDRO PARGA PONDAL, centro moi comprometido co noso idioma, celebrou esta semana o “Día de Rosalía de Castro 2021”. Para iso contou co apoio do alumnado e tamén dun grupo de ex-alumnos moi involucrados que realizaron unha serie de actividades encamiñadas a que toda a Comunidade Educativa puidese coñecer polo miúdo a figura da nosa poeta máis universal.

Todas as actividades estiveron protagonizadas polo propio alumnado e coordinadas polos Departamentos de Lingua Galega, EDLG e a Biblioteca do centro.

Comezouse cunha exposición sobre a homenaxeada que toda a Comunidade Educativa puido ver no taboleiro principal do centro. Nela inclúese unha liña histórica cos momentos relevantes da súa vida. 


 

 

 

Expúxose ademais nunha vitrina da planta baixa unha ampla bibliografía da poeta.  

 

 

 

Durante todos os días, emitiuse un podscat ás 8:45 e pola tarde ás 19:15 onde o alumnado de Bacharelato recitou poemas da autora. Podedes escoitar a versión completa con todos os poemas no seguinte reproductor.

 

O 24 de febreiro, data do nacemento de Rosalía, escoitouse en todo o centro ao inicio das clases unha canción cuxa temática versa sobre a súa obra Rexurdimente do grupo galego De Vacas. Despediuse a xornada cun poema musicado e interpretado por alumnado de 2º de Bacharelato: Negra sombra do compositor galego Xoan Montes.

Tamén o propio día 24, na televisión da entrada do centro estivo posto un vídeo-recital durante os recreos da ESO e Bacharelato, realizado por ex-alumnos onde fan a súa propia e emotiva homenaxe á nosa escritora.

 

Completáronse as actividades coa elaboración dun vídeo gravado no patio do centro recitando o poema Negra sombra que tamén se reproduciu na televisión da entrada nos recreos. O alumnado de cada un dos niveis educativos recitou este fermoso poema en varios idiomas: francés, castelán, galego, inglés, romanés, italiano e árabe, finalizando cunha versión musicada e cantada na que participou o alumnado de 2º de Bacharelato. O profesorado de Lingua galega encargouse de poñer nas súas clases esta gravación. Deste xeito todo o alumnado puido ver este traballo.

O Departamento de Lingua Galega e o EDLG queren dar un agradecemento especial a profesora Leticia Riestra Ainsua por toda a súa colaboración

Novas na prensa:

 - Que pasa na Costa
 - La Voz de Galicia