Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

No DOG do 12 de febreiro saíron publicadas as probas  para  a  obtención  do  título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de 18 anos.

O prazo de matrícula será do 8 ao 18 de marzo. A mesma poderá facerse de xeito telemático na sede electrónica ou presencialmente entregando a documentación no centro educativo.

Na web de educación da Xunta teñen máis información sobre a convocatoria e enlaces a exames de probas de anos anteriores:

Condicións das persoas aspirantes .
Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

  1. Ter cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.
  2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.
  3. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2020/21 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.
  4. O alumnado matriculado durante o curso 2020/21 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:
    1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
    2. Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.

O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.