Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

O mércores 18 de novembro tivo lugar no IES Isidro Parga Pondal de Carballo, unha entrevista do alumnado de 2 de bacharelato a Amparo Alonso Betanzos e Bertha Guijarro.
Esta entrevista encadrase dentro do proxecto que están a desenvolver para a súa participación no concurso internacional de Wisibilízalas organizado pola Universidade Pompeu Fabra de Barcelona cuxo obxectivo é dar a coñecer referentes mulleres nos sectores STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) para fomentar que as rapazas se decanten por carreiras destas ramas.
As anteriores entrevistas que o alumnado xa foi facendo a outras mulleres referentes STEM, foron feitas empregando videochamada pero neste caso, e cumprindo con todas as medidas de seguridade necesarias, fíxose una entrevista conxunta nas instalacións do centro.
As preguntas foron feitas polo alumnado da optativa de TICs (Tecnoloxías da Informática e das Comunicacións impartida por Leticia Riestra) se ben asistiu todo o grupo.
Amparo Alonso Betanzos é unha Enxeñeira Química española, investigadora en intelixencia artificial, Presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial (AEPIA) e Bertha Guijarro é unha investigadora española e Doutora en Informática no campo da Intelixencia Artificial, a Aprendizaxe Computacional e os Sistemas Baseados no Coñecemento. Ambas son docentes na facultade de informática da Universidade da Coruña.
Durante case unha hora e media o alumnado foi facendo preguntas relacionadas cos seus estudios, traballo e experiencia laboral así como as súas opinións sobre temas relacionados coas carreiras STEM e as mulleres como por exemplo porque pensaban que as rapazas non escollían Enxeñería Informática para estudiar como carreira, se se sentiron nalgún momento discriminadas polo feito de ser muller nun ámbito maioritariamente masculino ou como podía motivarse as nenas para decantarse por estas carreiras.