Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

Este curso escolar 2019/20 algunhas rutas de transporte escolar teñen menos prazas que alumnos solicitantes das mesmas. Neses casos estase a aplicar a orde de preferencia indicada pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación.

Engádese a continuación información sobre a asignación e uso do transporte escolar:

  • O instituto non é o encargado de contratar os servizos de transporte escolar. Ese cometido é función da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a través da Xefatura Territorial da Coruña - Servizo de Recursos Educativos Complementarios.
  • O instituto só asigna ao alumnado ás prazas dispoñibles en cada un dos contratos realizados entre a Xefatura Territorial arriba indicada e as empresas de transporte. Non contrata nin da de baixa buses en ningunha das rutas.
  • A asignación das prazas do bus faise seguindo as instrucións remitidas ao centro pola Xefatura Territorial (a través do Servizo de Recursos Educativos Complementarios) no documento: Instrución anual da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, correspondente ao curso 2019-2020, sobre a xestión do transporte escolar.

Nese documento son de aplicación as seguintes normas

  • Art 6 e Disposición adicional segunda da Orde do 12 de marzo de 2013, pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
  • Art. 1º do Decreto 203/1986 do 12 de xuño, polo que se regulan determinados aspectos do transporte escolar.

Na normativa anterior indícase de xeito claro e inequívoco que:

  • Será usuario lexítimo do transporte escolar gratuíto o alumnado cuxo domicilio se encontre fóra do núcleo urbano no que radique o centro escolar e, en calquera caso, a unha distancia deste superior a 2 km, calculada utilizando o itinerario máis directo, sen desvíos e rodeos innecesarios.
  • No caso do alumnado que teña o domicilio no núcleo urbano ou, en todo caso, a unha distancia inferior a 2Km, non será usuario lexítimo do transporte escolar.
  • En todo caso o alumnado poderá solicitar unha praza no bus con carácter excepcional, tendo en conta que esa praza se autorizará en precario con carácter revogable unicamente se se cumpren as seguintes condicións:
    • Se hai prazas baleiras no correspondente autobús
    • Para uso das paradas xa existentes, sen modificación das rutas nin creación de novas paradas.
    • Sen ter necesidade de incorporación de acompañante.
  • Hai varias paradas este ano que teñen máis solicitantes que prazas no bus (paradas de A Milagrosa, Fenosa, Luis Calvo, Libraría Villar e CEIP Bergantiños, por exemplo), polo que ao alumnado que non sexa usuario lexítimo non se lle pode asignar praza no bus ao non cumprirse a primeira condición.
  • Lémbrase tamén que o dereito a usar o bus implica o obrigatoriedade de usalo. En caso de non facer uso do transporte perderase a condición de usuario do mesmo e esa praza pasará a asignarse seguindo a lista de espera.