Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

O próximo mércores 13 de decembro ás 11:40 horas na sala multiusos do noso centro contaremos coa presenza de Martiño Cabana Otero, un recoñecido biólogo e membro da Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), unha organización sen ánimo de lucro que basea a súa actividade na conservación do patrimonio natural e cultural a través dunha xestión do territorio responsable e sustentable.

A charla, organizada polo departamento de bioloxía, vai dirixida ao alumnado de 4º de ESO que cursa Bioloxía-Xeoloxía e o Proxecto Competencial de 4º, moitos deles colaboradores habituais do Proxecto "Natureza Conectada" que levamos a cabo no centro baixo o Programa de Voz Natura.

Na actualidade, esta asociación realiza e colabora en importantes proxectos como o das microrreservas da flora do Courel, que teñen unha importancia esencial na conservación das orquídeas deste espazo natural, ou o da flora melidense asociada aos solos serpentínicos da zona de Melide. Tamén levan a cabo programas para a protección das colonias de morcegos galegos e colaboran no proxecto Life Oso do Courel.

Se queredes saber máis sobre esta organización premede na seguinte ligazón: https://www.custodiadoterritorio.org/

charla agct