Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

Esta noite hei de ir a verte, obra incluída dentro da programación anual da materia de Lingua galega e literatura, centrou o terceiro encontro literario do curso, organizado polo Departamento de Galego coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos EDLG.

O pasado 16 de marzo achegouse ao noso centro a profesora, investigadora e escritora compostelá Beatriz García Turnes, para manter un encontro literario coa alumnado de 4º ESO, no marco da programación anual da materia de Lingua galega e literatura, que inclúe a lectura da obra Esta noite hei de ir a verte, como complemento aos contidos de lingua, literatura e sociolingüística deste curso.

 

 

En dúas sesións, o alumnado tivo oportunidade de coñecer de primeira man a motivación e outros detalles e curiosidades sobre o libro, no que García Turnes aborda a situación sociolingüística, cultural e política da Galicia dos anos 60, a partir do testemuño dunha mestra de escola dunha aldea e das consecuencias que teñen as guerras para as persoas.

Tras unha breve presentación, feita polas alumnas Clara Cotelo Sánchez e Lucía García Deus, a escritora afondou tamén nos valores que alicerzan a obra, como son a educación para a paz, o respecto pola diversidade lingüística ou o compromiso polo medio natural.

A iniciativa, apoiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG), enmarcouse nos encontros literarios que vén celebrando o IES ao longo deste curso para poñer en contacto ao alumnado con autores e autoras da literatura galega actual, incentivar o gusto pola lectura da mocidade e complementar os currículos académicos.

Este encontro literario foi recollido polo xornal La Voz de Galicia onde a escritora manifestou que quedou moi contenta co intesese e participación do noso alumnado.

Deixámosvos algunhas imaxes deste encontro con Beatriz G. Turnes e esperamos que vos animedes a ler calquera dos seus libros.