Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

    • Un cento de alumnos e alumnas de 1º ESO participaron hoxe no obradoiro organizado polo  centro carballés con motivo da celebración do Mes da Ciencia en Galego
    • A iniciativa ten como obxectivo visibilizar as mulleres e a lingua propia de Galicia no ámbito da ciencia e da investigación, así como dar a coñecer e fixar referentes que animen ás alumnas a cursar as coñecidas como carreiras STEM

 


Carballo (A Coruña), 25 de novembro de 2021.- Un cento de alumnos e alumnas de 1º ESO do IES Isidro Parga Pondal participou hoxe en catro obradoiros sobre mulleres científicas, centrados nas figuras das galegas Isabel Zendal e Ánxeles Alvariño. Fixérono no marco da celebración do Mes da Ciencia en Galego, organizado polo Departamento de Lingua galega e literatura do centro carballés co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega e do Fondo de proxectos Xacobeo 21-22. O obxectivo desta programación é visibilizar as mulleres e a lingua propia de Galicia no ámbito da ciencia e da investigación científica, así como dar a coñecer e fixar referentes que animen ás alumnas a cursar as coñecidas como carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

Ciencia en galego, mulleres e valores transversais
As sesións abordaron as biografías e traxectorias profesionais da ordense Isabel Zendal, primeira enfermeira galega en misión internacional grazas á que se conseguiu levar a vacina da varíola desde Galicia a América a comezos do s. XIX, e da ferrolá Ánxeles Alvariño, oceanógrafa e primeira muller científica nun buque de investigación internacional. Nelas, o alumnado tivo oportunidade de realizar varios experimentos científicos caseiros de microbioloxía e inmunoloxía mediante test de anticorpos, cultivo de bacterias e estampado de mostras, imprimación de peixes segundo a técnica Gyotaku ou descomposición das cunchas dos moluscos. A iniciativa, a cargo de Fátima Rodríguez, busca tamén traballar os contidos transversais da educación en igualdade entre homes e mulleres, educación en saúde e respecto polo medio natural.