Saltar navegación.
Inicio

Educación Física, Física e Química, Matemáticas, Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía, Inglés, Xeografía e Historia, Francés, Lingua Galega, Lingua Castelá, Artes Plásticas, Música, Secundaria, Relixión

Sexto encontro coa zanfona contemporánea en Narón

14/03/2010

Este evento zanfoneiro parece que xa está claramente consolidado en Narón. O sexto encontro celebrarase de novo en Aldea Nova entre o 18 e o 21 de marzo. Se vos achegades, tamén teredes a oportunidade de saudar a Paloma García, a nosa querida ex-profesora de Música. Aínda que a continuación facemos un resumo do programa, tedes máis información en www.folque.com

  • Xoves, 18 de marzo, 11 h: Sesión didáctica para escolares.
  • Venres, 19 de marzo, 20:30 h: Concerto: "Zanfona e voz" con Mini e Mero, Projecto ['trepia] e Duo Corps Vibrants.
  • Sábado, 20 de marzo: Curso intensivo con Isabelle Pignol e Palco Aberto ás 22 h.
  • Domingo, 21 de marzo: Curso intensivo con Isabelle Pignol.

Concurso de redacción

14/03/2010

Está en marcha un concurso de redacción para Jóvenes Escritores, dirixido a alumnos de 2º e 3º ciclo de Primaria, e alumnos da ESO. Só tes que inventar un microrrelato (non pode exceder de 72 palabras). Tes máis información no enlace anterior e no taboleiro que está ao lado da biblioteca. Anímate a participar. Podes pedirlle o formulario de participación á túa profesora de Lingua Castelá.

Adeus a Miguel Delibes

 

Mar González, 12 / 03 /2010

Esta mañá falecía o escritor Miguel Delibes. Nado en Valladolid en 1920, a súa extensa bibliografía comenzaría coa novela es La sombra del ciprés es alargada, coa que gañou o Premio Nadal en 1948. Licenciado en Comercio, a súa inclinación polas letras iniciase colaborando como periodista dende moi novo. Gran coñecedor da natureza e apaixoado da caza, reflicte esa temática en moitas das súas obras. No ano 1973 foi elixido membro da Real Academia Española. Son moitos os títulos deste autor que quedan na nosa memoria: El Camino, El príncipe destronado, Cinco horas con Mario, Señora de rojo sobre fondo gris, Los santos inocentes, Las ratas, El hereje... formarán parte da cultura literaria das xeracións de posguerra. Homenaxeado e recoñecido en vida a través de numerosos e prestixiosos galardóns como O Premio Príncipe de Asturias, o Premio Nacional de Las letras, Premio Cervantes, etc. Delibes permanecerá como un gran moralista que soubo plasmar a cotidianidade a través de entrañables personaxes. O noso recordo desde este rincón.

O alumnado de 4º de ESO estrea o novo aparcadoiro

 

Ángel Carrera, 09/02/2010

Recoñecemos que foi unha pequena trasnada: os alumnos de 4º A con Tecnoloxía deixaron as primeiras marcas de roda sobre o novo aparcadoiro cunha conducción bastante agresiva. Pero que non se enfade a directora: só foi co pequeno coche teledirixido do departamento de Tecnoloxía e coa intención de preparar o obradoiro de automodelismo que os mesmos alumnos organizarán o venres de Entroido. O vídeo foi gravado improvisadamente por Adrián España co seu móbil, pero supoñemos que o venres xa gravaremos cunha verdadeira cámara de vídeo. O coche aparece sen carcasa porque era unha proba. Tamén hai que dicir que a pesar dos numerosos accidentes e problemas técnicos que leva o coche, está resistindo coma un campeón.

Por outra parte, aproveito para agradecer unha vez máis a colaboración do xa ex-alumno Adrián Teijeiro. Este ano volve a montar un espectacular circuito de Scalextric co seu propio material e deseño no noso taller, para xogar o venres de Entroido. Na foto de adianto, o circuito aínda non está totalmente rematado, pero xa da gusto velo. Grazas Adrián!!

Scalextric 2010

Unha profesora do Feal recibe un premio á innovación educativa

Sonia

27/01/2010

Aínda que informamos cun pouco de retraso, non podemos deixar de comunicar que a nosa profesora de Plástica Sonia Álvarez recibiu un dos premios á innovación educativa que concedeu a Consellería de Educación nos últimos días de 2009. En concreto, foi un traballo pensado para ser empregado na Sección Bilingue titulado "Elementos de linguaxe visual". Sonia está elaborando agora novos materiais no mesmo terreo, que proximamente se colgarán na Aula Virtual do noso centro. Parabéns Sonia!

O capudre

Capudre

 

Ángel Carrera, 17/01/2010

Como sabedes, o calendario 2010 do Feal está dedicado ás árbores galegas e o debuxo de xaneiro, que fixo Lara Castro de 1º de ESO A, é un capudre. Estes días hai moita xente que pregunta que é un capudre; a ver se coa foto de arriba o recoñecedes. En castelán chámase igual e para os amantes do trilingüismo, aclaramos que en inglés chámase "rowan" (pronunciado /'rəʊ.ən/). É moi resistente ao frío polo que pode atoparse en altitudes altas e o seu froito é similar á cereixa (de feito, nalgunhas zonas de Galicia chámanlle "cancereixo"). Hala, xa sabedes algo máis.

París...on arrive!

Louvre

Montse Lorenzo, 08/01/2010

No Feal estamos desexando preparar a equipaxe para voar rumbo a París. Como xa fixéramos hai dous anos, unirémonos aos nosos compañeiros do I.E.S. As Telleiras para facer unha visita cultural á cidade da luz do 22 ao 26 de marzo. Visitaremos os lugares máis emblemáticos da cidade (Tour Eiffel, Notre-Dame, Arc de Triomphe, Sacré-Coeur, Champs Elysées, Musée du Louvre...) e tamén dedicaremos un día a disfrutar da maxia do parque Disneyland.

Os 15 alumnos de francés de 3º e 4º de E.S.O. que participarán na experiencia, perseguiranvos como tolos  en breve, polos pasillos do cole e pola rúa, xa que queren rematar os seus talonarios de rifas. Xa sabedes que hai que facer un petiño, que viaxar ao estranxeiro é costoso, así que colaborade se podedes, e con sorte, pode que tamén vós saquedes as maletas se vos toca algunha das viaxes que se sortean, a primeira ao Caribe (lembrade o ben que estaba alí Curro) e a segunda ás Illas Canarias.

Esta vez cruzamos os dedos para que non teñamos tantos sobresaltos como na vez anterior, na que o hotel era unha caixa de sorpresas.....sexamos positivos...peor que aquel hotel xa non haberá moitos por París, así que teremos que confiar en Viaxes Marsáns, que nos perxura que esta vez non haberá ningún problema.

Tour de Paris

Cubos artísticos

Cubos artísticos

22/12/2009

Como sabedes, a profesora de Matemáticas Conchi Seijas é aficionada á papiroflexia e aproveitou o último día de clase de 2009 para facer cubos artísticos co alumnado de 3º de ESO B. A curiosa foto que ilustra o artigo está feita polo alumno da mesma clase Ángel Soto, na aula de Informática da 2ª planta. Dada a tremenda cámara da que dispón Ángel e a calidade do seu traballo, queda nomeado dende este momento fotógrafo da web do Feal. Agardamos máis fotos!!!! Aproveitamos para engadir debaixo outra foto do mesmo fotógrafo con permiso dos protagonistas: o propio Ángel Soto e Andrea Castro.

Angel e Andrea

II Xornadas de Novas Tecnoloxías en Narón

NARONLINE

30/10/2009

A próxima fin de semana (entre o 5 e o 7 de novembro), o Concello de Narón organiza a segunda edición da súa "party" informática particular na praza de Galicia. Haberá actividades para todas as idades. Por poñer algún exemplo, o alumnado terá simuladores de voo e as súas nais e pais terán unha charla sobre a seguridade dos menores en Internet. Na web do Concello, tes toda a información necesaria sobre o programa e as inscripcións.

Búscase profesorado para a Aula Virtual do Feal

Bolsa de Moodle

Ángel Carrera, 17/06/2009

Dentro dos servizos que se foron engadindo pouco a pouco á web do Feal, hai que destacar a Aula Virtual (co sistema Moodle), que leva funcionando dende a primavera de 2008 e durante o curso que está rematando xa deixou de ser experimental. Na materia de Informática de 4º de ESO, xa se utilizou en serio: alí están todos os apuntes, alí se recollen os traballos do alumnado coas súas cualificacións e tamén hai espazo para outros complementos como noticias, vídeos, enquisas, wikis ou chats.

O próximo curso 2009/10, o departamento de Tecnoloxía non ten dúbidas en seguir utilizando Moodle, pero hai posibilidades de que se unan: Plástica, Lingua Castelá e Francés. Esperamos que os comentarios que o alumnado fai máis abaixo tamén axuden un pouco ao profesorado indeciso.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido