Matemáticas
2º de ESO na II Olimpíada de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos
26/02/2020
O pasado 18 de febreiro, Álex, Claudia, Hugo, Paula e Raúl (de 2º de ESO do Feal), participaron na II Olimpíada de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos. Nela tiveron que mostrar os seus dotes como enxeñeir@s superando diferentes probas: construción (arco de dovelas), estruturas (ponte Da Vinci), hidráulica (presa-dique), gráfica (crebacabezas), transporte de mercancías e proxecto asistido por ordenador. Grazas polo voso esforzo e entusiasmo!
Rally matemático
20/03/2019
O pasado 12 de marzo, celebrouse a fase de centros do Rally matemático sen fronteiras 2019. Corenta alumnos do Feal, distribuídos en tres grupos de 1º ESO e dous de 2º ESO, tomaron parte nesta proba, na que tiveron que resolver cinco problemas ligados coas matemáticas. Moitas grazas a todos os participantes polo seu entusiasmo e a todo o persoal do centro que colaborou para que esta actividade fose posible.
Podedes ver algunha foto máis da actividade no álbum "Matemáticas 2019" da nosa Galería.
Triángulo de Sierpinski con latas
18/03/2019
Os fractais son figuras xeométricas cunha estrutura que se repite a diferentes escalas, e están moi presentes na natureza. No Feal construímos o coñecido como triángulo de Sierpinski, utilizando 243 latas de refresco. Moitas grazas a todos os que colaborastes traendo, lixando ou pegando as latas.
A nosa alfombra de Sierpinski
24/03/2015
O alumnado de 1º de ESO do CPI do Feal participa no Proxecto Alfombra de Sierpinski promovido pola Universidade de Almería e a Universidade Politécnica de Catalunya entre outros. Trátase dunha actividade colectiva e solidaria na que participan nen@s entre 3 e 99 anos de todo o mundo, coa que se quere construír un fractal xeométrico xigante, coñecido como Alfombra de Sierpinski, con adhesivos de cores.
Os fractais son obxectos matemáticos que repiten a súa estrutura básica a diferentes tamaños. Neste caso, en cada iteración ou tamaño, o número de cadrados vese multiplicado por 8. Cada centro educativo do mundo constrúe a 4ª iteración da Alfombra de Sierpinski. A 5ª iteración montarase coa cooperación de 8 centros educativos. O gran reto é alcanzar a 7ª iteración con 512 alfombras, con motivo do centenario da publicación de Sierpinski. Esta última iteración exporase en COSMOCAIXA na cidade de Barcelona.
Dende o CPI do Feal, participamos coa construción de dúas alfombras da 4ª iteración realizadas coa colaboración de todo o alumnado de 1º de ESO. Moitas grazas a tod@s!!
Cubos artísticos
22/12/2009
Como sabedes, a profesora de Matemáticas Conchi Seijas é aficionada á papiroflexia e aproveitou o último día de clase de 2009 para facer cubos artísticos co alumnado de 3º de ESO B. A curiosa foto que ilustra o artigo está feita polo alumno da mesma clase Ángel Soto, na aula de Informática da 2ª planta. Dada a tremenda cámara da que dispón Ángel e a calidade do seu traballo, queda nomeado dende este momento fotógrafo da web do Feal. Agardamos máis fotos!!!! Aproveitamos para engadir debaixo outra foto do mesmo fotógrafo con permiso dos protagonistas: o propio Ángel Soto e Andrea Castro.
O CPI do Feal ensina papiroflexia na Escola de Arquitectura de A Coruña
04/05/2009
Na ESO do noso centro hai tradición de papiroflexia (ou origami) dende hai varios anos, tanto nos obradoiros de Entroido como nas clases de Matemáticas. O pasado 30 de abril, a nosa profesora de Matemáticas Conchi Seijas foi invitada pola Escola de Arquitectura de A Coruña para dirixir un obradoiro de papiroflexia modular dentro dunha semana de diversas actividades culturais e deportivas. Quedan algunhas imaxes na Galería; véndoas, parece que os futuros arquitect@s de Galicia pasáronno moi ben.
Enderezos electrónicos
- Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
- ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
- Coordinación da web: web.feal@gmail.com
