Saltar navegación.
Inicio

Donas de si

Programa do Plan Proxecta 2021-2022

Plantando sementes de igualdade (3ºT)

E chegamos ao final deste curso cun puñadiño de novas actividades coas que fomentamos o trato equitativo entre homes e mulleres, aínda que as sementes de igualdade que comezamos a plantar hai meses seguirán xerminando ao longo das nosas vidas.


O terceiro trimestre comezámolo participando no Certame Intercentros promovido polo Concello de Narón, trátase dun certame en galego que trata de promover todos os aspectos da cultura - artes plásticas, teatro, narrativa, cómic, xornalismo, ...- Nel os escolares dos centros públicos do Concello teñen ocasión de expoñer os seus traballos en todos os eidos da cultura. A participación do alumnado de educación infantil do noso centro centrouse nas artes plásticas, elaborando catro coloridos murais sobre mulleres relevantes da nosa cultura: Ángeles Alvariño, precursora na investigación oceanográfica mundial; Maruja Mallo, unha das principais artistas da xeración do 27; María Pita, heroína na defensa da cidade da Coruña en 1589, contra a Invencible Inglesa; e as dúas Marías, Maruxa e Coralia, irmás santiaguesas coñecidas na década dos 50 e 60, chamaba a atención a súa excentricidade polas súas vestimentas e maquillaxe modernos para os cánones da época.


Precisamente sobre unha destas mulleres, Ángeles Alvariño, tivemos unha sesión de contacontos ilustrada por Tania Solla e narrada por Enrique Mauricio na que coñecimos algúns aspectos máis sobre a súa vida,ademais  de ensinarnos pautas para crear as nosas propias ilustracións.

E, para rematar, asistimos á representación interactiva de Pepa a Loba, coa que se reivindica a figura da muller a través dunha bandoleira do rural galego.

Plantando sementes de igualdade (2º T)

Benvidos de novo ao recuncho onde os nenos e nenas de educación infantil do CPI do Feal seguimos “plantando sementes de igualdade”. Este segundo trimestre fixémolo de mil e unha maneiras. Entre outras cousas, conmemoramos o Día da Paz (30 de xaneiro), o Día de Rosalía de Castro (23 de febreiro) e o Día da Muller (8 de marzo):

Para o Día da Paz decidimos traballar algunhas das mulleres que gañaron o nóbel da Paz: Rigoberta Menchú, Shirin Ebadi, Malala e Aung San Suu kyi. Escollemos mulleres actuais pois neste segundo trimestre centramos niso a nosa atención e cada aula escolleu e elaborou un traballo co máis relevante de cada unha de elas. Tamén fixemos un colorido mural entre todos cunha frase de Rigoberta Menchú: “ A Paz non só é ausencia de guerra, mentres haxa discriminación, pobreza, racismo e exclusión, dificilmente poderemos acadar un mundo de Paz”.

Celebramos o Día de Rosalía recitando os seus poemas, algúns deles musicados; recordando a súa vida...  ademais xuntámonos todos os rapaces e rapazas de infantil e primaria para gravar un podcast educativo no que se fai unha viaxe pola vida e obra de Rosalía contando cun variado abano de seccións: gastronomía, humor, recitado, música, entrevista..., creando así o primeiro episodio da nosa “Radio Feal.”

Enlace do podcast

Para conmemorar o Día da Muller, promovimos a participación de toda Primaria adornando os corredores do cole con corazóns nos que escribimos o nome da muller máis importante nas nosas vidas e, como non, gañou mamá por maioría absoluta.

 

Asemade, os nenos e nenas de infantil recreamos o paseo da fama de Hollywood con todas as mulleres que traballamos nas aulas ata o momento: as nóbeles da paz; Rosalía de Castro; Nefertiti e Cleopatra, acorde ao Proxecto sobre Exipto desenvolvido polo alumnado de 6º de infantil... sen esquecernos, por suposto, de mamá.

 

Outra das actividades que fixemos no ciclo de infantil para plantar sementes de igualdade foi o obradoiro ofertado polo Concello para alumnos/as de 6º de educación infantil sobre corresponsabilidade. Este obradoiro serviu para para que tanto os nenos como as nenas tomen conciencia en primeira persoa da inxusta división sexual das tarefas entre homes e mulleres.

E, por último, os rapaces e rapazas de 4 anos investigaron sobre dúas escritoras famosas: Agatha Christie e Mary Shelley, plasmando o aprendido en dous grandes muráis.

Plantando sementes de igualdade

“(…) porque o patrimonio da muller son as cadeas da escravitude.
Eu, sen embargo, son libre, libre como os paxaros, como as brisas, como os árabes no deserto e o pirata no mar.
(…)”
Con esta cita de Rosalía de Castro dámosvos a benvida a este espazo virtual no que iremos plantando sementes de igualdade e véndoas crecer ao longo dos trimestres que compoñen este curso 2021-22.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido