Francés
Souvenirs desde París
28/03/2023
Os mandos do noso destacamento galaico en terras galas envíannos algunhas imaxes para ilustrar os seus avances. Desde o cuartel xeral do Feal, desexamos moita sorte as nosas tropas.
Teatro en francés para 3º e 4º de ESO
27/02/2023
O alumnado de Francés de 3º e 4º de ESO asistiu o pasado xoves á representación da obra “Le Tour du Monde de Nelly Bly”, onde coñeceu a historia desta xornalista americana de finais do século XIX, que emulando o periplo de Phileas Fogg, personaxe da obra de Julio Verne, deu a volta ao mundo en tan só 72 días: todo un exemplo de coraxe e loita para moitas mulleres, nunha sociedade na que carecían de oportunidades.
A Sainte Catherine no Feal
01/12/2021
O pasado xoves, 25 de novembro, a entrada do Feal vestiuse de orixinais sombreiros confeccionados polo alumnado de Francés para participar no concurso organizado polo departamento en honor á celebración francesa de Sainte Catherine.
Nesta festa, que se vén celebrando no país veciño dende hai mais de cen anos, as mozas de 25 anos solteiras, (as catherinettes), que traballaban nos talleres de alta costura de Paris, tomaban o día libre e saían de troula con vistosos tocados e sombreiros nos que predominaban as cores asociadas á santa: o verde (cor da esperanza) e o amarelo (cor da alegría).
Actualmente, este día é a festa dos modistas e costureiros e hai un importante concurso de sombreiros no que participan as máis importantes marcas de alta costura e as escolas de deseño.
No Feal tamén temos talento e creatividade dabondo e os gañadores desta edición foron:
- Primeiro premio: Daniel Santos Lago (1º A)
- Segundo premio: Gema Díaz González (2º B)
- Terceiro premio: Sabela Álvarez, Noa Picos e Sara Vázquez (1º A)
Merci beaucoup à tous/toutes pour votre participation !!
Quasimodo
23/01/2020
O alumnado de Francés de 3º e 4º de ESO asistiu hoxe (no colexio Santa Xoana de Lestonnac), á adaptación en francés da obra “Notre Dame de Paris”, de Víctor Hugo.
Da man dos actores da compañía BHM Producións, viaxamos ata o París do século XV para rememorar a desgraciada historia de Quasimodo e Esmeralda, que quedou para sempre ligada á famosa catedral parisina.
Grazas un ano máis a BHM por achegarnos á literatura francesa dun xeito divertido. Vémonos o próximo curso!
Sacré Molière
24/01/2019
O alumnado matriculado en Francés de 3º de ESO, asistiu esta mañá (en Afundación Ferrol) á representación da obra "Le petit malade imaginaire", dentro da campaña de teatro escolar da compañía BHM producións.
Os actores Ángel e Nico, e a actriz Hélène, puxeron en escea unha excelente adaptación da obra do gran dramaturgo francés, acadando unha gran conexión e complicidade co auditorio durante toda a representación.
O mellor do espectáculo foi que os rapaces tamén foron partícipes del. De feito, o noso alumno Yerai Rilo transformouse nun improvisado doutor durante algún minutos, e temos que dicir que mantivo moi ben o tipo, si señor, quen sabe se ten unha vea dramática oculta...
Un ano máis, bravo por ese teatro en francés. Nunca faltamos á cita e sempre saímos satisfeitos, así que, como din os franceses, "chapeau".
Achegándonos a Burdeos
10/05/2018
A entrada do noso cole cobra estes días un tinte internacional, coa exposición que prepararon as profesoras de Educación Secundaria Mar González e Montse Lorenzo, para achegar ao resto da comunidade educativa a súa experiencia Erasmus en Burdeos o pasado mes de marzo.
O alumnado de Francés de 4º de ESO traballou buscando información sobre distintos aspectos da cidade (historia, visitas de interés, gastronomía, etc). O de 1º de ESO animouse tamén utilizando o tema para traballar a redacción nas clases de Lingua Castelá. Botádelle unha ollada e aprenderedes un montón de cousas sobre esta "belle ville" do Sur de Francia!
Participación do CPI do Feal no programa Erasmus +
08/03/2018
As profesoras de Ensino Secundario Mar González e Montse Lorenzo están esta semana na cidade francesa de Burdeos participando no programa Erasmus +.
Neste proxecto, participan diferentes centros de Primaria e Secundaria da provincia de A Coruña coa finalidade de aprender linguas estranxeiras e coñecer as ferramentas pedagóxicas empregadas noutros sistemas educativos, para enriquecer o noso labor docente.
La belle et la bête
05/03/2018
O alumnado de 3º e 4º ESO que cursa a materia de Francés, asistiu o pasado venres á representación da coñecida obra francesa La belle et la bête, no colexio Santa Xoana de Lestonnac.
A obra foi adaptada do texto orixinal do século XVIII por parte da compañía teatral La Bohème, que ofreceu un bonito espectáculo fusionando o teatro con elementos visuais e musicais.
Tralo espectáculo, os actores mantiveron un coloquio co público sobre diversos aspectos da representación.
París 2016 en fotos
29/04/2016
Publicamos un aperitivo dun minuto con fotos da recente viaxe a París de 3º e 4º de ESO. Máis adiante, publicarase unha reportaxe máis ampla con material en vídeo.
O profesorado acompañante (Montse, Nieves e Ángel) quere agradecer o fantástico comportamento d@s alumn@s durante a viaxe, e alégrase dos bos recordos que traen da experiencia.
Teatro en francés (Théâtre en français)
03/03/2016
O alumnado de Francés de 3º e 4º ESO asistiu un ano máis ao espectáculo ofrecido pola compañía La Bohème dentro da súa xira de teatro escolar. A obra representada foi Le médecin malgré lui, unha das comedias máis divertidas do gran dramaturgo Molière.
Dende o principio, as escenas, as cancións e os diálogos mergúllannos a bo ritmo no marabilloso mundo do teatro de Molière. Contáronnos a historia de Sganarelle, un leñador que a base de paus se verá obrigado a exercer de falso médico para curar a máis vella das enfermidades... o amor!
A nosa alumna Tania Pérez (4º A) botoulle valor e subiu ao escenario para colaborar con Ángel, Élodie e Nico, os actores da compañía, que a caracterizaron nunha improvisada Lucinde que aplaudimos a rabiar. Quen sabe se asistimos ao nacemento dunha nova estrela. Nós, por se acaso, inmortalizámola nesta imaxe para a posteridade.
- 1
- 2
- 3
- seguinte ›
- última »
Enderezos electrónicos
- Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
- ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
- Coordinación da web: web.feal@gmail.com
