Saltar navegación.
Inicio

Historia

Despedida de Matilde

05/02/2024

Despois de dezanove cursos e medio no Feal (sumando dúas etapas), o pasado 2 de febreiro foi a última clase da nosa querida compañeira Matilde (mestra de Educación Primaria), debido á súa xubilación. Deixamos aquí unha pequena mostra do cariño do seu alumnado, á que se suma o resto do persoal do centro. Aínda que o vídeo foi dirixido pola profe Mari Carmen Balado, as palabras foron escollidas polo propio alumnado.

Grazas polo teu exemplo, Matilde, e feliz nova etapa lonxe das aulas.

Despedida da Promoción 2023

20/06/2023

Aproveitando o Festival Fin de Curso, o noso alumnado que está rematando 4º de ESO, despediuse hoxe desde o escenario do Pazo da Cultura de Narón (aínda que nese momento o auditorio xa estaba medio baleiro). Deixamos aquí o vídeo que pensaron aceleradamente durante as dúas primeiras semanas de xuño. A pesar de que estaban no medio dos últimos exames, cremos que conseguiron deixar moi ben recollida tanto a súa parte máis seria coma a máis tola. Esperamos que vos guste. Queda pendente a publicación das actuacións do festival, pero iso será máis adiante e pouco a pouco, porque o espectáculo foi máis longo que nunca.

Moita sorte á nosa Promoción 2023, e grazas especiais ao sector máis colaborador nestas actividades de despedida!

Despedida da Promoción 2022

01/07/2022

A nosa promoción do 50 aniversario quixo despedirse con este vídeo, editado fantasticamente por Catuxa Corral Mosquera e Claudia Zhu Díaz Casas. Ademais, xa está publicado outro vídeo coas actuacións que se fixeron no acto de despedida do 22 de xuño.

Grazas ao alumnado de 4º de ESO pola súa colaboración... e moita sorte no camiño!!

Vídeo do noso 50 aniversario

08/06/2022

Aquí tedes o vídeo do noso 50 aniversario, realizado por R3Visual Produce. A duración é de sete minutos e medio, e por primeira vez inclúe imaxes do noso centro gravadas con dron. Grazas a toda a xente que colaborou durante a súa realización.

Actos conmemorativos do 50 aniversario

Anduriña - Agasallo do Concello de Narón polo 50 aniversario do CPI do Feal

Anduriña (Manuel Patinha)

Agasallo do Concello de Narón polo 50 aniversario do CPI do Feal

08/03/2022

Os actos conmemorativos de onte polo noso 50 aniversario foron con aforo limitado, debido ao coñecido lastre que arrastramos desde hai dous anos, pero esperamos facer algo máis masivo antes de que remate este curso.

Pola mañá, xuntouse unha pequena representación dos diversos sectores da nosa comunidade, e ademais, recibimos a varios invitados/as especiais. Asistiron a alcaldesa de Narón Marián Ferreiro, xunto coa Concelleira de Ensino Mercedes Taibo (antes administrativa do Feal durante tantos anos), o noso inspector Santiago Sobrino... e tamén puidemos reunir aos cinco últimos directores/as do centro: Amelia Conde, Mª Dolores Vizoso, Pedro Abeal, Víctor Novo e Juan Carlos Bedia. Sen esquecer á Banda de gaitas de Narón, que puxo un toque festivo.

Pola tarde, houbo unha reunión especial do Claustro, na que se fixo algunha foto de recordo. Xa é posible ver as imaxes da xornada no álbum "50 aniversario" da nosa Galería. Na foto que abre este artigo, pódese ver o cartel conmemorativo feito a partir dun deseño da alumna de 3º de ESO C Zeltia Dopico.

7 de marzo de 2022Preme para ver máis fotos

Felices 50!

Imaxe de Tania López Pazos

06/03/2022

Chegou o día: O Feal cumpre hoxe 50 anos. Coincide en domingo, e non hai ningunha quedada prevista no edificio para tirar foguetes (xa temos bastantes polo nordés), pero mañá luns haberá algunha pequena celebración no Feal.

Entre outros detalles, mañá repartiranse chapas imantadas coa imaxe que abre este artigo, deseñada por Tania López Pazos (de 1º de ESO C). Máis abaixo, engadimos outros deseños presentados (á dereita do de Tania, está o de Andrea Dopico, e debaixo están os de Rubén Saavedra e Zeltia Dopico), todos eles fantásticos.

Temos planeadas máis historias para celebrar os nosos 50 anos, pero irán xurdindo ao longo de 2022. Felicidades!

Chapas do 50 aniversarioPreme para ampliar a foto

Seguiremos todo o curso publicando os comentarios e vídeos que recibamos sobre o 50 aniversario. Anímate!

CPI do Feal - 50 anos

22/12/2021

O próximo 6 de marzo de 2022, o CPI do Feal celebrará o seu 50 aniversario. Estamos pensando en diversas actividades para celebralo durante este curso. Unha delas é a recollida de textos, audios ou vídeos da xente que pasou polo Feal neste medio século; con anécdotas, reflexións...

Este artigo queda aberto aos comentarios (que xa podes ver ao final, e necesitan a aprobación antes de ser publicados); pero ademais, se por exemplo queres enviar un pequeno vídeo falando, podes utilizar o seguinte enderezo de correo: web.feal@gmail.com

Axúdanos a difundir este aviso polas redes!

Xubílanse Isabel e Marisa

Isabel Derungs e Marisa Agulló

21/06/2021

Este ano temos que comunicar a xubilación de dúas profesoras con longo percorrido no noso centro:

A que chegou antes a O Feal foi Isabel Derungs, que en 1997 foi a nosa primeira profesora de Tecnoloxía (en 2º de ESO), e polo tanto estrenou o noso taller. Máis adiante volveu para dar Matemáticas na ESO, e desde 2007 xa foi sempre titora de Educación Primaria.

Marisa Agulló (Luisa cando quere ser máis formal), sae victoriosa no reconto de cursos fealeiros, pero só por un. Coñeceu o centro en 1999, e tras unha paréntese, volveu en 2005 xa sen interrupcións. Sempre traballou na ESO, impartindo sobre todo Xeografía e Historia, ademais doutras materias afíns.

As circunstancias pandémicas aínda non permiten unha reunión para despedirnos delas como quixésemos, pero queda aquí o noso agradecemento polo seu traballo, e os nosos mellores desexos para o seu tempo de retiro.

Fotos do noso alumnado que remata etapa

4º de ESO A 2021

10/06/2021

Desde hai xa varias semanas, está resultando unha misión imposible conseguir facer as fotos dos grupos completos que rematan algunha etapa educativa no Feal (ESO, Primaria ou Infantil). Imos deixando o que conseguimos no álbum "Grupos 2021" da nosa Galería de Imaxes, onde é posible descargar as fotos orixinais, despois de pasar por dúas miniaturas previas. Cada grupo ten unha versión desenmascarada e outra enmascarada, para que quede testemuño gráfico destes tempos pandémicos.

4º de ESO B 2021

Despedida virtual da nosa Promoción 2020

02/12/2020

Rematamos o curso pasado sen poder dar unha aperta de despedida á nosa Promoción 2020. Deixamos aquí este pequeno detalle para compensar un pouco aquel fin de curso tan estraño. Sorte no voso camiño!

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido