Saltar navegación.
Inicio

Tecnoloxía

O alumnado de Carpintería do CIFP Ferrolterra renova os tallos do noso taller

Taburete FerrolterraPreme para ampliar a foto

29/03/2023

Esta mañá recollimos os novos asentos para os tallos do noso taller, que levaban sufrindo continuos ataques desde 1998. A renovación foi posible a partir da recente visita ao taller dunha moi estimada ex-alumna que agora está estudando nun ciclo de madeira do CIFP Ferrolterra: Estefanía Silva (Fefa). Despois da visita, Fefa falou co seu profesor Juan Francisco Cendán, e acordamos enviarlles a madeira para que fixesen os discos coa súa maquinaria. Podedes ver uns segundos do proceso no vídeo que achegamos.

O seguinte paso, será pedir ao noso alumnado de 4º de ESO que cambie os torturados asentos de plástico por estas marabillas, que ata teñen gravado con láser os nomes dos dous centros implicados. Esperemos que vendo este gran traballo (en boa parte da nosa ex-alumna), o noso alumnado actual e futuro respecte un pouco máis os tallos do taller de Tecnoloxía. Esperemos tamén que haxa máis xente do Feal que se anime a matricularse nos ciclos de madeira de Ferrolterra, que teñen uns talleres espectaculares, e ademais, a saída laboral está garantizada.

Un millón de grazas a Fefa, a Cendán e en xeral ao CIFP Ferrolterra.

Nota: Tamén contamos co bo asesoramento de Maderas del Noroeste á hora de comprar a madeira.

Nerea Trigo e Sergio CalvoPreme para ver máis fotos

Buffet no taller

Buffet 2022Preme para ver máis fotos

21/12/2022

Aproveitando que un dos grupos de Tecnoloxía de 4º de ESO reparou a tostadora dunha profesora, que teñen clase a primeira hora dos mércores, que son pouc@s e traballan moito... xa levamos un par de clases con buffet para almorzar, como se estivésemos nun hotel: tostas, leite quente, cacao, marmelada, manteiga, mel... un pouco de todo. Se tedes algo máis para reparar por casa, xa sabedes: os de cuarto non piden cartos.

Lanzamento de ovos no Feal

22/12/2021

Durante os últimos días deste trimestre, propuxemos unha pequena actividade voluntaria para subir nota (e de paso divertirnos) na Tecnoloxía de 2º de ESO.

Tratábase de lanzar ovos frescos desde a 2ª planta do noso centro, e que resistisen a caída, comprobando que non estaban cocidos.

Houbo diversas solucións de baixa tecnoloxía (sen chegar aos drones) para resolver este problema, pero as máis vistosas foron as que utilizaban paracaídas. Grazas a todos/as participantes!

Os efectos encadeados de 2º de ESO

07/06/2020

Deixamos aquí un resumo doutra das actividades que fixo o alumnado de Tecnoloxía de 2º de ESO en casa durante o peche do centro. Trátase de máquinas de efectos encadeados, nas que tiña que haber polo menos cinco activacións automáticas diferentes e tres retardos intermedios, para pasar dos quince segundos. Algúns dos vídeos quedaron fóra do resumo, a petición dos autores/as ou debido á baixa resolución. Un millón de grazas a toda a xente que participou neste novo reto!

As bombillas caseiras de 2º de ESO

07/05/2020

O noso alumnado de Tecnoloxía de 2º de ESO, non está participando en  ningunha desas campañas tan modernas que usan hashtag, pero quere presentarvos un pequeno traballo caseiro que fixo durante estes días que non pisamos o taller do Feal.

Son bombillas feitas en casa con fío de grafito (minas de lapis). As comerciais duran máis, porque ademais de que o fío é doutro material (como tungsteno), non teñen oxíxeno arredor. De todas maneiras, sorprende o brillo dalgunhas delas (sobre todo cando se usa unha batería en lugar de pilas).

Tivemos que descartar varios  vídeos por diversas razóns: orientación vertical, baixa resolución... Ademais, recortamos varios dos escollidos para que a montaxe non fose demasiado repetitiva.

A última das aportacións é diferente: un semáforo que fixo Nora con Arduino, porque non tiña en casa o material necesario para a bombilla (un problema que tivo bastante máis xente, claro).

Moitísimas grazas a todo o alumnado que participou neste pequeno reto caseiro e voluntario (contade con outro proximamente!).

YouTube bloquea algúns dos nosos vídeos


24/04/2020

Despois de varios anos sen problemas no noso canal de YouTube, Google ten agora bloqueados polo menos os seguintes vídeos: a Despedida da Promoción 2016, a Despedida da Promoción 2015 e O espello secreto, a causa dos dereitos de autor das cancións (de Coldplay nos dous primeiros casos e de Roy Orbison no terceiro). Deixaremos os arquivos orixinais destas gravacións en Google Drive temporalmente por se alguén desexa descargalos. Non é posible subilos aos servidores da Consellería de Educación sen baixar a calidade da imaxe (hai un límite no tamaño de arquivo). Lamentamos esta actitude das editoriais musicais, tendo en conta que non facemos ningún negocio cos nosos vídeos.

Agasallos de 2º de ESO para Infantil de 4 anos

2º de ESO en Infantil 4 anosPreme para ampliar a foto

20/02/2020

Algunhas destas alumnas de 2º de ESO xa pasaran pola aula de Infantil de 4 anos coa profe Vanesa, cando tiñan esa idade. Agora, depois de elaborar xoguetes de madeira na materia de Tecnoloxía, volveron por alí para deixar o seu traballo como agasallo.

Alba, Catuxa e Uxía fixeron un espectacular aparcadoiro onde non falta detalle, mentres que Andrea, Claudia e Yaiza fixeron un bonito xogo de pesca. O resto de 2º de ESO aínda segue traballando nos seus proxectos, e se hai máis que queden así de ben, tamén poderían chegar a Infantil. Grazas chicas!!

2º de ESO en Infantil 4 anosPreme para ampliar a foto

Xa temos compostador

Compostador 2019Preme para ver máis fotos

05/12/2019

Durante esta semana, un grupo de alumnos de 4º de ESO estivo construíndo un compostador no taller de Tecnoloxía, reciclando palés vellos. Este é o primeiro paso dunha iniciativa do departamento de Bioloxía, para máis adiante facer compost cos restos do noso comedor. Para esta tarefa, contamos coa axuda dun representante da Asociación EuroEume: Ángel Lorenzo. Moitas grazas a Martín, Anxo, Brais, Yerai e Ricardo polo traballo no taller, e tamén a Hely e Iago, que axudaron no transporte (ata as proximidades do noso abandonado invernadoiro).

Visita ao CIS de Ferrol

CIS 2019Fai clic para ampliar a foto

17/11/2019

O noso alumnado de 4º de ESO visitou o pasado venres o Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (de Ferrol). Alí había unha charla sobre os avances actuais da Tecnoloxía, para tratar de espertar vocacións nese campo entre as novas xeracións. A charla foi introducida polo Conselleiro de Economía.

Na foto inferior podedes ver ao poñente do CIS utilizando as ondas cerebrais de Hugo Graña para un pequeno experimento de concentración.

CIS 2019Fai clic para ampliar a foto

Apagha iso!!

25/09/2019

Nada, non hai quentamento global que valga: no Feal seguimos tirando enerxía eléctrica ao lixo como se fósemos certo alcalde en Nadal. Cantas veces se falará de ecoloxía nas nosas aulas!... pero hai poucos practicantes (non importa a idade).

Así que retomamos a campaña que protagonizara un grupo de 4º de ESO con TIC a finais de 2018 (Desirée, Diego, Gabriel, Marco, Adrián, Alba, Hely e Gustavo).

Por ecoloxía, por economía, por mantemento, por seguridade... deixa todo apagado.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido