Saltar navegación.
Inicio

Tecnoloxía

Apagha iso!!

25/09/2019

Nada, non hai quentamento global que valga: no Feal seguimos tirando enerxía eléctrica ao lixo como se fósemos certo alcalde en Nadal. Cantas veces se falará de ecoloxía nas nosas aulas!... pero hai poucos practicantes (non importa a idade).

Así que retomamos a campaña que protagonizara un grupo de 4º de ESO con TIC a finais de 2018 (Desirée, Diego, Gabriel, Marco, Adrián, Alba, Hely e Gustavo).

Por ecoloxía, por economía, por mantemento, por seguridade... deixa todo apagado.

Excursión de 2º de ESO pola Ría de Vigo - 2019

01/07/2019

O pasado 20 de xuño, o alumnado de 2º de ESO pasou o día pola Ría de Vigo (cos profes Ángel, Montse e Pilar Casal). Este foi o plan:

  • Ruta en barco pola Ría con paradas para coñecer diversas técnicas de exploración submarina
  • Visita guiada pola Illa de San Simón (e San Antón)
  • Descanso no centro de Vigo
  • Visita á fortaleza do Monte do Castro

Ademais do pequeno vídeo que subimos a YouTube en 4K, tamén hai un álbum chamado "Vigo 2019" na nosa Galería (con menor resolución).

A barrena

Barrena

14/03/2019

A barrena é unha ferramenta pensada para atravesar madeira, facendo xiros coidadosos coa man. No noso taller, usámolas principalmente como guía, comezando un orificio onde irá despois un parafuso.

Ás veces, hai barrenas que desaparecen accidentalmente do taller, e reciben usos alternativos.

Pelotas contra o ruído

Pelotas informáticasFai clic para ampliar a foto

01/10/2018

Xa que a nosa web está un pouco parada ultimamente, imos contar un pequeno experimento de tecnoloxía punta, realizado no Feal a pasada semana:

O noso alumnado de 4º de ESO coa materia de TIC, colocou 64 pelotas vellas de pádel (moi parecidas ás de tenis) nas patas das cadeiras da aula de Informática da 1ª planta.

Trátase dunha suxestión de José Manuel Timiraos, posto que a súa aula está xusto debaixo, e xerábase moito ruído arrastrando as cadeiras nos cambios de clase de Secundaria (que non coinciden cos de Primaria). Loxicamente, a verdadeira causa do problema é que os nosos adolescentes non empregan a súa desbordante enerxía para levantar as cadeiras. De momento, a iniciativa é un éxito.

O noso agradecemento á nosa ex-profe de Educación Física Silvia Arroyo, que doou as 64 pelotas vellas, e ao noso alumnado de 4º de ESO por instalalas. Confiamos en que non vai desaparecer ningunha destas pelotas.

Poñendo orde tralas obras

Cortinas do taller

01/10/2018

As obras do verán trouxeron melloras para a metade do noso centro, pero tamén deixaron un pouco de caos. Queremos dar unhas grazas especiais ao alumnado da ESO con Tecnoloxía ou TIC, que durante a segunda quincena de setembro axudou a reinstalar dispositivos, poñer orde e limpar en diversos espazos (taller, aulas de informática, biblioteca de Secundaria...). Todos os grupos colaboraron cunha actitude fantástica. Así da gusto ser profe!

Excursión de 2º de ESO pola Ría de Vigo

30/06/2018

O pasado 21 de xuño, o alumnado de 2º de ESO pasou o día pola Ría de Vigo (cos profes Ángel, Mar e Montse). Este foi o plan:

  • Visita guiada pola Illa de San Simón (e San Antón)
  • Ruta en barco pola Ría con paradas para coñecer diversas técnicas de exploración submarina
  • Visita guiada aos puntos máis destacados do Museo do Mar
  • Descanso na praia de Samil
  • Visita á fortaleza do Monte do Castro

Houbo que lamentar a desaparición dalgúns obxectos personais, pero en xeral as opinións sobre a xornada foron moi positivas. Como curiosidade, hai que sinalar que se estaba celebrando un casting de Operación Triunfo cando a nosa expedición chegou ao Museo do Mar.

Ademais do pequeno vídeo que subimos a YouTube (o primeiro de noso canal con resolución 4K, aínda que son imaxes fixas), tamén hai un álbum chamado "Vigo 2018" na nosa Galería (con menor resolución).

Noemí Galera e Montse Lorenzo en Vigo

Xa temos impresora 3D no Feal

Impresora 3D LeónFai clic para ampliar a foto

17/11/2017

Hoxe levamos a agradable sorpresa de recibir unha impresora 3D León que instalaremos no taller de Tecnoloxía. O pasado curso, a Consellería de Educación enviara impresoras 3D a todos os institutos galegos, e agora tócalle o turno aos CPI. Acompañando á impresora, tamén chegaron kits de placas Arduino e Raspberry Pi para controlar circuitos electrónicos.

Necesitamos tempo para analizar todo o material, pero esperamos poder utilizalo durtante este curso polo menos cos maiores da ESO.

Invasión de robots no Feal

Taller - 29/11/2016

29/11/2016

O departamento de Tecnoloxía recibiu recentemente seis novos robots da Xunta (que se unen ao pioneiro de LEGO que fora mercado o curso anterior).

Estes días, o noso alumnado de 4º de ESO dedicarase a montalos, para despois pasar á súa programación con diversos obxectivos (poderán facelo desde un ordenador e tamén desde o seu propio teléfono móbil).

Así que estes pequenos seres tecnolóxicos comezarán pronto a explorar o planeta Feal. Coidado co que pisades polos corredores!

Cociñando co sol

Fornos solares 2016Fai clic para ver máis fotos

08/06/2016

Esta mañá, o noso alumnado de 2º de ESO B estivo cociñando ao aire libre un fantástico arroz con verduras, con biscoito e mazás asadas de sobremesa. Tamén houbo flocos de millo... e ata café, pero todo isto feito con diversos tipos de cociñas solares.

A actividade estaba organizada polo Concello de Narón, e contamos con que os monitores Samuel e Fernando volvan nuns días para traballar con 2º de ESO A. Eles forman parte dunha asociación cultural chamada Os Picos do Sol, que tamén desenvolve outras iniciativas ecoloxistas ou solidarias, como por exemplo A feira do sol.

Exhibición de Iago Lata co Theremin

13/05/2016

Como é ben sabido, o CPI do Feal está na vangarda da tecnoloxía, da música... e de todo o demais. Entre nós, contamos cun artista que vai camiño de deixar abraiado a todo o planeta a través do Theremin: o sen par Iago Lata López.

Deixamos aquí unha pequena mostra dos seus poderes máxicos, como adianto dunha serie de clases maxistrais que impartirá durante a nosa próxima semana da ciencia, en compañía do tamén virtuoso do Theremin Kevin Pazos Romero.

Nota: moitas grazas a Loopy por axustarnos o Theremin, e a Víctor Novo por poñernos en contacto con el.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido