Saltar navegación.
Inicio

Plantando sementes de igualdade (2º T)

Benvidos de novo ao recuncho onde os nenos e nenas de educación infantil do CPI do Feal seguimos “plantando sementes de igualdade”. Este segundo trimestre fixémolo de mil e unha maneiras. Entre outras cousas, conmemoramos o Día da Paz (30 de xaneiro), o Día de Rosalía de Castro (23 de febreiro) e o Día da Muller (8 de marzo):

Para o Día da Paz decidimos traballar algunhas das mulleres que gañaron o nóbel da Paz: Rigoberta Menchú, Shirin Ebadi, Malala e Aung San Suu kyi. Escollemos mulleres actuais pois neste segundo trimestre centramos niso a nosa atención e cada aula escolleu e elaborou un traballo co máis relevante de cada unha de elas. Tamén fixemos un colorido mural entre todos cunha frase de Rigoberta Menchú: “ A Paz non só é ausencia de guerra, mentres haxa discriminación, pobreza, racismo e exclusión, dificilmente poderemos acadar un mundo de Paz”.

Celebramos o Día de Rosalía recitando os seus poemas, algúns deles musicados; recordando a súa vida...  ademais xuntámonos todos os rapaces e rapazas de infantil e primaria para gravar un podcast educativo no que se fai unha viaxe pola vida e obra de Rosalía contando cun variado abano de seccións: gastronomía, humor, recitado, música, entrevista..., creando así o primeiro episodio da nosa “Radio Feal.”

Enlace do podcast

Para conmemorar o Día da Muller, promovimos a participación de toda Primaria adornando os corredores do cole con corazóns nos que escribimos o nome da muller máis importante nas nosas vidas e, como non, gañou mamá por maioría absoluta.

 

Asemade, os nenos e nenas de infantil recreamos o paseo da fama de Hollywood con todas as mulleres que traballamos nas aulas ata o momento: as nóbeles da paz; Rosalía de Castro; Nefertiti e Cleopatra, acorde ao Proxecto sobre Exipto desenvolvido polo alumnado de 6º de infantil... sen esquecernos, por suposto, de mamá.

 

Outra das actividades que fixemos no ciclo de infantil para plantar sementes de igualdade foi o obradoiro ofertado polo Concello para alumnos/as de 6º de educación infantil sobre corresponsabilidade. Este obradoiro serviu para para que tanto os nenos como as nenas tomen conciencia en primeira persoa da inxusta división sexual das tarefas entre homes e mulleres.

E, por último, os rapaces e rapazas de 4 anos investigaron sobre dúas escritoras famosas: Agatha Christie e Mary Shelley, plasmando o aprendido en dous grandes muráis.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com