Saltar navegación.
Inicio

Primaria, 1º de Primaria, 2º de Primaria, 3º de Primaria, 4º de Primaria, 5º de Primaria, 6º de Primaria

Mercadillo solidario

Mercadillo

20/01/2017

O alumnado e as mestras de 2º de Primaria estamos a traballar nun proxecto solidario co fin de recadar cartos para o fondo de Recursos Solidarios de Narón. Como ben sabedes (xa que moitos e moitas de vós colaborastes coas vosas aportacións e polo cal vos damos as grazas), no primeiro trimestre levamos a cabo unha campaña de recollida de alimentos, que foron doados a este organismo.

Neste trimestre, imos organizar un Mercadillo Solidario e, para iso, precisamos a vosa colaboración. Podedes facelo aportando xoguetes, ou obxectos de calquer tipo (non teñen por que ser infantís), que non precisedes e que estean en bo uso, para que, os nenos/as e nós, poidamos ir facendo unha clasificación para a venda dos mesmos. Estes pódense depositar nunhas caixas que poremos na entrada do centro. Cando teñamos todo listo, informarémosvos oportunamente para que poidades vir mercar!

Moitas grazas
O alumnado e as mestras de 2º de E.P.

Un kg por un desexo

Un kg por un desexo

14/12/2016

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Un destes programas foi o escollido por 58 alumnos e alumnas de 2º de Educación Primaria do CPI do Feal (Narón) e polas súas tres mestras titoras. Trátase do Voluntariado miúdo: Móvete!, que leva por título E, que podo facer eu?. A partires desta pregunta, pretenden concienciar á comunidade educativa e ao seu entorno de que podemos facer moito para axudar á xente próxima a nós.

Deste xeito, cunha metodoloxía baseada na “Aprendizaxe e servizo”, que integra o servizo á comunidade coa aprendizaxe de contidos, habilidades e valores, é dicir, intencionalidade pedagóxica e intencionalidade solidaria, realizarán diversas campañas ao longo do curso. A primeira  delas, que están a levar a cabo nestes días, leva por nome Un kg por un desexo. Con esta iniciativa, recollerán alimentos para o banco de Recursos Solidarios de Narón a cambio dunha tarxeta cun desexo que estes alumnos elaboraron.

Mais non é esta a única iniciativa que desenvolverán este curso. Proximamente, organizarán un Mercadiño Solidario e a Representación dunha obra de teatro nun centro de maiores e nunha escola infantil.

As titoras de 2º de Primaria

@s espeleólog@s do Feal

Minerais 2016Fai clic para ver máis fotos

26/11/2016

O alumnado de 4º de Primaria tivo a sorte de participar recentemente nun obradoiro sobre as Propiedades dos minerais impartido polo alumnado de 1º de ESO B, e guiado pola profesora de Bioloxía, María Varela.

O obradoiro levouse a cabo en varias sesións, unha para cada aula. Nestas sesións, os nenos e nenas de 4º de Primaria manipularon distintos minerais nos que puideron comprobar de forma directa algunhas das súas propiedades (cor, cor de raia, brillo e forma).

O alumnado gozou e aprendeu moito na realización desta actividade. A partir de agora… os minerais son outro mundo.

Non hai mellor maneira de aprender que aprender facendo entre iguais. O enriquecemento mutuo do que ensina (alumnado da ESO) e do que aprende (alumnado de Primaria), guiado pola profesora coordinadora, é un dos sendeiros na formación de persoas íntegras. 

As titoras de 4º de Primaria

Agradecemento das familias de 2º C de Primaria a Mónica Martínez

22/06/2016

As familias de 2º C de Primaria quixeron facerlle un agasallo en forma de vídeo á titora Mónica Martínez. O vídeo está dirixido por Alberto Rodríguez, e no guión colabora Nuria Cao.

Engadimos o agradecemento da propia Mónica.

Excursión á Coruña de 5º de Primaria

A Coruña 2016Fai clic para ampliar a foto

15/04/2016

O pasado martes 12 de abril, @s alumn@s de 5º de Primaria visitaron a cidade da Coruña acompañados dos seus titores (Jéssica, Roberto e Isabel).

Comezaron visitando as instalacións de La Voz de Galicia en Arteixo, así como o seu Museo. A continuación, achegáronse á Illa de Santa Cruz (Oleiros), onde observaron a natureza e a fermosa vista da Coruña, e ademais, coñeceron a historia do castelo grazas a monitores do CEIDA. Para rematar, visitaron a Torre de Hércules e subiron ao faro máis antigo que aínda está en funcionamento.

Visita a Exponav

Exponav 2016

11/04/2016

O pasado martes 5 de abril, o alumnado de 4º de Primaria visitou Exponav, o museo da construción naval de Ferrol. Ademais, na fundación Abanca, asistiron a unha exposición fotográfica sobre a emigración galega, e participaron nun obradoiro.

Santiago de Compostela 2016

Parlamento galego 2016

Fai clic para ampliar a foto

18/03/2016

O pasado martes 15 de marzo, @s alum@s de 6º visitaron a cidade de Santiago de Compostela acompañados polos seus titores. Comezaron o percorrido polo Museo do Pobo Galego, no que visitaron o Panteón de Galegos Ilustres, onde están soterrados galegos tan importantes como Rosalía de Castro ou Castelao. A continuación, visitaron o Parlamento Galego, onde despois de coñecer as instalacións, asistiron a un pleno no que se estaba a falar de educación. Despois de comer ao aire libre, e gozar do soleado día santiagués, foron ao estupendo Museo de Historia Natural, de onde saíron encantados, para regresar a casa sobre as sete da tarde.

Museo de Historia Natural de Santiago - 2016

Día da Paz 2016

 Vídeo coa canción Cantarela dos nenos

con letra de Neira Vilas e interpretada por Na Virada

29/01/2016

Ademais do vídeo gravado esta mañá na entrada do noso centro para celebrar o Día da Paz (tras varios anos con choiva que nos obrigaran a festexalo no patio cuberto), publicamos unha presentación que nos enviaron as profesoras de 1º e 2º de Primaria con imaxes do seu alumnado.

Día da Paz 2016

Presentación de 1º e 2º de Primaria

Un premiado do Feal no concurso de debuxo "Os nosos portos"

Os nosos portos - 2015

07/01/2016

O pasado mes de decembro, o noso alumno Alejandro Álvarez Permuy (5º A) conseguiu o terceiro premio no concurso de debuxo "Os nosos portos". Este concurso estaba convocado polo Porto de Ferrol para alumn@s de 5º e 6º de Educación Primaria, e foron presentados máis de 2.000 debuxos procedentes de colexios de Ferrolterra, Eume, Ortegal e A Mariña. Na foto, podedes ver a Alejandro, a súa titora Isabel Derungs, e as outras dúas premiadas. Parabéns, Alejandro!

Visita a Aldea Nova de 3º de Primaria

Aldea Nova 2015

Fai clic para ver máis fotos

13/11/2015

O pasado martes 3 de novembro, o alumnado de 3º de Primaria fomos de excursión a Aldea Nova. Alí participamos en tres obradoiros. Velaí as nosas opinións:

  • Obradoiro de astronomía: Encantounos porque nos introducimos nun planetario no que viamos as estrelas, a lúa, a Terra e outros astros.
  • Obradoiro de animais: Gustounos porque vimos cabalos (un chámase Flequi e outro Pirata), o burro Roque, un porco celta, un poni, cabras, etc. Puidemos darlles de comer e acaricialos.
  • Obradoiro de apicultura: Coñecemos as distintas partes da abella, aprendemos a distinguir o macho da femia, e a avespa asiática da autóctona. Tamén puxemos os traxes precisos para poder visitar as abellas no seu contorno, e finalmente probamos o mel.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido