Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

Con motivo do fin do primeiro trimestre, a profesora Leticia Riestra, do departamento de Informática organizou un breakout- edu ao alumnado de 1 e 2 de bacharelato.
Un "breakout" é un xogo inmersivo derivado do populares Escape  Rooms. Nun breakout non hai que saír dunha habitación na que un grupo está encerrado; aquí o obxectivo consiste en abrir unha caixa pechada con diferentes cadeados nun tempo predeterminado. Para conseguir os códigos que os abren é necesario resolver problemas, cuestionarios e enigmas. Unha breve narrativa transforma aos participantes en axentes secretos, científicos, aventureiros ou calquera personaxe que imaxinemos.
Os breakout achegan entre outras: colaboración e traballo en equipo, desenvolvemento de pensamento crítico, habilidade para resolver problemas, aprender a traballar baixo presión…
Neste caso, e baixo a temática de Harry Potter, o alumnado tiña que deter un contador nun tempo estipulado de 80 minutos para conseguir por unha banda poder acceder a todo o material que o profesorado utiliza para preparalos para as ABAU (no caso de 2 bacharelato) ou para evitar que todas as excursións programadas fosen canceladas (no caso de 1 bacharelato).
Despois dunha pequena introdución co reparto do alumnado nas diferentes casas da escola de maxia usando o sombreiro seleccionador e dun pequeno vídeo co director do centro explicando o problema, deuse comezo ao xogo tendo que resolver enigmas de materias como matemáticas, historia, galego, educación física, bioloxía e mesmo procura de libros pola biblioteca todo iso acompañado de música para xerar un ambiente máis divertido.
Como premio, o grupo que conseguiu parar o contador, e despois de resolver un último enigma empregando variñas máxicas, puido atopar a combinación do cadeado do libro dos monstros e acceder a un premio final o cal tamén incluía un premio de consolación para todos os participantes.
O alumnado pasoullo en grande e gozou moito da experiencia.
Poden consultar as fotos na seguinte galería, así como un par de vídeos resumen de cada un dos grupos.