O noso alumnado de 1º e 2º de Bacharelato asistiu na última semana de xaneiro a unha representación da traxedia de Federico García Lorca Bodas de sangre nas instalacións do Fórum da nosa cidade. A obra foi representada dentro do marco de representacións escolares ofrecidas pola plataforma Transeduca e realizada polo grupo de teatro afeizoado Corcia. O seu plantel fixo unha recreación intensa da racial e simbólica escritura dramática do xenial autor de Fuentevaqueros. Con seguridade, os nosos estudantes desfrutaron da representación (a pesares do tráxico fin dos amantes...).
Este venres, día 2, os alumnos de 1º de ESO do IES Elviña asistiron a unhas charlas didácticas para a prevención do acoso escolar, impartidas polo inspector Arias, Delegado de Participación Ciudadana do CNP. As charlas encádranse dentro do Plan director da Policía Nacional, que ofrece diversos tipos de intervención educativa para o alumnado de ensinanzas medias.
Foi unha sesión moi estimulante e alentadora no tocante á sensibilización sobre esta problemática, incluso máis aló do ámbito meramente escolar. Os integrantes da comunidade escolar do IES Elviña queremos salientar o noso agradecemento á Policía Nacional por esta colaboración, e o noso recoñecemento pola súa labor cotiá en prol da seguridade e benestar de toda a cidadanía.
O xoves día 11 de Xaneiro, Óscar Núñez, do colectivo Recreadores de Galicia pasou unha xornada co alumnado de Cultura clásica do noso centro para evocar o mundo dos lexionarios romanos. Os alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO asistiron a unha charla sobre o mundo do exército romano e despois puideron practicar algunhas das técnicas de loita das antigas lexións co material militar cedido polo propio monitor.
Un curso máis, chegados ao último día do primeiro trimestre o alumnado de todos os cursos do centro participou no Festival de Nadal. Neste ano os participantes amosaron moi variados talentos: houbo recitadoras de poesía, bailarinas, músicos individuais, cantantes e interpretacións de grupo. Non faltou a colaboración de varios profesores que deron tamén a nota (aínda que, desta vez, sen figurar nos boletíns) e o vídeo conmemorativo do Festival de Nadal do curso anterior.
CADRO DE ACTUACIÓNS DO FESTIVAL (Presentadoras: Cynthia e Jennifer, 2º Bacharelato)
1. Visionado dun vídeo sobre o festival do curso pasado. 2. Rebeca e Heloísa (4º ESO). Lectura dun poema en portugués. 3. Daniel (2º ESO). Interpretación de Promenade ao fagot. 4. Xan (2º ESO). Concertino de Brebal ao violoncelo. 5. Uriel (2º ESO). Feliz nadal, interpretada coa tuba. 6. Grupo de 2º ESO A: Impossible. 7. Uxía, León (4º ESO). Recitado dun poema en castelán. 8. Grupo de 2º ESO B: Romeo e Xulieta. 9. Grupo de 3º ESO A: El último mohicano. 10. Grupo de 3º ESO B: O son do ar. 11. Chemi (4º ESO) e Pedro (profesor): Loco enamorado. 12. Priscila (4º ESO) e Gemma (profesora): Alicia Keys. 13. Grupo de 4º ESO e BACHARELATO: recopilatorio do grupo ABBA, Dancing queen, Super trouper e Mamma Mía. 14. Baile: Andrea e Ana Beatriz (4º ESO) 15. Grupo de alumnado e profesores: Música tradicional.
O público escoitou aos participantes con atención e respecto. O resultado: un festival que quedará no recordo de todos os asistentes.
O alumnado de Latín de Bacharelato de Elviña recreou a antiga receita de moretum, unha mestura de queixo, allo, herbas e aceite. Contribuimos gustosamente ó festival de comidas de outono do Instituto organizado polo departamento de Dinamización de Linguas.
No proxecto participaron activamente tamén compoñentes do departamento de Ciencias e TIC.
As imaxes e vídeos contidos nesta páxina web corresponden ás actividades desenvolvidas dentro da Programación anual de actividades do noso centro polo noso alumnado. Todas as familias e responsables legais do alumnado que aparece nelas asinaron coa matrícula un permiso específico para permitir a difusión destas imaxes a través da web do instituto ou a través das contas en espazos web e en redes sociais que son de titularidade do IES Plurilingüe Elviña. Asimesmo, familias e responsables están tamén informados do seu dereito de revogar esa autorización de uso de imaxe. Lémbrase que a descarga destes materiais visuais e o seu uso por terceiros fóra do estrito marco dos espazos e funcións permitidos pola autorización citada (isto é, a difusión meramente informativa das nosas actividades complementarias e extraescolares a través da páxina web oficial do centro e a través das contas das que o centro é titular) son ilegais, poden e deben ser denunciados. O IES Plurilingüe Elviña non se fai responsable do uso que se poida facer destas imaxes por terceiros fóra do ámbito dos espazos web que son da súa titularidade.