Skip to Content

DALÍ CIENTÍFICO NO IES ELVIÑA

Dali-03
Dali-01

     Arte e física en amorosa compaña? Quen dixo tal? Non vai iso contra a natural antipatía entre ciencias e letras? Non, non, non misturemos... Asíntotas e Leonardo da Vinci? Cálculo diferencial e Michelangelo? Vaites! Quita de aí, rapás! Pois si!
    E non é tan raro: nisto da interdisciplinaridade sabían moito máis ca nós os antigos gregos e romanos (mesmo os homes do medioevo), que, con máxica intuición, agochaban o misterio esencial das belas artes baixo a chave da segreda linguaxe dos números.
     Remedando, pois, aos vellos mestres das artes da beleza, varias profesoras do IES Castro de UZ de As Pontes María Fernández Bouza, Rocío Chao Fernández, Rosa Ana Fernández Rodríguez, María José Fernández Yánez e María José Vergara Leonardo preparon hai xa uns anos unha exposición na que se estuda con esmerado detalle a relación entre a ciencia matemática e a pintura de Salvador Dalí. A exposición obtivo no ano 2004 unha Mención de honor no apartado de "Traballos de divulgación científica" dentro do Concurso Física+Matemáticas en acción do Parque de las Ciencias de Granada.
     Grazas á xenerosa e atenta intercesión da nosa benquerida compañeira do Departamento de Física e Química Isabel Muinelo, a exposición, depositada no IES das Pontes, chegou ao IES Elviña cedida durante dúas semanas para se sumar á celebración do noso aniversario, convertíndonos no primeiro centro da cidade da Coruña en recibila.  A aproveitala!

Salvador Dalí: as mates do surrealismo

Dali-retrato    O geni de Cadaquès é un dos máis importantes pintores do século XX. Vencellado aos creadores da Xeración do 27, distinguiuse dentro do grupo surrealista de París onde coincidiu con nomes míticos da arte de avangarda coma André Breton, Louis Aragon, Paul Éluard, Picasso, Picabia, Max Ernst, Yves Tanguy, Hans Arp ou Réné Magritte.
     Con Luis Buñuel firmou dúas obras mestras da historia do cinema, cuxas propostas imaxinarias teñen aínda suficente forza para impresionar pola súa xenialidade. Antes de se converter en Avida dollars (Cugat dixit), Dalí desenvolveu toda unha teoría de composición pictórica que el mesmo baptizou co estrambótico nome de método paranoico-crítico: dar renda solta, sen ataduras da moral nin da consciencia, á imaxinación creativa suxerindo asociacións insólitas entre os obxectos, as ideas, como reflexo das obsesións persoais do artista. Con este método, Dalí creou todo un universo pictórico orixinal e propio, aínda vivo en representación simbólica da liberdade que propón a arte das vangardas.

Surrealistas de ParísMano-1Mano-2

  Son precisamente estas obras as que as autoras da exposición utilizan para exemplificar a subtil relación entre a pintura e a proporción matemática, amosando a maneira irónica na que a lóxica dos números se agocha tras da irracionalidade do imaxinario do pintor.

Cadro1Cadro3

        Pódese atopar unha detallada explicación dos paneis da exposición clicando AQUÍ.

TORNEO PANOS BRANCOS CONTRA A DROGA

Cartel

O pasado xoves día 22 de marzo celebrouse no pavillón dos deportes de Riazor o Torneo "Panos brancos" contra a droga organizado pola Asociación galega contra o narcotráfico. Esta iniciativa, que desde hai xa anos se celebra na provincia Pontevedra, tenta loitar contra esta problemática social desde a práctica do deporte. Nela participaron distintos institutos da cidade. Esta actividade propón varias competicións deportivas para alumnado de ESO. O IES Elviña acudiu cun equipo de Baloncesto e de Atletismo. Como o obxectivo non é tanto gañar coma participar nunha actividade lúdica e de compromiso social, houbo premio para todos os participantes. Foi unha agradable xornada deportiva para rematar o trimestre. Velaí van os fotos do evento co alumnado de 1º e 2º de ESO participante e co profesorado de Educación física, os nosos adorados Paula Iglesia e Francisco Pérez, sempre a traballar polo deporte (e pola educación dos nenos, claro).

Panos2Panos4Panos3
Panos5Panos6

Teatro grecolatino 2018

O alumnado de Latín e Grego do IES Elviña asistiu o pasado 14 de marzo a unha dobre sesión no teatro Rosalía. Incluída no festival de teatro grecolatino que organiza a Sociedade de Estudos Clásicos, a sesión foi moi fructífera: pola mañá a traxedia de Eurípides Electra e pola tarde a comedia de Plauto Gemelos. Ámbalas dúas representacións foron a cargo da compañía Ruiseñor. As inclemencias do tempo non conseguiron agriar a magnífica xornada.

As instantáneas foron tomadas pola nosa fotógrafa oficial Cynthia e as súas colaboradoras Jennifer e Sara.

VISITA DE XULIO FERREIRO

Visita do alcalde da Coruña: Xulio Ferreiro no IES Elviña

Alcalde6
Placa

     Como parte da celebración dos 40, o pasado luns 26 de febreiro o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro Baamonde ofreceuse amablemente a participar na celebración do noso aniversario abrindo un oco na súa axenda para estar connosco unhas horas, compartindo xornada lectiva cos rapaces dos cursos da ESO. 

   En primeiro lugar, participou no plantado dun exemplar de acivro femia (ilex aquifolium) apadriñando ao grupo de 1º ESO "A" nesta actividade que, tradicional no noso centro, organiza o Departamento de Bioloxía. Xulio Ferreiro respostou con humor e afecto ás preguntas que lle formularon nenos e nenas, e posou con eles para a prensa, que inmortalizou a escena. Na placa conmemorativa que acompaña á árbore, quedará constancia da súa presenza neste día.

Acivro

Alcalde4Alcalde5
Alcalde3Plantación da árbore

 

    Despois deste momento de amable lecer, o alcalde deu unha charla para o alumnado de 3º e 4º de ESO, reunido para a ocasión no Salón de actos do instituto. Flanqueado por Isabel García Vila, inspectora de educación do noso centro, en representación da administración autonómica, e polo director do instituto, o alcalde Xulio Ferreiro falou do duro traballo que supón a presidencia do consistorio e das ideas e deseños que, desde a alcaldía, poñen de manifesto o seu proxecto de futuro para a Coruña. Non faltaron na súa charla, informal, amena, pero tamén seria e chea de reflexións comprometidas coas necesidades da cidadanía, especialmente dos máis desfavorecidos, palabras afectuosas para o aniversario do instituto, mesturadas con lembranzas persoais sobre os seus vínculos con exalumnos do centro.

     O alumnado presente no acto non perdeu a oportunidade de plantexarlle peticións e preguntas, ou de fotografarse con el. Non é raro. Non se presenta todos os días a oportunidade de falar co principal representante electo da cidade. A súa presenza, cercana e familiar para rapaces e rapazas, terá sido a bo seguro un gratísimo estímulo para todos eles.

Moitas grazas, alcalde.

O día de Rosalía no CEIP Alborada

Rosalía

Día de Rosalía de Castro (24 de febreiro)

     Dentro das iniciativas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para fomentar a lectura, atópase a conmemoración do nacemento da nosa poeta máis recoñecida, Rosalía de Castro.  Para celebrar este día especial das nosas letras, o profesorado do Departamento de lingua galega propuxo diversas actividades creativas e lúdicas en colaboración co centro CEIP Alborada. Así, parte do alumnado de 3º de ESO do noso centro, acudiu ao noso centro veciño para compartir cos rapaces de primaria unha xornada adicada aos textos da autora compostelá. Entre as actividades, o alumnado da ESO explicou aos nenos de primaria a importancia de Rosalía e as propostas da AEELG para celebrar o seu día. Deixouse aos rapaces un deseño da autora para que o pintasen e como agasallo, unha flor de papel a cada neno. Despois, realizouse unha lectura poética e todo o alumnado de secundaria e primaria participante cantou un poema de Cantares gallegos. Os deseños pintados polos rapaces foron colocados nas fiestras do colexio, tal e como podemos ver nestas fotos.

Rosalia1CantaresRosalia2
Rosalia3Rosalia4Rosalia5

     A bo seguro que todos pasaron un bo rato coa nosa principal poeta romántica. A nosa compañeira do Departamento de lingua galega Patricia Varela compartiu connosco á presentación didáctica que podemos consultar neste enlace e o vídeo que resume a xornada.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut