Skip to Content

Patinando sobre o xeo de Marineda City

     Os rapaces de 1º e 2º de ESO do IES Elviña estiveron o pasado día 1 de Decembro na pista de xeo de Marineda City nunha actividade sufragada ao abeiro do Programa Ao meu xeito! do Concello da Coruña. Coa axuda do profesor de Educación Física Francisco Pérez e dun monitor o alumnado adentrouse no mundo dos deslizamentos, as piruetas e as cuadas. Afortunadamente non houbo que lamentar ningunha víctima (malia unha pobre sela, que non tiña culpa de nada e que sufriu un delicado percance...).

Pista de xeo-01Pista de xeo-02Pista de xeo-03Pista de xeo-04

Comida de outono no IES Elviña

Mesa de larpeiradas    Como xa ven sendo tradición do noso centro, no mes de Novembro o Departamento de dinamización de lingua galega dirixido pola nosa compañeira Pilar López organizou o seu Concurso de comidas de outono, de participación aberta a toda a comunidade educativa do instituto de Elviña. Boa parte dos alumnos e alumnas (e con eles, a bon seguro, as familias) quixeron participar cociñando para todos unha chea de pratos ben apetecibles. Houbo tamén este ano contribucións do profesorado, que, ademais de darlle a números e letras, tamén teñen o seu aquel entre os pucheiros, segundo parece. E tampouco faltou á cita o noso bedel Carlos Silva, que preparou un caldo de cocido que fixo relamberse ao máis pintado.


     Entre os pratos víronse sobre todo doces e larpeiradas de todas as formas e tamaños: magdalenas, bombóns, tartaletas, biscoitos, galletiñas, pasteis, pastas, boliños, pastas de milfollas, mazapáns, tartas de améndoa, de piña, de limón, de chocolate, de queixo, de cabaza, de manteiga, de crema de leite, de doce de leite, de noces, de mazá, de viño tinto, e mellor non seguimos, que será a historia de nunca acabar. Abofé que temos no instituto bos reposteiros! Tamén se viron pratos salgados, entre eles dúas deliciosas tortillas con pataca galega de outono, e unha venerable receita extraída da De re coquinaria do escritor romano Apicio que prepararon os alumnos e alumnas de latín e cultura clásica, para amosar que isto da cociña non ten idade, pero si moita historia...

Comida-01Comida-02
Unha folla de chocolateTres membros do xurado

     No segundo lecer, ás 12:10, todos puideron desfrutar das comidas e votar polas súas receitas favoritas. O gañador foi o noso alumno de 1º de ESO C, Josué Rey Morón. Parabéns!
     Pilar López asegurou que, en datas próximas, publicará na web de normalización o libro das receitas do concurso.

Estade atentos os gulosos!
(e as gulosas!)

     O noso compañeiro Carlos, editou este vídeo que podedes ver na súa canle de YouTube.

 

Ensaios didácticos da OSG

Ensaio-OSG-3ESO

     Os rapaces e rapazas de 3º de ESO estiveron este xoves 9 de Novembro no Palacio da Ópera da cidade para acudir a un ensaio didáctico da Orquestra Sinfónica de Galicia. Alí puideron escoitar a Sinfonía nº 9 "From the new world" do compositor checo Antonin Dvorak. A obra estivo dirixida polo prestixioso director israelí Eliahu Inbal. Foron acompañados polas nosas compañeiras Gemma López e Isabel Carballada.

Os centros de estudo de Elviña contra a violencia machista

A Coruña en negro

Lazo contra a violencia machistaO 25 de Novembro foi o día internacional da eliminación da violencia contra a muller. Toda violencia é, por si mesma, espantosa, aborrecible. A violencia machista, ademais, é na nosa actualidade lacra insoportable e dolorosa realidade coa que temos que enfrontarnos día a día, con ese goteiro de miserable horror que representa a morte das mulleres pola man das súas parellas e exparellas. A morte, coa súa dimensión definitiva, total, é a realidade visible que esperta a indignación de toda a sociedade comprometida, pero esa indignación é igualmente necesaria cando falamos das mulleres que, aínda vivas, sofren esta violencia en todo o mundo. Esa sociedade, á que queremos pertencer, demanda o noso compromiso na loita polo dereito de todas as mulleres ao respecto e a igualdade no mundo enteiro. 

05a     O IES Elviña, no día 24 de Novembro, véspera da conmemoración internacional, quixo adicar un recordo ás mulleres falecidas en casos de violencia machista no noso país durante este ano facendo un mural no que figurasen os seus nomes e casos, brevemente descritos. Ademais disto, o alumnado de 2º de Bacharelato do IES Elviña, en compaña do alumnado de 6º de Primaria do CEIP Alborada participou nun acto sinxelo de homaxe no que se selou simbolicamente o recinto dos dous centros co lema "Espazo libre de violencia machista". Para rematar, unha alumna leu o poema de Gioconda Belli "Y dios me hizo mujer". Sirvan estes actos como mostra do compromiso de toda a comunidade educativa de Elviña con esta loita.

0104Panel-01
0203Panel-02

      O noso compañeiro Carlos Silva editou o vídeo da xornada. Velaquí o tedes na ligazón á súa canle de YouTube.

 

Samaín no IES Elviña

Araña     O pasado día 31 de Outubro celebrouse no noso centro o Samaín con diversas actividades. Coa Biblioteca e os andares do instituto engalanados para a ocasión, os membros do Club de Lectura Elvilendo, fixeron unha terrorífica lectura de varios relatos axeitadamente sinistros.

Samaín-02Samaín-01

     Disque houbo berros arrepiantes e son de cadeas na Biblioteca ao longo de todo o día: seguramente espíritos de antigos exalumnos apesadumbrados aínda pola posibilidade de exames parciais... Polo visto, tamén durante a noite, algúns veciños escoitaron son de ósos e risos cadavéricos. Abofé que os defuntos tiveron abondo que gozar coa lectura dos nosos rapaces!
    O noso compañeiro Carlos Silva editou o vídeo da espantosa xornada e o temos dispoñible na súa conta de youtube. Velaí o tedes... Para que pasedes uns minutos de horror! Estades avisados... Vós veredes!

Calavera   Calavera   Calavera   Calavera   Calavera 

     Mentres isto sucedía no instituto, os alumnos de 4º de ESO asistían no Teatro Colón da nosa cidade á tradicional representación do Don Juan Tenorio de José Zorrilla, en versión do grupo de teatro local afeizoado Noite meiga. Estes tamén pasaron un bo rato coas andanzas do famoso conquistador romántico.

araña

Don Juan

Distribuir contido


by Dr. Radut