Skip to Content

Comida de outono no IES Elviña

Mesa de larpeiradas    Como xa ven sendo tradición do noso centro, no mes de Novembro o Departamento de dinamización de lingua galega dirixido pola nosa compañeira Pilar López organizou o seu Concurso de comidas de outono, de participación aberta a toda a comunidade educativa do instituto de Elviña. Boa parte dos alumnos e alumnas (e con eles, a bon seguro, as familias) quixeron participar cociñando para todos unha chea de pratos ben apetecibles. Houbo tamén este ano contribucións do profesorado, que, ademais de darlle a números e letras, tamén teñen o seu aquel entre os pucheiros, segundo parece. E tampouco faltou á cita o noso bedel Carlos Silva, que preparou un caldo de cocido que fixo relamberse ao máis pintado.


     Entre os pratos víronse sobre todo doces e larpeiradas de todas as formas e tamaños: magdalenas, bombóns, tartaletas, biscoitos, galletiñas, pasteis, pastas, boliños, pastas de milfollas, mazapáns, tartas de améndoa, de piña, de limón, de chocolate, de queixo, de cabaza, de manteiga, de crema de leite, de doce de leite, de noces, de mazá, de viño tinto, e mellor non seguimos, que será a historia de nunca acabar. Abofé que temos no instituto bos reposteiros! Tamén se viron pratos salgados, entre eles dúas deliciosas tortillas con pataca galega de outono, e unha venerable receita extraída da De re coquinaria do escritor romano Apicio que prepararon os alumnos e alumnas de latín e cultura clásica, para amosar que isto da cociña non ten idade, pero si moita historia...

Comida-01Comida-02
Unha folla de chocolateTres membros do xurado

     No segundo lecer, ás 12:10, todos puideron desfrutar das comidas e votar polas súas receitas favoritas. O gañador foi o noso alumno de 1º de ESO C, Josué Rey Morón. Parabéns!
     Pilar López asegurou que, en datas próximas, publicará na web de normalización o libro das receitas do concurso.

Estade atentos os gulosos!
(e as gulosas!)

     O noso compañeiro Carlos, editou este vídeo que podedes ver na súa canle de YouTube.

 



page | by Dr. Radut