Skip to Content

Actividades

Alumnado de 1º ESO asiste á visita en liña "Faraón: Rei de Exipto"

Alumnado 1º ESO B na videoconferencia sobre Exipto

O alumnado de 1º ESO asistiu na mañá do mércores 28 de abril á visita didáctica por videoconferencia da exposición "Faraón, Rei de Exipto", proveniente do British Museum, realizada desde o Museo Centro Gaiás. O alumnado tivo ocasión, con esta actividade, de explorar o simbolismo e o ideario da monarquía exipcia; e mergullarse nos relatos que se ocultan detrás dos obxectos e das imaxes que nos deixou como herdanza este imperio. A actividade foi organizada polo departamento de Xeografía e Historia.

Alumnado de 1º ESO asiste a unha charla da escritora Antía Yañez

Alumnado de 1º ESO coa escritora Antía Yañez

O mércores 24 de marzo, o alumnado de 1º ESO asistiu a unha charla coa escritora Antía Yañez arredor do seu libro "O misterio do torque de Burela". Durate unha hora puideron coñecer os aspectos máis relevantes desta obra que teñen de lectura na materia de Xeografia e Historia.

Alumnado de 1º ESO coa escritora Antía Yañez

Alumnado de 4º ESO asiste a unha charla coa xornalista e escritora Montse Fajardo

Encontro do alumnado de 4º ESO A coa escritora Montse Fajardo

Na maña do xoves 25 de marzo e co título “A represión sobre as mulleres tras o golpe de estado de 1936”, tivo lugar unha interesante charla a cargo da xornalista e escritora vilagarciá Montse Fajardo.  A autora de “Matriarcas”, “Un cesto de mazás” ou a máis recente "A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira" deu a coñecer, ao alumnado de 4º ESO A, a través das historias dalgunhas mulleres de distintos concellos pontevedreses,  a situación da muller nese período histórico  e como viron as súas vidas truncadas ou condicionadas a raíz deste tráxico suceso da historia de España. Ademais a relatora fixo fincapé na historia do último alcalde republicano do concello de Valga. A actividade foi organizada polo departamento de Xeografía e Historia. 

Alumnado de Paisaxe e Xeografía fai unha saída polo concello de Valga

Alumnado de Paisaxe e Xeografía no monte Galiñeiro (Pontecesures)

O mércores 24 de marzo, o alumnado de Paisaxe de 2º ESO e de Xeografía de 2º Bacharelato realizou unha camiñata nas primeiras horas da mañá. Fixeron un percorrido a pé, visitando o miradoiro do Galiñeiro (Pontecesures), onde ollaron a paisaxe do espazo máis chá de Valga e o parque Irmáns Dios Mosquera á beira do río Valga no lugar de Ponte Valga. Foron acompañados polo profesorado Teresa Sumay e Juan Carlos Montejano. A actividade foi  organizada polo departamento de Xeografía e Historia.

Alumnado de 2º Bacharelato participa na VII Olimpíada Xeográfica de Galicia

Alumnas de 2º Bacharelato participan na V Olimpíada Xeográfica de Galicia

O martes 16 de marzo tivo lugar a VII Olimpíada de Xeografía de Galicia, organizada pola Delegación Territorial do Colexio de Xeógrafos en Galicia en colaboración co Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, na que participaron centros de toda Galicia e entre eles o noso Centro, que estivo representado polo alumnado de 2º Bacharelato: Jennifer Valiño, Óscar Ferreiro, Rubén Gómez, Pedro Ramos e Raúl García. A proba realizárona na aula de Informática do centro porque, ante a situación sanitaria actual, esta olimpíada realizouse de forma telemàtica.

Distribuir contido


by Dr. Radut