LEMBRANZA. DOMINGO VILLAR
Colleu o último barco, de xeito inesperado. Marchou. Orfo deixou a Leo Caldas, e a nós. Acompañaba ao inspector cando investigaba esa ataraxia reflexiva dos bos filósofos, e posiblemente tamén a Domingo Villar, cando se atopaba cun feito tráxico que estaba na obriga de clarificar. “Leo Villar”, “Domingo Caldas”, tanto dá, transitaban polo mundo coa serenidade dos sabios, coa gravidade dos que buscan, dos que descobren. Os filósofos poden dar fe. Hai unha verba moi fermosa que ilustra con precisión o ánimo co que se poñían a investigar. Aletheia é. Verba grega, arcaica e profunda, Aletheia significa verdade, unha verdade que se vai desvelando, que irrompe coma o arco da vella entre as nubes, unha verdade que se presenta espida, como non podía ser doutro xeito, unha verdade eterna, inmortal. Domingo Villar tamén o é.
Os libros de Domingo Villar son para desfrutar. Tédelos na biblioteca do IES. O Club de lectura “Veigas de Campaña” e o equipo da Biblioteca do IES de Valga convídavos a lelos.