Skip to Content

Actividades

Espazo para as actividades realizadas polo Departamento de Filosofia

Alumnado de 4º ESO e 1º CB de Agroxardinaría visitaron Burgos e Atapuerca

                       Alumnado de 4º ESO e 1º CB Agroxardinaría en Burgos

Alumnado de 4º ESO e 1º CB Agroxardinaría realizaron unha saída didáctica a Burgos, nunha actividade programada polos Departamentos de Filosofía e Bioloxía e Xeoloxía, acompañado polo profesorado Lara García, Fran Godón e Víctor González. Durante dous días (13 e 14 de abril) visitaron o Museo da Evolución Humana, a Catedral de Burgos ou o xacemento arqueolóxico de Atapuerca entre outros lugares de interese.

                        Alumnado de 4º ESO e 1º CB Agroxardinaría en Atapuerca (Burgos)

Exposición sobre os Dereitos Humanos

Exposición Dereitos Humanos 2022

O departamento de Filosofía conmemora o Día Internacional dos Dereitos Humanos cunha exposición na Biblioteca do noso centro. En palabras do profesor de Filosofía, Víctor González: "E estando os filósof@s de vagar, que tamén eles fixeron ponte, puxéronse a dicurrir co gallo do aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos que se festexa o 10 de decembro. Os filósof@s son así, que lle imos facer. Por suposto ningún deles cuestiono a súa validez e vixencia, mais houbo debate, como non podía ser doutro xeito, e debeu ser acalorado, que saían voces como tronos da biblioteca do IES de Valga onde, como é sabido, están os filósof@s facendo vivaque uns días para denunciar a violencia machista. Suponse que non chegaron as mans, pero quen sabe, que non por ser filósof@s deixan de ser humanos, e se teñen que defender  as súas ideas, fanno de xeito tan apaixoado como calquera mortal. Con todo, case seguro que respectaron a recinto sagrado da biblioteca, que rexeita calquera manifestación de violencia, como é normal. En fin, o debate que quentou aos filósof@s está de moda nos foros de medio mundo, a saber, universalismo versus particularismo. Sábese que ao final houbo acordo. Tod@s a unha defendendo o universalismo. Non cabía outra; como pode ser inxusta a pena de morte nunha comunidade e xusta noutra? Inxusta será sempre, como a tortura ou a escravitude; ou acaso non temos tod@s dereito á educación ou a unha vida digna. Hai cousas nas que non cabe debate algún; hai dereitos que non se poden poñer en cuestión. Falamos dos Dereitos Humanos nada menos, e son trinta, trinta artigos que poden resumirse nun só, como ben sabía Kant, o filósofo ilustrado, a saber: o ser humano debe ser sempre un fin en si mesmo e nunca xamais utilizado como un medio. Cunha soia sentencia resumiunos Kant, pero Kant era moito filósofo; os demais mortais necesitamos trinta. Saúde".
Exposición Dereitos Humanos 2022

Exposición "Filósof@s contra a violencia machista" na Biblioteca

Filósof@s contra a violencia machista

Dentro dos actos para reivindicar a celebración do 25-N e na nosa Biblioteca podemos ollar unha exposición de filósofos e filósofas contra a violencia machista. Esta exposición foi elaborada polo departamento de Filosofía co alumnado de 4º ESO.

En palabras do profesor de Filosofía, Víctor González: "E se na laboura de investigación e pescuda as que están habituados homes e mulleres de ben valorado fuste intelectual, pensade en científic@s, historiador@s, antropólogo@s, arqueólog@s e ata filósof@s, xente así de amplos e profundos estudos, e se, digo, intelectuais desta talla atopasen en museos, catacumbas ou cottolengos, da igual o sitio, obras extraviadas de filósofos (e digo filósofos e non filósofas con toda a intención) que rexeitasen aqueles textos machistas que escribiran tempo atrás? E se as obras fosen de Aristóteles, que na súa época negoulle dignidade humana ás mulleres, ou de Tomás de Aquino, de Nietzsche ou Schopenhauer, entre outros filósofos, misóxinos recoñecidos, e todos dunha talla intelectual fóra de toda dúbida? E se....?
Para mostra, un botón, "Sabíades que calquera acción que provoque dano do corpo dunha muller, empurrón, belisco, simple rabuño son violencia física, maltrato, que merece ser castigado?" (calquera erro na tradución é atribuíble a que isto escribe, non ao autor) Sabedes a quen se lle atribúe a autoría deste fragmento? Nin máis nin menos que ao mismísimo Aristóteles. E é só unha mostra.... Na Biblioteca do IES de Valga, a partir do venres 25 de novembro, poderedes ler este e outros fragmentos. Visita inexcusable... Si, abride ben o ollos, escépticos do mundo enteiro...
E se outra filosofía fose tamén posible?...ai, soñadores!
Saúde"

 

Os imprescindibles dos Dereitos Humanos

Os imprescindibles dos Dereitos Humanos

A exposición sobre so Dereitos Humanos no corredor da planta baixa mostra tamén o que o profesor de Filosofía denomina os imprescindibles. En palabras de Víctor González: "Aí os tedes. os imprescindibles. Homes e mulleres loitador@s. Chegaron onte, e hoxe xa están onde deben, nun centro educativo, no IES de Valga, onde mellor?. Non queren perder o tempo, son xente de acción, que o que se pode perder lendo estas liñas, o perden tamén as causas boas que eles defenden, por iso non debo alongar moito esta reseña.
Estes días estarán dándose a coñecer, vinde, quedarvos coas súas facianas, a mirada, as mans, boas, xenerosas, fortes... en fin, que están para axudar. Son imprescindibles. Non atoparás mellores mestres. Xente de mañá. Búscaos. Felices festas!!!".

Exposición sobre os Dereitos Humanos

Dereitos Humanos 2021

O departamento de Filosofía conmemora o Día Internacional dos Dereitos Humanos cunha exposición no corredor da planta baixa do noso centro. En palabras do profesor de Filosofía, Víctor González: "Os dereitos humanos asináronse no ano 1948, tras os desastres da Segunda Guerra Mundial, pero unha cousa é a sinatura, unha mera formalidade, e outra o seu cumprimento, a aparencia vai por unha banda e a verdade pola outra, é a verdade é que o cumprimento da maioría dos dereitos humanos no mundo deixa motio que desexar.
Os filósof@s que ata fai ben pouco acamparon por estes lares, lembraredes, contaron este mito. Foi Platón quen o fixo, e máis ou menos ven a dicir que hai moito tempo houbo uns prisioneiros escondidos nunha caverna, ficaban atados de pes e mans, ata o pescozo o tiñan amarrado, o caso, estou resumindo, é que un deses prisioneiros, o chamaremos Sócrates para identificalo, liberouse das súas cadeas e, tras moitos esforzos, conseguíu saír da caverna para descubrir que fóra había unha realidade, unha luz, un sol, unha verdade da que carecía o interior da caverna, todo aparencia. Espero que a miña versión sexa entendida; Platón, no libro "República", o conta como deus manda.
Dixera Platón o que dixera, estou eu seguro que se Sócrates se liberase das cadeas, hoxe, 2021, case xa 22, cando saíra da caverna, non atoparía o mesmo que atopara o platónico. Sabedes que atoparía?  Volo digo, un decorado, non a verdade e a luz que atopou o outro, non. O meu Sócrates estamparíase contra un decorado... unha farsa, un timo. Os dereitos humanos non deixan de ser iso, un decorado, unha pantalla.... aparencia, como a que había na caverna. Cantos dereitos humanos cúmprense hoxe no mundo?... Aí o deixo.
Porén, no IES de Valga, somos vangarda, como non podía ser de outro xeito. No soportal do instituto reza que aqueles que non respecten os dereitos humanos non deben seguir adiante, "ninguén que non respecte os dereitos humanos, pase". Está escrito. É a herdanza que deixaron os filósof@s antes da súa partida. Puxéronse serios, como ten que ser nun asunto como este.
Home, xa sabemos que os que queiran pasar, pasarán, non deberían, iso si, porque non respectan os dereitos humanos, pero se pasan, os que o fagan, que saiban que van a ser esixidos e obrigados por aqueles que xa percorren as corredoiras do instituto, son loitadores e defensores dos dereitos humanos. Seguramente non os coñecederes, están recén chegados de todas as partes do mundo, os podedes visitar e coñecer pois aínda quedarán uns días por aquí. Está Said Boumedouha, que ven desde Irak, e Julio Torales do Paraguay, e moitos máis... apenas son coñecidos, certo, pero son imprescindibles ... "hai homes que loitan un día, e son bos, hai outros que loitan moitos días, e son mellores, pero hai os que loitan toda unha vida, ese son son imprescindibles". Bertol Bretch. Poucas bromas".

Dereitos Humanos 2021

Distribuir contido


by Dr. Radut