Skip to Content

Exposición sobre os Dereitos Humanos

Exposición Dereitos Humanos 2022

O departamento de Filosofía conmemora o Día Internacional dos Dereitos Humanos cunha exposición na Biblioteca do noso centro. En palabras do profesor de Filosofía, Víctor González: "E estando os filósof@s de vagar, que tamén eles fixeron ponte, puxéronse a dicurrir co gallo do aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos que se festexa o 10 de decembro. Os filósof@s son así, que lle imos facer. Por suposto ningún deles cuestiono a súa validez e vixencia, mais houbo debate, como non podía ser doutro xeito, e debeu ser acalorado, que saían voces como tronos da biblioteca do IES de Valga onde, como é sabido, están os filósof@s facendo vivaque uns días para denunciar a violencia machista. Suponse que non chegaron as mans, pero quen sabe, que non por ser filósof@s deixan de ser humanos, e se teñen que defender  as súas ideas, fanno de xeito tan apaixoado como calquera mortal. Con todo, case seguro que respectaron a recinto sagrado da biblioteca, que rexeita calquera manifestación de violencia, como é normal. En fin, o debate que quentou aos filósof@s está de moda nos foros de medio mundo, a saber, universalismo versus particularismo. Sábese que ao final houbo acordo. Tod@s a unha defendendo o universalismo. Non cabía outra; como pode ser inxusta a pena de morte nunha comunidade e xusta noutra? Inxusta será sempre, como a tortura ou a escravitude; ou acaso non temos tod@s dereito á educación ou a unha vida digna. Hai cousas nas que non cabe debate algún; hai dereitos que non se poden poñer en cuestión. Falamos dos Dereitos Humanos nada menos, e son trinta, trinta artigos que poden resumirse nun só, como ben sabía Kant, o filósofo ilustrado, a saber: o ser humano debe ser sempre un fin en si mesmo e nunca xamais utilizado como un medio. Cunha soia sentencia resumiunos Kant, pero Kant era moito filósofo; os demais mortais necesitamos trinta. Saúde".
Exposición Dereitos Humanos 2022



page | by Dr. Radut