Skip to Content

Actividades

Entrega dos premios "Canguro Matemático" do pasado curso 2018-2019

Alumnado do Canguro Matemático do curso 18-19 co profesorado do departamento Matemáticas

O profesorado Julia Sainz e José María Barca fixo entrega dunha serie de agasallos ao alumnado participante no concurso Canguro Matemático 2019. O alumnado premiado foi Laura Calvo, Ximena Guerra, Jacobo Saavedra, Brais Seco e Joel Torres, todos eles matriculados este ano en 2º ESO. O acto tivo lugar no segundo recreo do venres 22 de novembro na Biblioteca do noso Centro.  Lembrar que o departamento de Matemáticas do noso Centro colabora coa Asociación CANGURO MATEMÁTICO EUROPEO (España) dentro da convocatoria que, a nivel internacional, fai a organización CANGURO SIN FRONTERAS (KSF).

Parabéns!!! ao alumnado e profesorado implicado nesta actividade anual do departamento de Matemáticas.

Alumnado de 1º ESO no proxecto ESTALMAT–Galicia - Convocatoria 2019

Alumnado de 1º ESO no proxecto ESTALMAT–Galicia - Convocatoria 2019

Os alumnos de 1º ESO Fabián Ferreiros Torres e Jacobo Saavedra Castromán participaron, na mañá do sábado 8 de xuño, na convocatoria de ESTALMAT-Galicia para o Estímulo do Talento Matemático. Esta primeira proba de selección realizouse na Facultade de Matemáticas da USC.  O Proxecto ESTALMAT-Galicia para Estímulo do Talento Matemático en estudantes galegos está dirixido a estudantes nacidos nos anos 2006 ou 2007  e o seu obxectivo é detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento matemático que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos. Parabens e sorte!!! a Fabián e Jacobo por esta participación.

 

Alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato asiste á charla "Usando Matemáticas para loitar contra o cancro e outras enfermidades"

Alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato na Facultade de Matemáticas da USC

Alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato visitou este xoves 2 de maio a Facultade de Matemáticas da USC para asistir á charla "Usando Matemáticas para loitar contra o cancro e outras enfermidades"  impartida por Enrique Fernández-Cara.

Enrique Fernández-Cara pertence ao Dpto. Ecuacións Diferenciais e Análise Numérico da Facultade de Matemáticas da Universidade de Sevilla. Na súa intervención explicou que forma parte dun grupo de investigación desta universidade que emprega técnicas matemáticas para modelar e describir situacións concretas en Física e, máis recientemente, tamén en Bioloxía e Medicina. Así, desenvolveron métodos que permiten describir, baixo certas condicións, a evolución das células canceríxenas e o efecto que sobre elas produce unha terapia elexida coa intención de eliminar ou, alomenos, conter o crecemento dun tumor. Ademais sinalou que unha vez resoltas as ecuacións "podemos saber como vai ir evolucionando o tumor de forma moi aproximada e así predicir situacións futuras, correspondentes a distintas terapias”. O obxectivo deste enfoque é, a continuación, determinar con técnicas propias da teoría de control, terapias “óptimas” que conduzan a situacións tan favorables como sexa posible. Os modelos estudados baséanse en ecuacións de derivadas parciais non liñais cuxa resolución numérica lévase a cabo aplicando métodos de elementos finitos.

Este grupo de investigadores da Universidad de Sevilla forma parte, xunto con outro equipo do Instituto BCAM-Ikerbasque do País Vasco, dunha rede internacional de investigación centrada no Control de Ecuacións Diferenciais Parciais (CONEDP). 

Esta actividade foi organizada polo departamento de Matemáticas.

Charla na Facultade de Matemáticas da USC

Alumnado 1º ESO participante no Canguro Matemático 2019

Alumnado 1º ESO participante no Canguro Matemático 2019 co seu profesor David Ferradás

Este curso participan no Canguro Matemático 2019, o alumnado de 1º ESO: Laura Calvo, Ximena Guerra, Jacobo Saavedra, Miguel Freiría, Joel Torres e Brais Seco. Finalizada a proba só queda esperar á publicación dos resultados e a que reciban un agasallo pola súa participación, da que valoran positivamente esta experiencia vivida. Na foto podemos ver algúns dos participantes co seu profesor David Ferradás. Noraboa a todos e todas!!!

 
   

Alumnado de 1º ESO participa nos Obradoiros Matemáticos de Imatxina en Vigo

                              Alumnado de 1º ESO participa nos Obradoiros Matemáticos de Imatxina en Vigo

O martes 12 de marzo, como xa ven sendo habitual nos últimos anos, o alumnado de 1º ESO desprazouse ata Vigo para participar na XV edición dos Obradoiros Matemáticos de Imatxina organizados pola Fundación Escola Rosalía e AGAPEMA. Durante hora e media estiveron tratando de resolver os diferentes retos e problemas que lles propuxeron. Utilizaron tangrams, pentominós, libros de espellos, dados, calculadoras, xogos de enxeño... e outros materiais manipulativos cos que pasaron un bo rato facendo auténticas matemáticas, todo dirixido por monitores que se encargaron de orientar e controlar as diversas actividades. Esta actividade foi organizada polo departamento de Matemáticas.

                            Alumnado de 1º ESO participa nos Obradoiros Matemáticos de Imatxina en Vigo

 
   
Distribuir contido


by Dr. Radut