Skip to Content

Actividades

Alumnado de 1º Bacharelato asistiu á proxección de “Eroski Paraíso” na sala NUMAX

Alumnado 1º Bacharelato na sala NUMAX

O pasado venres 16 de decembro, o alumnado de 1º Bacharelato asistiu a unha sesión cinematográfica na sala NUMAX de Santiago de Compostela. A actividade foi organizada polo departamento de Lingua Galega e Literatura e o alumnado foi acompañado polo profesorado: Ana Castro, Yolanda Alfaya, Lucía Gómez e Víctor González.

A continuación podemos ler unha reseña desta saída didáctica por parte do profesor de Filosofía, Víctor González: "Resulta que o mito aquel da caverna que Platón escribira fai xa séculos e que tanta repercusión tivo e terá, pois resulta que é mentira, que o que alí se nos di é unha falacia, unha alegoría fermosa, suxestiva, pero mentireira. Xa sei que o que estou poñendo non é politicamente correcto, pero así é, como se demostrou o pasado venres na visita que os alumn@s de 1º Bacharelato do IES Plurilingüe de Valga fixeron á NUMAX, en Santiago; NUMAX que, como saberedes, non é unha sala de cine ao uso, que tamén é libraría, un complexo cultural que paga a pena visitar, pero non é ese o motivo desta mensaxe. Saberedes que o mito aventura que un grupo de prisioneir@s permanecen encadeados desde o seu nacemento nunha caverna; non poden moverse, non poden xirar a testa, só mirar para diante, como nun cine; detrás deles un tabique sepáraos dun lume que fai posible a luz que se proxecta sobre a parede (pantalla) diante dos prisioneiros; xentes falando e transportando mercadorías, xusto entre o tabique e o lume, completan a escena. Xa podedes imaxinar que o lume, na comparanza cunha sala de cine que estou describindo, sería o proxector. Pois ben, o mito vén a convencernos que a realidade que está fóra da caverna é máis real que a propia caverna onde están os prisioneiros - espectadores encadeados, que Platón equipara cunha aparencia. É todo mentira. Agora sabemos que a experiencia que vivimos o venres pasado, 16 de decembro, dentro da NUMAX, foi moito máis real, auténtica, e por suposto fermosa, que a suposta realidade que había fóra, polo menos durante os setenta e cinco minutos que durou a proxección de “Eroski Paraíso”; pasado ese tempo, xa non sei, realidade e aparencia... quen sabe. Grazas a Ana Castro Pardo, profesora de galego do IES que fixo posible esta experiencia. Grazas tamén a os alumn@s . Parabéns”.

Alumnado de 3º ESO tivo un encontro co escritor Nee Barros

Nee Barros co alumnado de 3º ESO

O mércores 9 de marzo, o escritor Nee Barros visitou o noso centro para ter un encontro co alumnado de 3º ESO. Durante unha hora o autor de "Identidade" conversou co alumnado sobre cuestións como identidade de xénero e a realidade trans. Os alumnos e alumnas tiveron oportunidade, nunha charla moi dinámica, de facer preguntas tanto sobre estas cuestións como sobre a obra de teatro que leron neste trimestre. A actividade tivo lugar na Biblioteca e foi organizada polo departamento de Lingua Galega e Literatura.

Alumnado de 2º ESO asisitiu a unha charla-coloquio co escritor Héctor Cajaraville

Alumnado de 2º ESO co escritor Héctor Cajaraville

O martes 3 de marzo, o alumnado de 2º ESO asistiu, na aula de Audiovisuais, a unha charla-coloquio co escritor Héctor Cajaraville. O alumnado tivo unha explicación do libro "Denébola a Roxa", ademais de coñecer aspectos da súa labor literaria. O acto concluiu coa sinatura de exemplares do libro por parte do escritor. A actividade foi organizada polo departamento de Lingua Galega e Literatura.

Alumnado de 2º ESO co escritor Héctor Cajaraville

Alumnado de 4º ESO asiste a unha charla sobre neuromarketing

Alumnado de 4º ESO na charla de Juan Graña sobre neuromarketing

O alumnado de 4º ESO asistiu nas dúas últimas horas da mañá do pasado venres 3 de maio a unha charla sobre neuromarketing. Na Bilbioteca do noso centro estivo o especialista nesta materia e fundador da empresa Neurologyca, Juan Graña. Durante dúas horas achegounos ao coñecemento do neuromarketing, unha disciplina centrada na explicación da toma de decisións no proceso de compra por parte dos consumidores. A actividade foi organizada polo departamento de Lingua e Literatura Galega.

 Alumnado de 4º ESO na charla de Juan Graña sobre neuromarketing

Alumnado de 2º ESO regueifa con Pinto de Herbón

                              Alumnado 2º ESO regueifando con Pinto de Herbón

O pasado xoves 7 de marzo na Biblioteca do noso Centro, o alumnado de 2º ESO que participa no Certame Provincial de Regueifa impulsado pola Deputación de Pontevedra, tivo ocasión de asisitir a un segundo obradoiro desta modalidade de cantiga improvisada, ofrecido pola Asociación Oral de Galiza. A sesión contou coa presenza do regueifeiro Pinto de Herbón e serviu para complementar ao primeiro obradoiro do mes de febreiro. A actividade foi organizada polo departamento de Lingua e Literatura Galegas.

Distribuir contido


by Dr. Radut