Skip to Content

Actividades

Alumnado do STEMbach 2021-2023 presenta o seu proxecto final

Naim Aynaoui e Letizia Lafuente presentan o seu traballo

O mércores 31 de maio, o alumnado de 2º Bacharelato: Naim Aynaoui Tobío e Letizia Lafuente Fernández presentaron o seu proxecto final do STEMbach 2021-2023: “Creación de servidor web para acceder a datos de localización, temperatura e altitude a tempo real”. Foi na aula de Ciencias e entre os asistentes estaban o director do noso centro, Eliseu Mera, o profesor do CITIUS da USC, José Ramón Ríos Viqueira e o profesorado de Stembach Loli Rego e Jaime Oviedo. Este é o primeiro dos traballos finais que presenta o alumnado que cursou o Bacharelato Stem (STEMbach) na promoción 2021-2023 e que  terá continuidade en vindeiras semanas.

Asistentes ao traballo final STEMbach de Naim e Letizia

Alumnado de 4º ESO visitou Galiciencia 2023, a Facultade de Enxeñaría Aeroespacial e as Termas de Outariz

Alumnado 4º ESO en Galiciencia 2023

Alumnado de 4º ESO de Ciencias visitou o xoves 11 de maio o Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, San Cibrao Das Viñas, Ourense, para estar en Galiciencia 2023. Alí viron a maior feira científica que se celebra en Galicia desde 2006, co obxectivo principal de achegar a ciencia á sociedade. Consiste na organización e desenvolvemento dun certame científico que ten como público obxectivo estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato e que permanece aberto ao público xeral. Neste evento puideron participar nos talleres relacionados co tema central desta edición: a Aeronáutica e Aeroespacial. Tamén visitaron, nesta saída, a Facultade de Enxeñaría Aeroespacial e as Termas de Outariz. A actividade foi organizada polo departamento de Física e Química.

Alumnado 4º ESO en Galiciencia 2023

Alumnado de 2º ESO visita os museos científicos en A Coruña

Alumnado de 2º ESO na Casa das Ciencias, A Coruña

O alumnado de 2º ESO realizou o pasado luns 24 de abril unha visita á cidade de A Coruña. Nesta cidade fixo un percorrido polos  Museos Científicos Coruñeses, un servizo do concello desta cidade  que comprende tres museos de ciencia interactivos: a Casa das Ciencias, o Planetario e o Aquarium Finisterrae. O seu obxectivo é dar estímulos e recursos para incorporar a ciencia e a súa cultura, para comprender mellor o mundo no que vivimos a estas xeracións novas. A actividade foi organizada polo departamento de Física e Química en colaboración co de Tecnoloxía. Foron acompañados por profesorado Silvia Bouzón, Mar Tejero, Diego Botana e Jaime Oviedo.

Alumnado 2º ESO no Aquarium Finisterrae, A Coruña

Alumnado de 4º ESO, 1º e 2º Bacharelato asiste á charla do profesor da USC José Edelstein

Alumnado de 1º e 2º Bacharelato na charla de J. Edelstein

Na mañá do venres 24 de marzo e, no espazo da Biblioteca, tivo lugar unha interesante charla de José Edelstein, investigador, divulgador científico e profesor de Física Teórica da USC. Durante máis dunha hora, o alumnado de Física de 4º ESO, 1º e 2º Bacharelato puido coñecer de xeito didáctico e ameno aspectos sobre "O Universo" relacionados coa Teoría da Relatividade, a partícula de Higgs, "os buratos negros"...a cosmoloxía en xeral. Lembrar que José Edelstein é autor, xunto con Andrés Gomberoff, do libro «Einstein para perplejos», que obtivo o premio Prismas 2019, ademais dun recoñecido investigador no IGFAE (Instituto Galego de Físicas de Altas Enerxías). A actividade foi organizada polo departamento de Física e Química.

Alumnado de 1º e 2º Bacharelato na charla de J. Edelstein

Charla da profesora da USC Marta Lores sobre economía circular e química para alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato

Marta Lores da USC co alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato
O mércores 30 de novembro, o alumnado de Ciencias de 4º ESO e de 1º Bacharelato asistiu, na Biblioteca do noso centro, a unha conferencia da profesora do CRETUS do departamento de Química Analítica da USC Marta Lores. Na súa charla titulada “A economía circular e a química” abordou o desenvolvemento de novos produtos baseados en extractos naturais, contribuíndo á implementación de accións de economía circular en diferentes sectores como o vitivinícola. Así mesmo visibilizou distintos aspectos do papel da muller na Ciencia.

A actividade foi organizada polo departamento de Física e Química. Tamén colaborou a Biblioteca dentro da actividade do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.

Marta Lores da USC co alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato

Distribuir contido


by Dr. Radut