Saltar navegación.
Inicio

Novas da Biblioteca de Secundaria

Música galega na Biblioteca

04/05/2009

A partir desta semana temos unha pequena colección de música galega na Biblioteca de Secundaria. Así que, se queredes, podedes levar os CDs para escoitar na casa.

Cada semana, presentarémosvos un grupo ou solista na páxina web para que teñades a posibilidade de coñecer distintos estilos e autores. Esta semana tócalle o turno a Aíd. Aíd é unha hip-hopeira viguesa de 19 anos, gañadora da IV edición do Heineken Greenspace para novos valores. O seu último disco titúlase “Jugando” e inclúe dous temas en galego. As letras falan da vida nos barrios da cidade e o álbum está producido por El Puto Coke, un recoñecido músico vigués de Likor Café Producciones.

Ademais, Aíd é guionista e locutora do programa de radio “Moito de aquí” dedicado á divulgación dos grupos locais en Radio Piratona de Vigo. Por se fose pouco, á rapaza gústanlle os libros e estuda Enxeñería de Telecomunicación na Universidade de Vigo. Todo un talento!!

O vídeo que está ao comezo deste artigo é unha reportaxe sobre Aíd emitida no programa Miraxes da TVG. Ademais, a continuación tedes un reprodutor para escoitar un dos seus temas en galego: "Non importa". Tamén podes visitar o seu myspace e asistir ao concerto que dará o sábado 16 de maio ás 22:00 na Sala Run Rum de Ferrol (Rúa Real 223).

Escoita o "Non importa" de Aíd

O equipo de colaboradores/as da Biblioteca de Secundaria

Colaboradores da Biblioteca de Secundaria 2009

Fai clic para ver máis fotos na Galería

10/03/2009

Aquí tedes ao noso estupendo equipo de alumnas e alumnos colaboradores da Biblioteca de Secundaria. Estes son os seus nomes:

  • Tatiana Miranda (2º A)
  • Nekane Lechuga (2º A)
  • Fátima Vázquez (1º B)
  • Ariadna Fraguela (1º B)
  • Martín Beceiro (1º A)
  • Yeray Méndez (1º A)
  • Estefanía Pita (4º Diver.)
  • Cecilia Bernal (4º Diver.)
  • Anaís Pereira (4º B)
  • Estela López (4º B)

Non dubidedes en acudir a eles se necesitades axuda para buscar os vosos libros e revistas. Levan unha etiqueta que os identifica.

As profesoras que traballamos na Biblioteca queremos agradecer a súa colaboración e axuda desinteresada. Sodes un gran equipo!

A web do Feal xa ten foro de lectura

28/01/2009

A nosa web non deixa de medrar. Hoxe temos que falar do foro de lectura que está comezando a funcionar no apartado da Biblioteca. Foi inaugurado polo departamento de Castelán coa axuda do alumnado de 1º de ESO, que deu a súa opinión sobre o libro "La mansión de las mil puertas" de Jordi Sierra i Fabra. Celebramos a crecente participación do alumnado neste espazo e agradeceremos moito todas as iniciativas que vaian nesta liña.

Os alumnos de Secundaria do Feal xa non teñen medo de pisar a Biblioteca!!

Formación de usuarios

31/05/2008

Nas pasadas semanas todos os grupos da E.S.O. foron pasando pola Biblioteca en compaña dos seus profesores para coñecer un pouco mellor o funcionamento, posibilidades, utilidades,… deste espazo do noso centro.

Espertou especial interese a posibilidade de dispoñer dos novos postos informáticos, o coñecemento da ordenación que se segue na Biblioteca e os moitos xogos e retos divertidos que os alumnos resolveron con entusiasmo.

As profesoras e profesores que dedicamos parte do noso tempo de traballo á Biblioteca queremos agradecer o interese e bo comportamento de todo o alumnado nestas sesións. Grazas tamén ao profesorado que colaborou.

Lembrade que tedes un Buzón de Suxestións onde podedes expresar as vosas ideas e opinións e contarnos qué vos pareceron estas sesións.

Usuarios

   
Usuarios

Usuarios
   
Usuarios

Oriéntate!

Desorientados

25/04/2008

Como son os exames de Selectividade? Cales son as notas de corte para acceder ás distintas carreiras universitarias? Que titulacións ofrece o sistema universitario en Galicia? Que podo estudar na Universidade da Coruña? E na de Vigo? E na de Santiago? Como é a nova Formación Profesional?

As respostas a estas e outras cuestións sobre Universidade e Formación Profesional as podedes atopar na Biblioteca de Secundaria.

Pero se tes dúbidas e queres unha información máis personalizada acude ao Departamento de Orientación. Estámoste esperando.

Xa temos ordenadores na Biblioteca de Secundaria!!!

Ordenador

10/03/2008 

Nestes postos informáticos pódese:

  • Consultar o catálogo da Biblioteca
  • Facer traballos escolares
  • Consultar CD-ROM
  • Navegar por Internet para buscar información

Achégate e fai a túa reserva!!

Pode vir calquera alumno durante os recreos e, os mércores pola tarde, aqueles que non teñan clases.

  • 1º de ESO: LUNS
  • 2º de ESO: MARTES
  • 3º de ESO: MÉRCORES
  • 4º de ESO: XOVES
  • LIBRE: VENRES E TARDE DOS MÉRCORES

Para máis información, fala co profesor de garda na Biblioteca en calquera recreo.

Achégate á Biblioteca de Secundaria

Logo

Lembra que na Biblioteca temos máis de 6.200 títulos que podes consultar e levar prestados.

Visita a web do Feal e pincha en Biblioteca para ver o noso catálogo.

Xa sabes: centros.edu.xunta.es/cpidofeal

Achégate!!

Nove libros

Cinema e documentais

Novas adquisicións de cinema e documentais con contidos transversais dispoñibles na Biblioteca de Secundaria:

       
11 de septiembre    

11 de septiembre é un filme colectivo, composto por 11 curtametraxes dirixidas por 11 cineastas representativos dunha grande diversidade cultural e cunha inspiración común: os acontecementos do 11 de setembro en Nova Iorque e as súas consecuencias. É un compromiso que se inscribe nunha mensaxe de paz e tolerancia entre os pobos.

       
       
De Profundis    

De Profundis. Nunha casa no medio do mar unha muller esperaba ao seu amado tocando un violonchelo melancólico. O amado, un pintor que sempre quixo ser mariñeiro para navegar entre as medusas, as estrelas de mar e os peixes de mil cores emprende unha viaxe para descubrir os misterios das profundidades.

       
       
El señor de las moscas    

El señor de las moscas. Este filme explora os espazos máis recónditos e escuros da alma humana a través dun grupo de adolescentes que repentinamente se enfrontan a un duro mundo no que as regras da supervivencia gobernan as súas vidas. Nun terrible accidente, un avión cae ao mar e un grupo de cadetes dunha escola militar vese abandonado nunha illa deserta…

       
       
Una verdad incómoda    

Una verdad incómoda. Unha visión esclarecedora e convincente do futuro do noso planeta. Unha chamada de advertencia que desmonta mitos para transmitir a mensaxe de que o quentamento mundial é un perigo real e presente.

       
       
Ser y tener    

Ser y tener amosa a vida dunha pequena escola unitaria dunha vila ao longo de todo un curso, e dá unha cálida e serena mirada ao ensino primario no corazón da Landa francesa. Unha ducia de alumnos entre 4 e 10 anos fórmanse en todas as materias baixo a titoría dun só profesor de extraordinaria adicación.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido