Skip to Content

Extraescolares e complementarias

Visita didáctica ao intermareal de Aguiño

O martes 3 de maio, os alumnos e alumnas de 1º de ESO e 1º de Bacharelato do IES Praia Barraña, acompañados polos seus profesores de bioloxía, Bea, Suso e Ana, achegáronse a Aguiño para estudar a zona intermareal, un hábitat que está cuberto de auga durante a marea alta e exposto ao aire durante a marea baixa.

 

Pola mañá, avanzando cara ao océano, a medida que a marea retrocedía, e a zona intermareal quedaba accesible, foron explorando as pozas de distinto tamaño e profundidade que ía formando a auga atrapada entre as rochas.  Pouco a pouco, descubriron que estas piscinas naturais estaban cheas de vida mariña que afloraba ante os seus ollos: caramuxos, arneiróns, mexillóns, actinias, ourizos de mar, lebres de mar, ofiuras, holoturias, estrelas de mar, cangrexos ermitáns, queimacasas, camaróns, ascidias coloniais, xunto cunha enorme variedade de algas e pequenos peixes. Tomaron fotos e puxeron a proba os seus coñecementos ata o mediodía, cando o mar comezou o seu ascenso, e houbo que emprender o camiño de volta, mentres as augas ían cubrindo de novo a zona intermareal e os seus habitantes.

Pola tarde, despois de comer, o grupo desprazouse  ata Corrubedo, para visitar a duna e disfrutar de tempo libre na praia antes de regresar a Boiro.

Campionato Intercomarcal de Bádminton Xogade

 

O pasado mércores 20 de abril un grupo de alumnas e alumnos de 1º e 2º de ESO acudiron a Serra de Outes para participar no Campionato Intercomarcal de Bádminton organizado por Xogade. O alumnado, clasificado na fase anterior, gozou dunha xornada de deporte e convivencia acompañado dos profes de Educación Física, Gustavo e Pilar. Parabéns a todos e todas polo esforzo e a participación!

"Fake news", bulos e discurso de odio nos medios e redes sociais con Agareso ONG

 

 

O pasado venres 18 de marzo, con motivo da Semana da Prensa, e vinculado ao noso Proxecto Documental Integrado deste curso, Cidadáns do mundo, o alumnado de 2º Bacharelato asistiu a unha charla dirixida por Roi Guitián, de Agareso ONG. Durante a charla Roi falou co alumnado sobre as noticias falsas, fake news ou bulos, explicándolles como se crean, como se propagan, o papel da burbulla de filtros na súa difusión, e a responsabilidade que temos nós como receptores de deter o seu percorrido. Falamos tamén da subxectividade na información, da elección motivada de imaxes ou titulares, do que se agocha detrás da elección de certo vocabulario e fotografías nos textos periodísticos para axudar a crear ese discurso de odio, e como ese discurso de odio pretende crear un clima de medo contra o "diferente". 

Agardamos que a charla de Roi servise para estimular o espíritu crítico do noso alumnado e enriquecese a súa forma de enfrontarse á información que lles chega a través de medios e redes. 

Moitas grazas a Roi Guitián e Agareso ONG por preparar esta actividade especialmente para nós. 

Saída a Santiago de Compostela

 

 

O xoves 24 de febreiro o alumnado de Bacharelato que cursa as materias de arte (Historia da arte, Fundamentos da arte e Patrimonio artístico e cultural de Galicia) tivo a oportunidade de facer unha visita á catedral de Santiago da man do departamento de Xeografía e Historia. O alumnado e as súas profesoras puideron realizar unha visita guiada á catedral e aos tellados, observando en primeira persoa todos aqueles elementos que previamente analizaran na aula. Unha experiencia moi enriquecedora da que volveron encantados.

Nadal no IES Praia Barraña

Rematamos este primeiro trimestre celebrando a entrada do inverno e a chegada das festas de Nadal. Para isto dende o equipo de Barraña enreda organizamos algunhas actividades:

- Mercado solidario de libros de 2ª man, doados pola comunidade educativa. A recadación (210 euros) foi xa entregada á Cruz Vermella de Boiro para o seu programa de inclusión.

- Concurso de tarxetas de Nadal. O gañador, Yago F., de 1º ESO, foi premiado cun cheque-agasallo de 25 euros que poderá gastar nunha libraría papelería local.

- Decoración e concurso "Aulas de inverno": decoramos a planta baixa coa axuda dos adornos que nos agasallaron os usuarios do Centro de Día de Boiro, e convocamos un concurso de decoración das aulas. É unha pena que non contásemos con máis participación, pero agradecemos o esforzo de quen si o fixo. Os gañadores foron os alumnos e alumnas de 1º ESO A, que desfrutaron dunha merenda na nosa cafetaría o úlimo día de clase. 

- Recomendacións lectoras da Boiroteca para todas as idades.

- Entrega de estrelas e tarxetas de Nadal ao Centro de Día de Boiro, elaboradas por alumnado do centro.

- Instalación da nosa árbore dos desexos, realizada polo departamento de educación plástica e visual coa colaboración de alumnado.

Agardamos que vos gustasen as iniciativas e que vos animades a participar nas que xa estamos argallando. Barraña non enreda so, necesita de todos e todas.

 

Torneo de Badminton. Programa Xogade

O luns 20 de decembro un grupo de alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO desplazáronse a Serra de Outes para participar na fase comarcal do torneo de bádminton organizado polo Programa Xogade. 

Pasaron unha mañán estupenda e algúns deles conseguiron clasificarse para a seguinte fase. Parabéns!

Día Internacional da Discapacidade: Festiritititi.

 

O pasado 3 de decembro o alumnado da Aula de Educación Especial acudiu ao Polideportivo Barraña convidado pola Asociación Amicos, con outros centros do concello de Boiro, para participar no Festiritititi, unha gran festa da inclusión onde o pasaron en grande. Participaron de multitude de xogos, obradoiros e animacións durante a mañán e volveron ao instituto encantados coa experiencia. Moitas grazas polo convite, Asociación Amicos, e por moitos anos máis de Festiritititi!

25N. Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

 

 

Como cada ano este 25 de novembro conmemorouse o Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. A cifra oficial de mulleres asasinadas no noso país neste ano é de 37, pero non podemos olvidar que esta cifra só reflicte as mulleres asasinadas polas súas parellas e exparellas, non aos nenos e nenas vítimas da violencia vicaria, prostitutas, mulleres asasinadas por outros familiares ou descoñecidos polo feito de consideralas vítimas "fáciles" ou máis vulnerables... Nós quixemos darlle presencia a todas elas no noso muro das vítimas, no corredor da planta baixa, onde ademais o alumnado deixou as súas frases en contra da violencia machista. 

Comezamos a semana colocando na entrada do centro unha impresión da Eva de Durero rodeada de mazás, o símbolo da culpa e o pecado que arrastran as mulleres dende a orixe dos tempos. O xoves 25 a entrada do IES rendiu homenaxe á obra da artista mexicana Elina Chauvet "Zapatos rojos", que ela creou no ano 2009, inspirada polo asasinato da súa irmá a mans do seu home e polos múltiples feminicidios perpetrados en Ciudad Juárez. A propia Elina dixo nunha entrevista sobre a súa obra, que se convertiu cos anos nunha forma de denuncia da violencia contra a muller en cidades de todo o mundo: Zapatos vermellos é unha instalación colectiva de Arte Pública, Unha chamada á conciencia, a solidarizarnos ante unha situación de violencia cara as mulleres do mundo, unha preocupación pola morte de mulleres, nenas e novas que continúan desaparecendo e sendo asasinadas ante a mirada indiferente das autoridades. Esta peza ten os seus inicios en Ciudad Juárez, (Chihuahua México) o 22 de agosto do 2009 Como unha marcha de 33 mulleres ausentes, ao seu camiñar fóronse sumando cada vez máis pasos solidarios que visibilizan a ausencia e a dor que isto provoca nas nosas sociedades. «Zapatos vermellos” é unha memoria colectiva, unha evocación, un vacío, unha marcha silenciosa, é un anhelo, o regreso a casa dos nosos seres queridos."

Ao entrar no centro a primeira hora da mañá alumnado e profesorado atoparon en corredores e escaleiras unha morea de mulleres vestidas de negro cunha mazá vermella na man, inmóbiles, silenciosas, testigos mudas e recordo das mulleres que xa non están con nós co único motivo desa culpa/pecado coa que cargamos dende o berce.

Para rematar, no segundo recreo reunímonos no patio para sacar unha foto coa pancarta realizada polas alumnas colaboradoras do Equipo de Barraña Enreda, Belén e Miryam, que plasmaron o lema elixido neste ano polo equipo: Vivas, libres, iguais.

Moitas grazas a todas e todos os que colaboraron na posta en marcha destes pequenos xestos, sobre todo aos membros do equipo de Barraña Enreda, incluidas as nosas alumnas colaboradoras Belén e Miryam, ás profesoras e alumnas que adiantaron os seus espertadores para a intervención da mañán, e todos e todas as que seguimos pensando que a violencia contra as mulleres segue a ser un dos principais problemas da nosa sociedade e que a educación é clave para erradicalo.

 

Programa Xogade. Carreira de Orientación.

O mércores 24 de novembro un grupo de alumnos e alumnas achegáronse coas profesoras Pilar Barros e Carolina Fernández a Porto do Son, para participar nunha carreira de orientación organizada polo Programa Xogade. A carreira desenvolveuse no Campamento Virxe de Loreto, cunha organización que merece os nosos parabéns e nunha paraxe do máis axeitada. O noso alumnado puxo en práctica as súas habilidades e todos e todas foron quen de completar a proba. Pasaron unha mañán estupenda ao aire libre e activándose. Agardamos a seguinte convocatoria do programa con moitas ganas.

Día Internacional para a Tolerancia. Conversas con Mans Unidas.

 

O martes 16 de novembro, con motivo do Día Internacional para a Tolerancia, e dentro do marco do noso Proxecto Integrado “Cidadáns do mundo” recibimos a visita de dous voluntarios de Mans Unidas e Ecos do Sur, Mabel Mougán e Djibril Faye. Mabel e Djibril conversaron co alumnado de 4º e 3º da ESO, respectivamente, sobre os campos de refuxiados e sobre a experiencia da emigración.

Djibril Faye, voluntario da ONGD Ecos do Sur, veu nesta ocasión coma colaborador da ONGD Mans Unidas da  Delegación  de Santiago. Mans Unidas  leva  62  anos  loitando contra  a  fame  e a  desigualdade  nos  países do cono sur apoiando á  poboación  no  seu desenvolvemento  con  distintos  proxectos (educativos,  sanitarios , agrícolas ...) .   Djibril  traballa  na  ONG Ecos do  Sur como  mediador  intercultural  e  como  responsable  do  programa de acompañamento  sanitario. Actualmente residente en A  Coruña,  Djibril  é de  orixe  Senegalés, e compartiu coa  rapazada de 3º ESO  a  súa  experiencia como  migrante chegado  a  Canarias e  o  seu  periplo por España.

Djibril é quen de  falar 6  linguas además do  castelán  e  leva  traballando  en  Ecos do  Sur  dende o  ano  2008.  O alumnado tivo  unha  actitude  exemplar durante  toda  a  charla.  Agardamos que  compartan  a  experiencia  coas  súas  familias. 

Pola súa parte, Mabel Mougán, voluntaria da ONGD Mas Unidas, relatou a súa visita a ONGD Kuchinate en Israel, colectivo de mulleres africanas, ao alumnado de 4º ESO. A organización Kuchinate ten como obxectivo dar acubillo a mulleres africanas, sobre todo de Eritrea e Sudán, que foxen dos seus países en busca dun futuro mellor, pero moitas delas acaban sendo vítimas da trata de persoas, encarceradas e violadas. Finalmente as que conseguen chegar a Israel son acollidas por esta ONGD que lles proporciona un fogar, axuda psicolóxica e un medio de vida coa elaboración de artesanía de crochet. Unha realidade, a destas mulleres, moi dura, xa que ademais de todo o dito hai que sumarlle o feito de que en Israel non teñen o recoñecemento de refuxiadas, o que fai que “non existan” legalmente, de aí a importancia desta entidade que lles proporciona a axuda necesaria para sobrevivir.

Grazas a Mans Unidas por prestarse desinteresadamente a aproximar estas realidades ao noso alumnado, e á nosa xefa do Departamento de Inglés, Pury Vez, por xestionalo. Agardamos seguir aprendendo e enriquecéndonos con outras experiencias neste curso, da man do noso proxecto "Cidadáns do mundo".

Distribuir contido


by Dr. Radut