Skip to Content

Benvida

O noso Centro

       

Debuxo realizado por: Pablo Antonio Meléndez Soto

       O 13 de outubro de 1983 inaugurouse o Instituto de Bacharelato Mixto de Boiro e cubríase así unha necesidade histórica para todo o alumnado que tiña que se desprazar a institutos doutros concellos. Nos trinta e un anos de existencia do centro teñen pasado polas súas aulas millleiros de alumn@s cargad@s de expectativas e centos de profesor@s que puxeron medras no prestixio do centro. Debido á súa situación privilexiada sobre a ría de Arousa, no curso 1998/99 o centro mudou o seu nome polo de IES Praia Barraña. Ao longo da súa historia, diferentes docentes aceptaron a responsabilidade de dirixiren o Instituto e, así, dende o primeiro, que foi José María Proupín Fernández até a última que é Mª Belén Arrojo Arrojo, pasaron outr@s moit@s como María Teresa Otero Suárez, Gonzalo Méndez Piñeiro, Rodrigo Rey López, José Pedrouzo Devesa, Xosé Deira Triñanes, Carlos Luis Rodríguez Río e Inmaculada Robleda Castro.

       Nun principio, o Instituto acolleu alumnado de BUP e C.O.U., mais coas diferentes reformas educativas foi ampliando a súa oferta e hoxe ten aulas con Programas de Mellora da Aprendizaxe e o Rendemento (PMAR), ESO e Bacharelato, onde, ademais das modalidades de Ciencias e Tecnoloxía, Humanidades e Ciencias Sociais, salienta a de Artes Plásticas, Deseño e Imaxe, única impartida en toda a península do Barbanza, berce de grandes creador@s, polo que o Centro recolle alumnado non só de Boiro senón tamén doutras vilas veciñas que quere estudar o bacharelato artístico.

          Con importantes éxitos na formación do seu alumnado, o IES Praia Barraña segue a acadar altos resultados nas titulacións da ESO ou nas Probas de Acceso á Universidade, e continuamente participa en proxectos nacionais e internacionais, enfocados ao intercambio educativo e cultural e á mellora da calidade na aprendizaxe de idiomas que se imparten nas seccións bilingües.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut