Skip to Content

Extraescolares e complementarias

Concurso Letras Galegas 2024 - Luisa Villalta

 

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega organízase un concurso centrado na figura de Luisa Villalta.

 

Para participar tedes que respostar as preguntas que aparecen neste arquivo e entregar as respostas en conserxería antes do mércores 15/06.

 

Para buscar a información podes visitar a exposición que temos no 1º Andar do centro e facer uso do documento Viaxe Polo Metaverso que tes nesta ligazón.

 

HACKATHON EPDLAB 2024

O pasado xoves 4 de abril o alumnado de 1º ESO B desprazouse a Bandeira (Silleda) para participar no Hackathon EpDLab, unha xornada de convivencia e traballo colaborativo dentro do proxecto EpDLab, no que levamos participando tres cursos. 

O EpDLab é un proxecto que se desenvolve en cinco centros de Galicia (IES Pintor Colmeiro de Silleda, IES de Brion, IES Carlos Casares de Viana do Bolo, IES Illa de Ons de Bueu e o  noso propio centro, o IES Praia Barraña de Boiro) da man de Agareso (Asociación galega de comunicación para o cambio social).

No marco deste proxecto cada curso un grupo clase recibe a visita do persoal de Agareso  para traballar en obradoiros de 100 minutos temas como a igualdade, a xustiza social, o consumo responsable, o activismo social, a lectura crítica dos medios o redes sociais... a través do uso das narrativas dixitais e as novas tecnoloxías. O obxectivo é reflexionar sobre todos estes temas vinculados á educación para o cambio social ao tempo que se traballa nun uso positivo e responsable das tecnoloxías.

No Hackathon o alumnado que participa no proxecto xúntase para unha xornada de convivencia, socialización e traballo en equipo arredor dun tema determinado. Nesta ocasión foi a convivencia positiva e o bo trato. A través de dinámicas activas de presentación e coñecemento, pensamento creativo, creación de contido audiovisual, etc. o alumnado falou sobre conceptos como a empatía, a amabilidade, o respecto, a colaboración... e aínda tiveron tempo para compartir un delicioso xantar e tempo de lecer ao aire libre. 

Agardamos seguir participando deste proxecto, que consideramos xa fundamental na planificación escolar de cada curso académico do noso centro. 

8M - No IES Praia Barraña

 

 8M_Cartel.png

O noso alumnado conmemora o 8M lendo algúns textos seleccionados polo profesorado e tamén se creou unha playlist colaborativa con aportacións do profesorado e do alumnado que podedes escoitar premendo nesta ligazón.


As alumnas e os alumnos de 2º de Bacharelato de artes fixeron creacións relacionadas co 8M que se poden atopar nas redes sociais do centro.

BOAS FESTAS E FELIZ 2024!

  Postal gañadora do Concurso de Tarxetas de Nadal. Autora: Nerea Silva Sánchez (3 ESO)

O IES Praia Barraña desexa a toda a súa comunidade educativa (alumnado, familias, profesorado e persoal non docente) e a todos e todas os que colaboran con nós ano tras ano, unhas boas festas e un mellor ano novo 2024. Vémonos nas aulas o 8 de xaneiro. Feliz descanso a todas e todos!

Fin de curso

 

Acabou o curso e aquí vos deixamos un pequeno resumo das actividades complementarias e extraescolares que fixemos. Seguramente non están todas e faltan cousiñas, pero sirva este vídeo como agradecemento a todo o profesorado que organizou, acompañou, dinamizou e colaborou; aos alumnas e alumnas que se animaron a participar nos concursos e conmemoracións, e ás entidades que colaboraron con nós de forma desinteresada: Asociación Amicos, Centro de Día de Boiro, CEIP Praia Xardín, Cruz Vermella, Mans Unidas, Amnistía Internacional... e tantos outros. Contamos con todos e todas vós para o próximo curso. Bo verán!

 

 

Proxecto EpDLab.

EpDLab é un proxecto educativo coordinado por Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) no que o IES Praia Barraña participou por primeira vez neste curso 2021/22. Os afortunados participantes foron os alumnos e alumnas de 1º ESO A, que xunto coa súa profesora de ITI (Investigación e Tratamento da Información), Pilar Barros, participaron en 6 obradoiros presenciais na aula de 100 minutos cada un en un encontro intercentros, o Hackaton EpDLab, en Silleda, onde puideron coñecer ao alumnado e profesorado dos outros centros participantes no proxecto: o IES de Brión, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, o IES Illa de Ons de Bueu e o IES Pintor Colmeiro de Silleda. Ademais, durante o proxecto o alumnado interactúa con xente nova da República Dominicana mediante videocartas.

O obxectivo principal desta actividade é a formación no uso das TIC como medio de comunicación para a sensibilización social e a formación en valores. O proxecto traballa na produción de contidos transmedia e novas narrativas arredor de temáticas sociais. 

O traballo desenvólvese a través de obradoiros de formación nos que se traballa a capacitación técnica no uso das ferramentas de creación e publicación de contidos na web, a educación en valores para unha comunicación responsable, inclusiva e que acompañe os procesos de transformación social, a análise das mensaxes que se difunden na web e nos medios de comunicación, dende unha perspectiva crítica e construtiva cara á cooperación e a xustiza social. Trabállanse cuestións como as migracións, o sexismo e a desigualdade de xénero, o consumo responsable, o racismo e a xenofobia, a cooperación e o voluntariado… Todos os contidos creados ao longo do curso polas alumnas e alumnos dos cinco centros poden verse na páxina web: www.epdlab.gal e na conta de Instagram do proxecto en cada centro; no noso caso, @barranaepdlab. En cada sesión o alumnado utiliza ferramentas distintas: xeradores de memes e gifs, dobraxe de vídeos, videocreación, cartelería…; contidos que os capacitan para manexarse coas novas tecnoloxías dun xeito crítico e responsable.

O proxecto incluíu tamén unha sesión de formación para o profesorado en novas narrativas dixitais, que se desenvolveu no mes de xuño.

Agardamos seguir aprendendo con Agareso no próximo curso da man deste proxecto e doutras actividades que de seguro artellaremos xuntos. 

 

Barraña Deportiva. Maio natural

 

Como vén sendo habitual, os nosos profes de Educación Física, Pilar e Gustavo, organizaron, dentro do Proxecto Barraña Deportiva, as actividades do Maio Natural: saídas para gozar do deporte ao aire libre. Nesta ocasión todas a maioría das sesións desenvolvéronse arredor de deportes acuáticos: paddle surf, piragua-dragón, Kayak de mar, aventura nas árbores, remo e surf. Todos os alumnos e alumnas que participaron volveron encantados e desexando repetir. Estas actividades pretenden aproximar ao alumnado a deportes menos coñecidos e que poden resultar moi atractivos. Hai centos de actividades deportivas, todos e todas podemos atopar algunha que nos "enganche" e nos axude a levar unha vida máis saudable e disfrutar do noso tempo de lecer. Parabéns polo traballo, compañeiros, e esperamos repetir o vindeiro curso. 

Climate Change.

Logo de ter traballado unha unidade didáctica sobre o cambio climático na materia de Inglés, o alumnado de 4ºC acudiu á praia para facer unha pequena batida de residuos coa súa profesora Pury Vez. No tempo que estiveron alí, recolleron, clasificaron e desbotaron nos contedores correspondentes unha morea de residuos, practicando o aprendido e axudando a reducir a nosa pegada. Podedes ver de preto todo o que recolleron na nosa conta de Instagram (@barranaenreda), pero arriba podedes ver a mostra. Dá que pensar, ou non?

Charla de Lucía Ixchíu e Carlos Ernesto cano, do Colectivo Festivales Solidarios (Guatemala)

 

O pasado xoves 12 de maio recibimos, grazas a Amnistía Internacional Barbanza, a Lucía Ixchíu e Carlos Ernesto Cano, activistas e xornalistas guatemaltecos. Ambos forman parte do colectivo Festivales Solidarios (podes seguilos en redes sociais @festivalesgt), grupo e espazo de investigación, documentación e arte para a memoria histórica, a defensa do territorio e a criminalización e prisión política dende o 2013.

A visita de Lucía e Carlos enmárcase no noso Proxecto Integrado “Cidadáns do mundo”, que durante este curso pretende que nos aproximemos a outras realidades, que coñezamos o mundo no que vivimos e as persoas, culturas  e diversidades que o habitamos.

Lucía e Carlos falaron co alumnado de 4º de ESO das causas polas que loitan co seu colectivo no seu país, Guatemala: a defensa do seu patrimonio natural fronte ás grandes multinacionais que pretenden esquilmalo, a protección das culturas nativas indíxenas, a denuncia da detención de activistas, e a protesta a través da arte: grandes festivais populares e intervencións artísticas para chamar a atención do mundo e loitar contra a inxustiza. Mediante a recuperación e intervención do espazo público por medio de festivais, grandes murais e accións de protesta fan visibles as súas reivindicacións.  Tamén nos falaron das dificultades que atopa a xente nova, e sobre todo as mulleres, no seu país.

Lucía e Carlos demostráronnos que as persoas, as nosas intención e accións, somos poderosas, e máis se nos xuntamos por un obxectivo xusto e común. Se queremos un mundo mellor, temos que ser partícipes da súa construción.

Distribuir contido


by Dr. Radut