Skip to Content

HACKATHON EPDLAB 2024

O pasado xoves 4 de abril o alumnado de 1º ESO B desprazouse a Bandeira (Silleda) para participar no Hackathon EpDLab, unha xornada de convivencia e traballo colaborativo dentro do proxecto EpDLab, no que levamos participando tres cursos. 

O EpDLab é un proxecto que se desenvolve en cinco centros de Galicia (IES Pintor Colmeiro de Silleda, IES de Brion, IES Carlos Casares de Viana do Bolo, IES Illa de Ons de Bueu e o  noso propio centro, o IES Praia Barraña de Boiro) da man de Agareso (Asociación galega de comunicación para o cambio social).

No marco deste proxecto cada curso un grupo clase recibe a visita do persoal de Agareso  para traballar en obradoiros de 100 minutos temas como a igualdade, a xustiza social, o consumo responsable, o activismo social, a lectura crítica dos medios o redes sociais... a través do uso das narrativas dixitais e as novas tecnoloxías. O obxectivo é reflexionar sobre todos estes temas vinculados á educación para o cambio social ao tempo que se traballa nun uso positivo e responsable das tecnoloxías.

No Hackathon o alumnado que participa no proxecto xúntase para unha xornada de convivencia, socialización e traballo en equipo arredor dun tema determinado. Nesta ocasión foi a convivencia positiva e o bo trato. A través de dinámicas activas de presentación e coñecemento, pensamento creativo, creación de contido audiovisual, etc. o alumnado falou sobre conceptos como a empatía, a amabilidade, o respecto, a colaboración... e aínda tiveron tempo para compartir un delicioso xantar e tempo de lecer ao aire libre. 

Agardamos seguir participando deste proxecto, que consideramos xa fundamental na planificación escolar de cada curso académico do noso centro. 



page | by Dr. Radut