Skip to Content

Día Internacional para a Tolerancia. Conversas con Mans Unidas.

 

O martes 16 de novembro, con motivo do Día Internacional para a Tolerancia, e dentro do marco do noso Proxecto Integrado “Cidadáns do mundo” recibimos a visita de dous voluntarios de Mans Unidas e Ecos do Sur, Mabel Mougán e Djibril Faye. Mabel e Djibril conversaron co alumnado de 4º e 3º da ESO, respectivamente, sobre os campos de refuxiados e sobre a experiencia da emigración.

Djibril Faye, voluntario da ONGD Ecos do Sur, veu nesta ocasión coma colaborador da ONGD Mans Unidas da  Delegación  de Santiago. Mans Unidas  leva  62  anos  loitando contra  a  fame  e a  desigualdade  nos  países do cono sur apoiando á  poboación  no  seu desenvolvemento  con  distintos  proxectos (educativos,  sanitarios , agrícolas ...) .   Djibril  traballa  na  ONG Ecos do  Sur como  mediador  intercultural  e  como  responsable  do  programa de acompañamento  sanitario. Actualmente residente en A  Coruña,  Djibril  é de  orixe  Senegalés, e compartiu coa  rapazada de 3º ESO  a  súa  experiencia como  migrante chegado  a  Canarias e  o  seu  periplo por España.

Djibril é quen de  falar 6  linguas además do  castelán  e  leva  traballando  en  Ecos do  Sur  dende o  ano  2008.  O alumnado tivo  unha  actitude  exemplar durante  toda  a  charla.  Agardamos que  compartan  a  experiencia  coas  súas  familias. 

Pola súa parte, Mabel Mougán, voluntaria da ONGD Mas Unidas, relatou a súa visita a ONGD Kuchinate en Israel, colectivo de mulleres africanas, ao alumnado de 4º ESO. A organización Kuchinate ten como obxectivo dar acubillo a mulleres africanas, sobre todo de Eritrea e Sudán, que foxen dos seus países en busca dun futuro mellor, pero moitas delas acaban sendo vítimas da trata de persoas, encarceradas e violadas. Finalmente as que conseguen chegar a Israel son acollidas por esta ONGD que lles proporciona un fogar, axuda psicolóxica e un medio de vida coa elaboración de artesanía de crochet. Unha realidade, a destas mulleres, moi dura, xa que ademais de todo o dito hai que sumarlle o feito de que en Israel non teñen o recoñecemento de refuxiadas, o que fai que “non existan” legalmente, de aí a importancia desta entidade que lles proporciona a axuda necesaria para sobrevivir.

Grazas a Mans Unidas por prestarse desinteresadamente a aproximar estas realidades ao noso alumnado, e á nosa xefa do Departamento de Inglés, Pury Vez, por xestionalo. Agardamos seguir aprendendo e enriquecéndonos con outras experiencias neste curso, da man do noso proxecto "Cidadáns do mundo".



page | by Dr. Radut