Actividades

Club de debate do Concello de Ames

O luns 5 de febreiro comezaron as actividades de formación dos participantes no Club de debate do Concello de Ames.

Construíndo o meu camiño

A Anpa do IES do Milladoiro Anpamilla, en colaboración co Departamento de Orientación do centro, organiza o 1º encontro "CONSTRUÍNDO O MEU CAMIÑO", que terá lugar o próximo 8 de febreiro. O obxectivo desta actividade  é poñer en contacto o alumnado de bacharelato con profesionais que lles poidan falar da súa vocación, dos seus estudos e do camiño da súa profesión.

Charla: "Establecendo vínculos"

Dentro do ciclo  Espazos para reflexionar, a Anpa do IES do Milladoiro Anpamilla organiza a charla "Establecendo vínculos", que será impartida pola Dra. Magdalena Seco (Centro de Saúde do Milladoiro), o vindeiro mércores, 7 de febreiro, ás 17:30 no Salón de Actos do Instituto.

 

30 de xaneiro: Día Escolar da Non Violencia e da Paz

O 30 de xaneiro entregáronse os premios do II Concurso Literario "A nosa biblioteca", convocado para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e da Paz. Os gañadores foron Mario Mosquera Gómez (2º ESO PMAR ) e Nathalie Valera Vargas (4ºESO A). Parabéns!

Gravación dun documental sobre a "Rede do Milladoiro" con AGARESO

O luns 29 empezou a traballar o noso equipo de gravación comandado polos xornalistas de AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios). Trátase dunha actividade extraescolar gratuíta dirixida ao alumnado voluntario de 2º e 3º de ESO. Terá lugar no noso centro os luns do 29 de xaneiro ao 12 de marzo, de 16:30 a 18:30.

Saída a Sotavento

Saída a Sotavento

O departamento de Bioloxía e Xeoloxía organizou unha saída a Sotavento para o alumnado de 4º de ESO.

CONCIENCIACIÓN contra os estragos no centro e polo consumo responsable

   O noso é un centro novo do que nos sentimos orgullosos. Cremos necesario implicar a toda a comunidade educativa na súa conservación e mellora. Por iso, o equipo directivo iniciou a pasada semana unha campaña de sensibilización que se suma á Olimpíada de Convivencia. Cada grupo de alumnos tivo ocasión de reflexionar sobre os estragos que se están a producir no centro e a súa repercusión económica, asistindo ás breves charlas impartidas polo director ou o secretario do IES (os datos aquí recollidos son aproximativos, e teñen só un valor informativo). Incidimos tamén na necesidade de facer un consumo responsable de luz, auga, calefacción, etc.

Obradoiro "O BO TRATO"

O Centro de Información á Muller  (CIM) do concello de Ames leva a cabo no noso centro o obradoiro O bo trato desde o luns 23 de xaneiro. Está conformado por catro sesións: dúas impartidas pola formadora especializada en educación emocional, Aixa Permuy, e outras dúas impartidas polas titoras e titores de cada grupo. Dirixido ao alumnado de 1º da ESO dos centros de educación secundaria amesáns, o obradoiro busca ser un espazo de reflexión sobre as maneiras nas que as mozas e mozos viven as súas relacións persoais no día a día.

Obradoiro "DESMONTANDO PREXUÍZOS" - AGARESO

O alumnado de 2º de ESO A participará o martes 23 de xaneiro no obradoiro Desmontando prexuízos de AGARESO. O xoves 25 participará 2º ESO C e o martes 30 2º ESO D, E. A participación de 2º ESO B vai incluída no EPD_Lab.

#STOP BULOS- EPD_Lab con AGARESO

AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) continúa co seu Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento en colaboración co noso centro. Aquí podemos  acceder aos traballos de decembro.

Concerto didáctico

Saída a Sotavento

O mércores 24 de xaneiro o alumnado de 4º de ESO visitará o parque eólico de Sotavento nunha actividade organizada polo departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

EXCURSIÓN A ANDORRA

A saída adiántase ás 22.00. Lugar: aparcadoiro fronte ao IES do Milladoiro.

OBRADOIRO DE EDUCACIÓN AUDIOVISUAL - AGARESO

Amosamos aquí o documental realizado no curso 2015/2016 por AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) en colaboración coa ACPP e o IES do Milladoiro. Recordamos que ata o 5 de febreiro poden apuntarse os alumnos e alumnas de 2º e 3º de ESO interesados en participar no presente curso 2017/2018.

Outros vídeos realizados en cursos pasados: aquí e aquí.

Expometeoro

O desenvolvemento do plan proxecta O Laboratorio do ClimaDoiro e a colaboración da Biblioteca do IES do Milladoiro fan posible que, dende o 8 ao 29 de xaneiro, o noso alumnado poida acceder á exposición Expometeoro, realizada por MeteoGalicia.

O IES do Milladoiro na "Revista Galega de Educación"

Dende o curso 2016/2017 no IES do Milladoiro impártese a materia de Paisaxe e sustentabilidade en 1º da ESO. Dende entón, Tania Riveiro, investigadora do Grupo RODA do Departamento de Didácticas Aplicadas da USC, colabora coa profesora encargada da materia, María López (Departamento de Ciencias Naturais). Tania Riveiro explica o resultado das súas investigacións nun artigo que vén de ser publicado na Revista Galega da Educación, editada por Nova Escola Galega.
 

Obradoiro de Educación Audiovisual con AGARESO

A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), en colaboración co noso centro e a ACPP Galicia, ofrece ao alumnado de 2º de ESO a posibilidade de participar, de xeito voluntario, nun obradoiro de educación audiovisual gratuíto que se realizará no centro os luns de 16:30 a 18:30, do 29 de xaneiro ao 12 de marzo. O xoves 11 de xaneiro terá lugar en horario escolar a primeira sesión informativa para solicitar voluntarios.

Excursión a Andorra - Reunión informativa

Convocamos ás familias do alumnado que participará na excursión a Andorra a unha reunión informativa o martes 16 de xaneiro de 2018 ás 18:15 no salón de actos do noso centro.

Nela daremos as últimas recomendacións. Recordamos:

  • Todas as comidas están incluídas, agás as das viaxes de ida e de volta en autobús. É recomendable, polo menos á ida, levar uns bocadillos da casa.
  • Documentación. Non é obrigatorio o pasaporte. TODOS OS ALUMNOS (incluídos os que teñan pasaporte) deben levar o seu DNI e o permiso ou autorización para a viaxe que hai que solicitar na Garda Civil.   Estas son as últimas indicacións dadas en xaneiro pola Garda Civil ao profesor responsable da excursión, aínda que anteriormente lle dixeran que co pasaporte abondaba. Lamentamos as molestias.
  • Para solicitar o permiso de autorización para a viaxe, o pai,  a nai ou o  titor legal do alumno ou alumna debe acudir ao cuartel da Garda Civil co seu DNI, o do alumno en cuestión e o libro de familia. Nos casos de separación ou divorcio deben acudir os dous proxenitores. No impreso non é necesario poñer o nome e o DNI do profesor acompañante, abonda con indicar "Profesor responsable do IES do Milladoiro". É necesario ir obtendo este permiso, sen el non poderán viaxar.
  • A axencia de viaxes ten contratado un seguro médico. Ademais,  Andorra ten asinado un convenio con España  en materia de Sanidade, se alguén quere levar tamén esta cobertura debe solicitala na Seguridade Social  indicando que se trata dunha viaxe a Andorra. ( impreso E-AND 11)

Conferencia: "Vacinas para o cancro"

O profesor da Facultade de Bioloxía da USC Óscar Cordero acudiu ao noso centro o martes 9 de xaneiro para falar co alumnado de bioloxía de 1º e 2º de Bacharelato das investigacións no eido da vacinación contra o cancro. Trátase dunha charla dentro do programa A Ponte da USC, no que o noso centro participa. O obxectivo é facilitar o tránsito entre o bacharelato e os estudos superiores e ofrecerlle ao alumnado a posibilidade de coñecer as últimas investigacións da man dos seus protagonistas.

Premiados no VII Concurso Radiofónico de Teatro Lido do Concello de Ames

Un dos grupos do IES do Milladoiro participante no VII Concurso Radiofónico de Teatro Lido vén de gañar o Premio do Público na gala organizada polo Concello de Ames o día 20 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns. Lois Santiago, Hugo López e Isabella Marín, alumnos e alumna de 4º da ESO, recibiron o premio pola peza Lois e os Loisiños, e correspóndelles un agasallo en metálico ademais da satisfacción de ter o recoñecemento do público.

Festival de curtametraxes

A Biblioteca do IES do Milladoiro organiza a participación do noso centro na V edición de El día más corto, festival internacional de curtametraxes. Os alumnos de 1º de ESO desfrutarán  deste evento o día 21 de decembro a partir das 12: 50.

Saída ao MUNCYT

Os días 19 e 20 de decembro os alumnos de 2º de ESO tiveron a oportunidade de participar nun obradoiro de química no MUNCYT (A Coruña).

II CONCURSO LITERARIO "A NOSA BIBLIOTECA"

Co motivo do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, que terá lugar o martes 30 de xaneiro de 2018, a Biblioteca do IES do Milladoiro organiza o seu II Concurso literario baixo o título "TEXTOS EN PAZ", dirixido a todo o alumnado de ESO e Bacharelato. Bases neste enlace.

Proxección da película realizada polos nosos alumnos, DE MILLADOIRO A SEIDÓN

O sábado 16 de decembro, no marco do festival Cinema e crianza, será proxectada ás 11:00 na Casa da cultura de Bertamiráns a película De Milladoiro a Seidón, realizada polo alumnado participante no proxecto CINE EN CURSO (2016/2017). Mónica García, a coordinadora deste proxecto, asistirá á proxección para explicar como se desenvolveu esta iniciativa educativa. A entrada é libre e gratuíta.

Conmemoración da Declaración dos Dereitos Humanos

A Biblioteca do IES do Milladoiro celebrou o luns 11 de decembro o 70 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos cunha lectura plurilingüe deles e a exposición de Amnistía Internacional Os dereitos humanos e a pintura.

Ciencia colaborativa

   Durante o mes de novembro, o alumnado de Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional (CAAP) participou nun proxecto de ciencia colaborativa de ámbito mundial. O proxecto leva por nome The art of crystallitation e foi deseñado pola Royal Society of Chemistry. Neste enlace pódese acceder a toda a información, ós datos obtidos polo alumnado e a algunhas imaxes da actividade.

Segundo obradoiro de traballo do EPD_Lab con AGARESO

Neste enlace podemos acceder ao resultado da segunda sesión de traballo, que versou sobre o sexismo nos medios de comunicación. O Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento é unha iniciativa da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) na que o IES do Milladoiro participa nun traballo conxunto con outros catro centros galegos.

Charla: Redes sociais e mocidade

A Nova Escola Galega, en colaboración co Concello de Ames, organiza unha charla-debate sobre Redes sociais e mocidade, o mércores 13 de decembro ás 17:30 no IES do Milladoiro.

Concerto do Coro Son Elas

O martes 12 de decembro ás 17: 20 o coro Son Elas actuará para o alumnado de 2º de ESO no salón de actos do IES do Milladoiro.

Exposición: Á violencia de xénero dille NON!

Do 1 ao 18 de decembro poderemos ver, organizada pola Biblioteca do centro, a exposición da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia Á violencia de xénero dille NON! Cun formato de banda deseñada e unhas mensaxes sinxelas e claras, amosa comportamentos discriminatorios presentes nalgunhas  relacións afectivas e sociais e que son un sinal incipiente de violencia machista.

Distribuir contido