A MeGaBiblioteca recibe un agasallo

A Megabiblioteca agradece o agasallo, por parte da Librería Kómic, de O Fillo da Furia, e a amable dedicatoria de Manolo López Poy, coautor con Miguel Fernández Vázquez deste cómic. O protagonista baséase nunha personaxe real, Mamed Casanova (alias Toribio), o derradeiro bandido que existiu na zona de Ortigueira. Inda que semella a historia da súa vida, do que o define socialmente (ser fillo de solteira, pobre, parrandeiro, bravucón e algo violento, fiel aos amigos, ...), do que o anima (emigrar para gañar riquezas e dignidade) e do que o condea, en realidade é moito máis. Mamed Casanova atenta contra todas as normas sociais e fai tambalear a estrutura caciquil da Galicia da época. A súa historia, en branco e negro, serve para retratar a sociedade galega de finais do XIX e principios do XX cos seus contrastes: a cidade, a vila e a aldea; a miseria dos labregos e a fachenda dos novos ricos chegados das Américas; o poder dos caciques, novos ricos e curas, e a submisión dos pobres; a violencia destes fronte á das forzas vivas e a garda civil; a miseria e a fame fronte á riqueza... Un cómic moi recomendable.
fillo_furia.png