Skip to Content

Lingua galega

DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA

EN TEMPOS DO CORONAVIRUS:
XORNADA INTERNACIONAL DA POESÍA NO IES PLURILINGÜE ELVIÑA

Portada de Cantares Gallegos 1863     O día 21 de marzo foi declarado pola UNESCO en 1999 Día mundial da poesía, xornada internacional adicada á palabra humana universal. Como é tradición no IES Elviña celebrar esta xornada, non quixemos desaproveitar a ocasión, aínda nas tristes circunstancias desta longa noite de Coronavirus. Así que, desde os seus fogares, varios membros do claustro do IES prepararon un vídeo a partir da recitación de Eu ben vin estar ó moucho, poema pertencente aos Cantares gallegos de Rosalía de Castro.

     Velaí vai...Adorno

 Para os curiosos lectores, que os hai, e son moitos aínda, o texto na primeira edición (1863).

 

Eu ben vin estar ó moucho
enriba d'aquel penedo:
¡non che teño medo moucho,
moucho non che teño medo!


I
Un-ha noite, noite negra,
Com' os pesares qu' eu teño,
Noite filla das sombrisas
Alas que estenden os medos;
Hora en que cantan os galos,
Hora en que xemen os ventos,
En qu' as meigas bailan, bailan,
Xuntas có demo pirmeiro,
Arrincando verdes robres,
Portas e tellas fendendo,
Todas de branco vestidas
Tendidolos brancos pelos
Contra quen os cans oubean
Agoirando triste enterro;
Cando relumbrar se miran
Antr' os toxales espesos,
Cal encendidas candeas
Ollos de lobo famento,
E os ramallaxes dos montes
Antre sí murmuxan quedos,
E as follas secas qu' espallan
Os aires da noite inquietos,

En remuiños se xuntan
Con longo estremecemento;
Indo camiño da Igrexa,
Soya cós meus pensamentos
Cabo da fonte da Virxe
Pretiño dó cimeterio,
Dempois de sentir un sopro
Que me deixou sin alento,
Eu ben vin estar ó moucho
Enriba d' aquel penedo.

II.
Arrepuïñadas todas
As carnes se me puñeron
E os cabelos no curuto
Fórons' erguendo direitos:
Gotas de sudor corrian
Afio pó lo meu peito,
E trembaba como tremban
As auguas cando fay vento,
Ná pia da fonte nova
Que sempre está revertendo.
Aquel moucho ali fincado,
Cal si fose ó mesmo demo,
Fito á fito me miraba
Có seus ollos rapiñeiros,
Que coidei que me roubaban
Non mais que de lonxe velos,
De lume me paresian

E que me queimaron penso,
Penso qu' eran tizós roxos
Da fogueira dos infernos
Que pó las niñas me entraron
Hastr' ó corazon direitos
En el remorsos habia
D' amoriños pecadentos...
¡Ay! quen ten d' eses amores
Non pod' achar bon sosiego!

Chovia, si Dios ten augua,
Ventaba en tódolos ventos,
E ensarrapicada toda
A camiñar non m' atrevo
Qu' ó moucho fita que fita
M' aspera na quel penedo.
Mais acordeime da Virxe
Que sempre conmigo levo,
Resoll' un Ave-Maria
E cobrando novo alento,
Com' os páxaros do mare,
Nadando, paso ó regueiro,
Corro á enriba dó valado,
Brinco en baixo dó portelo,
E den' ali, berro estonces
Con cantas forzas eu teño:
Non che teño medo moucho,
Moucho non che teño medo.

O PAI DE MIGUELIÑO

Andamos cinéfilos no insti, xa non só pola materia de cinema que o Dpto. de inglés montou en 1º de ESO, senon tamén porque o Depto. de galego trouxo ao centro para dar unha charla aos rapaces de 4º ESO a Manuel Castelo (Ourense, 1946), un dos "pais" do cinema galego. Precisamente, estivo o pasado día 13 de xaneiro no Salón de actos do IES Elviña a falar sobre unha das proto-obras do noso cinema, O pai de Migueliño, realizada por el mesmo en 1977. A obra inspírase no famoso relato de Alfonso D. Castelao do mesmo título. Aproveitando a charla, Manuel Castelo proxectou algunhas mostras da filmación.

miguel*-01miguel-02miguel-05

SÉCHU SENDE NO IES ELVIÑA

Made in GalizaSéchu Sende contra os prexuízos lingüísticos

Invitado polo profesorado do Departamento de lingua galega do IES Plurilingüe Elviña, dentro da súa programación de actividades, acudiu ao noso salón de actos o recoñecido autor de Made in Galiza, Séchu Sende, para dar unha charla de dúas horas ao alumnado de 4º ESO, 1º e 2º de Bacharelato. Coa súa ben coñecida capacidade de fabular e as súas non tan coñecidas, pero igualmente admirables facultades mediúmnicas e telequinéticas -adeprendidas en parte, segundo a súa propia confesión durante a charla, nun cursiño por terras do Oriente marabilloso- sorprendeu e engaiolou aos rapaces. Tentouno tamén coa hipnose colectiva e, aínda que ninguén acabou catatónico (por sorte para todos!), é de esperar que as súas palabras e as súas historias espertaran en máis de un e de unha o desexo de falar sen prexuízos lingüísticos.

124
568

ACTIVIDADES NA CORUÑA

Universo coruñentoUNIVERSO "CORUÑENTO"

  Cousa é de todos sabida: o máis descoñecido é sempre o que temos máis perto. Por iso, veulles ao maxín aos nosos profes de galego a idea de levar ao alumnado de 4º ESO a unha actividade destinada a coñecer a nosa cidade, esta Coruña nosa tan maltratada ultimamente de ventos, saraibas e choivas, que ben semella miragre non afunda unha noite no Atlántico (e se cadra esteamos xa afundidos sen sabelo...).
    Pois por se quedaba Coruña por coñecer, pareceulle a Xurxo Souto montar o seu Universo coruñento, espectáculo virtual no que pasa revista ás anécdotas, aos mitos, ás historias do pasado que se agochan baixo as rúas e prazas que todos os días percorremos.
   A "festa", integrada no Plan Proxecta de toponimia desenvolvido polo Departamento de lingua galega do IES Elviña, celebrouse no Centro Ágora o pasado mércores día 13 de novembro e estivo aderezada con cancións coruñesas de toda a vida e co ben coñecido humor do vocalista dos Diplomáticos. É de desexar que os nosos alumnos tornasen máis sabios do que marcharon. Velaquí algunhas fotiños do evento...

Universo coruñentoUniverso coruñento2Universo coruñento3
Universo coruñento4Universo coruñento6Universo coruñento5

SES en concerto para o IES ELVIÑA

     Entre as cantautoras que, desde hai xa uns anos, destacan no panorama galego polo seu talento e impulso creador, brila con especial luz a coruñesa María Xosé Silvar, máis coñecida entre a concurrencia de afeizoados como SES. O que se cadra xa non se coñece tanto é que Sés foi alumna do noso IES Elviña, cando aínda era instituto de bacharelato, claro.

Ses discoSes02

     Non por esa razón, pero sí entre outras, Sés recibiu no auditorio do Centro Ágora da cidade ao noso alumnado para ofrecer un concerto con cancións dos seus últimos discos. Os rapaces foron acompañados Alfonso, Belén e Edita, que desfrutaron do concerto e da charla posterior. Sés amosou o seu excelente carácter e falou cos rapaces dos valores que alentan na súa música: respecto, igualdade, dereito, compromiso. Ao rematar a charla, testemuñas as fotos feitas por Janna, retratouse con toda a chavalada, coma quen se achega á familia. Houbo, segundo ben se ve, fervenza de "selfis".

010304
050607
080910
111213
Distribuir contido


by Dr. Radut