Skip to Content

Clubes de lectura

Nova sesión do clube de lectura de adultos na Biblioteca

              Sesión Club de lectura 09-11-22

O mércores 9 de novembro e ás 5 da tarde terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura de adultos na Biblioteca do noso Centro. Visitaranos para falar sobre o seu libro "O rosario e a bugina" o profesor e escritor, Xosé Ricardo Losada. En palabras do responsable do Club de Lectura, o profesor Víctor González: "Xa o pon na convocatoria. É visita ilustre, unha máis, outra. Profesor de filosofía en Rianxo, escritor, biógrafo, a máis cousas que case prefiro non destacar por non violentar ao convidado. Doado sería incidir na súa calidade de profesor de filosofía, e expoñer as bondades da mesma, unha vez máis, mais das bondades da filosofía temos escrito outras veces. Non convén teimar. Falemos pois do escritor Xosé Ricardo Losada... mais, é posible falar do autor e non da vila que o inspira, da paisaxe? A obra precisa unha vida que a alimente, claro está... falemos, pois do home, de Xosé Ricardo Losada, e da vila de Rianxo na que habita e do mar de Arousa que a contempla, que algo terá que ver a ría e o mar para que en Rianxo nacera tanta xente ilustre, Castelao, Rafael Dieste, Manoel Antonio...., algo terá a vila, algo terá, quizáis o invitado teña a resposta, ou polo menos, unha sospeita, que quizais pescudando na vida e na obra de Manoel Antonio a atopara. Falaremos
A obra que a tarde do mércores 9 vainos convocar expón, na miña opinión, o debate entre a razón e a fe, que a historia pensamento leva arrastrando desde hai séculos, pero esta é una simple opinión, seguro que a tarde do mércores hai outras, e haberá regueifas e risas, e vida.... pouco máis se pode pedir. Vos veredes. Saúde".

Xuntanza do Club de lectura do alumnado "Piratas do Ulla"

                  Xuntanza club lectura Piratas do Ulla

O Club de lectura do alumnado do noso centro inicia as súas actividades o martes 18 de outubro, durante o segundo recreo e no espazo da Biblioteca. En palabras do coordinador deste club de lectura, o profesor Víctor González: "O martes 18, no segundo recreo, na Biblioteca de IES, desembarcan os piratas. Non veñen a roubar tesouros, ainda que na Biblioteca hainos dabondo, non, non veñen a iso, nin a fundir galeóns nin desvalixar mercantes. Non, quedade tranquil@s. Non traen parche no ollo nin loro sobre o ombreiro, tampouco arrastran pata de palo, mais son piratas perfectamente recoñecibles, levan o sorriso marcado nos beizos, o mar nos ollos e a ilusión no mirar, os andares dignos... claro, son os piratas do Ulla, alumn@s do IES de Valga, do club de lectura, claro. Se queredes saudalos, que digo saudalos, se queredes enrolaros no Club e ser vos tamén piratas, pasade o martes no segundo recreo pola Biblioteca. Unha vista que paga a pena. Saúde".

Acto de inauguración do Clube de Lectura 2022/2023

                 Sesión inaudural club de lectura adultos 2022/23

O xoves, 22 de setembro comezan as actividades deste curso 2022-2023, dentro do Club de Lectura da Biblioteca do IES de Valga. Será a partir das 17:00 horas para comentar o libro "Klara y el Sol" do escritor xaponés Kazuo Ishiguro.

En palabras do coordinador do Club de lectura, o profesor Víctor González: "O vindeiro 22 de setembro, xoves, o club de lectura do IES de Valga "Veigas de Campaña" inicia a súa andadura. A obra que nos vai a acompañar é dun xaponés Kazuo Ishiguro, Premio Nobel no ano 2017- O libro "Klara y el Sol". Coñezades ou non a obra, estades convidados. Tod@s, calquera pode vir, e nos coñecedes. Se vides, seguro que enganchades para a seguinte cita. É unha vez ao mes. Imos alternando, unha obra en castelán (como a do xaponés) da paso a outra escrita en galego. Non lembro cal é a que toca, pero non vos preocupedes, seguro que paga a pena, a obra e a visita. Estaremos na biblioteca do IES, coma sempre. A compañía, inmellorable. Garantizado o desfrute. Grazas".

Visita do Club de lectura do alumnado "Piratas do Ulla" ás Illas Cíes

Club de lectura alumnado "Piratas do Ulla" nas illas Cíes

O alumnado do club de lectura do alumnado "Piratas do Ulla", acompañados do profesorado Víctor González, Lucía Gómez e Fran Godón, realizaron unha visita ás illas Cíes o mércores 14 de setembro. A saída complementou as actividades que realizaron o curso pasado. Ademais de alumnado e profesorado, participaron nesta excursión as tres profesoras: Pille Olesk, Triinu Ugur e Kristiina Maalaps do centro educativo de Estonia, "Valga Gymnasium" que nos visitaron dende o pasado luns 12 de setembro.

En palabras do responsable do club de lectura, o profesor Víctor González: "Os Piratas do Ulla" visitaron as illas Cies. O tiñan gañado. Non ían por tesouro algún, ían descansados. tiveron travesías duras o curso pasado, vsitaron as terras de transilvania, con "Drácula", pisaron a "illa de Bowen", más alá do polo polar Ártico.... o relatorio podería ser extenso. E xa onte, nas Cies, e sen querelo, atoparon o tesouro máis precioso, non o buscaron máis ben foi o tesouro o que foi a por eles, os arroases, deles falo. Si, cando xa volvíamos para terra despois dunha xornada estupenda, polo estribor do barco, xogando, pasando do babor ao estribor, apareceron os arroases. Que tesouro máis bonito. Contan que onde os arroases habitan, impregnan o territorio de bondade, de empatía, que boa falta fai, non a estes "Piratas do Ulla", que teñen dabondo, pero si por outras terras e paisaxes. Longa vida a os "Piratas do Ulla"; "Longa vida a os arroases"

 

Club de lectura alumnado "Piratas do Ulla" nas illas Cíes

Visita de profesoras do centro educativo Valga Gymnasium (Estonia)

Visita de profesoras do centro educativo Valga Gymnasium (Estonia)

Tres profesoras do centro educativo Valga Gymnasium da localidade homónima de Estonia están a coñecer o noso centro desde o luns 12 e ata o mércores 14. Son Pille Olesk (project manager)  Triinu Ugur (study manager) e Kristiina Maalaps (activity leader) e están inmersas nun proxecto Erasmus+  que pretende, entre outros obxectivos, o coñecemento do noso sistema educativo. Entre as actividades que levan a cabo está visitar as distintas instalacións, o funcionamento do noso IES, coñecer a práctica docente nas nosas aulas..., ademais o mércores participarán na excursión do Club de Lectura do alumnado. Pola súa parte, explicaron como é o seu centro educativo e o funcionamento do sistema de ensino do seu país ao profesorado do centro. Esperamos que a súa estancia sexa produtiva e que esta colaboración perdure no tempo.

Visita de profesoras do centro educativo Valga Gymnasium (Estonia)

Distribuir contido


by Dr. Radut